A radio, ferramenta para a vida

Texto

Falarmos de radio hoxe é revolucionario. A revolución de volver á palabra e de escoitar, de escoitármonos. A revolución de privilexiar o proceso perante o resultado. De focalizar a atención na voz, en como soan as cousas, no que transmite a música e na forza do silencio. Traballarmos coa linguaxe de radio é sentir que temos unha boca para falar a metade e dúas orellas para escoitar o dobre. A escoita da outridade coma propia: acertamos e erramos á vez, formamos parte dun mesmo equipo que na radio chamamos redacción, que na vida nomeamos como sociedade. Supón confiarmos nos procesos democráticos e traballarmos a consciencia crítica nun mundo que non só é o noso nin como nós o ollamos. Creatividade e imaxinación para unha globalidade de ruído e furia. Dalgún xeito…

Dalgún xeito, falar de radio, educación e vida, é un proceso de desconstrución da última xa que, coas ferramentas, aprendizaxes e coñecementos adquiridos, ondas e ensino son alicerces na formación de calquera persoa. Para adquirir todas esas aprendizaxes, convidamos o lectorado desta Revista Galega de Educación (RGE) a mergullárense con nós nas diferentes perspectivas educacionais, radiais, vitais, que neste monográfico amosamos.

Un número que comeza co artigo de Lucía Abarrategui, coordinadora deste monográfico xunto a Sergio Pascual, no que cartografa o sentido da radio no século XXI e a súa vixencia e capacidade para achegar contidos e promover o “aprender a aprender”. Unha aprendizaxe que comeza desde idades moi cativas e que depende, en parte, da realidade da radio como construtora de espazos sociais que xeran novas vías de expresión para a mocidade, como explica no terceiro capítulo o xornalista Luís Pardo; no seu caso a emisora do seu concello como xerme da súa vocación.

A radio constitúe unha ferramenta de gran potencia no fomento dunha sociedade democrática e de pleno dereito. Desde a perspectiva galega, a decana do Colexio de Xornalismo de Galicia, Belén Regueira, aborda no terceiro capítulo a necesidade de incorporar ao ensino unha alfabetización mediática entre o alumnado.

No cuarto capítulo, o micrófono do monográfico ábrese á construción individual da persoa e á relación entre conceptos como memoria e democracia a través da experiencia da profesora de filosofía do IES Gregorio Fernández (Sarria), Patricia Coucheiro. Xa na quinta entrega deste monográfico, co mestre de Educación Infantil, Daniel Vidal, aprendemos como introducir nas ondas o alumnado de Educación Infantil a través de elementos estreitamente vencellados á nosa identidade, como é a música tradicional.

No sexto capítulo, a Asociación Galega de Comunicación para o cambio social (AGARESO) partilla o seu proxecto sobre a Creación de audios pola memoria das mulleres. Unha vía máis, a través da radio, para evitar que a desmemoria e o odio permeen tamén no eido educativo.

Unha radio escolar que, alén do valioso traballo no eido educativo que se está a facer en Galicia, conta con boas prácticas noutras autonomías que nos axudan a seguir aprendendo. No sétimo e o oitavo capítulos, coñecemos as experiencias de dous centros de Estremadura e Valladolid, da man dos docentes Roberto Díaz e Susana Arcos, con diferentes contextos pero coa radio como eixe dinamizador das súas metodoloxías.

Na parte final do monográfico e de volta a Galicia —capítulos 10, 11, 12 e 13— repasamos proxectos a unha proposta de material técnico para montar unha radio, tomando como modelo as emisoras profesionais pero de baixo custe a través de Rede Espora; adentrámonos nunha das radios escolares de máis tradición do país, Radio Altamira; coñecemos como as ondas pode ser un perfecto vehículo de transmisión lingüística á cativada coa achega do proxecto Universo Nosso do colectivo Brincarmos; e retornamos a Castelao en formato audiolibro e a todo o aprendido ao longo do proceso grazas á experiencia compartida polo alumnado e profesorado do CIFP Universidade Laboral (Culleredo).

Poñemos o ramo a este especial sobre a radio e a escola cunha entrevista a un dos proxectos referentes que teñen marcado a tantas xeracións de alumnas e alumnos: Ponte nas Ondas. Conversamos cun dos seus fundadores, Santiago Veloso. Como addenda, no Para saber máis, escolmamos distintas boas prácticas ás que coidamos fai falta botar un ollo e tamén unha escoita.

En definitiva, este é un monográfico para explorar distintos xeitos de facer a radio dende a escola e entender o sentido da súa vixencia no contexto actual. Porque, a radio e a educación forman un binomio que aínda ten moitas historias por contar.

Un binomio perfecto que aínda ten moitas historias por contar.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir