A radio escolar: unha oportunidade para a interxeracionalidade

Resumo

Esta investigación abrangue o deseño, desenvolvemento e avaliación dun Programa Interxeracional de radio que tivo lugar no ano 2016 no CEIP Barouta (A Coruña). Nela participou alumnado de 6º de Primaria e persoas maiores da contorna que, xuntos, crearon un programa de radio sobre patrimonio cultural. O estudo do caso fíxose a través da investigación avaliativa empregando a análise de datos cualitativos que se recolleron mediante entrevistas, notas de campo e as propias producións da actividade (comentarios radiofónicos e guión do podcast). Un traballo dende o que coñecemos as potencialidades da radio como ferramenta para a promoción da interxeracionalidade dende a escola.

Esta investigación abarca el diseño, desarrollo y evaluación de un Programa Intergeneracional de radio que tuvo lugar en 2016 en el CEIP Barouta (A Coruña). En ella participaron estudiantes de 6º de Primaria y personas mayores de la zona, las cuales crearon un programa de radio sobre patrimonio cultural. El estudio de caso se realizó a través de una investigación evaluativa utilizando el análisis de datos cualitativos que fueron recolectados a través de entrevistas, notas de campo y las producciones resultantes de la actividad (comentarios de radio y el guión del podcast). Un trabajo que nos permite mostrar el potencial de la radio como herramienta para el fomento de la intergeneracionalidad desde la escuela.

This research covers the design, development and evaluation of an intergenerational radio programme that took place in 2016 in CEIP Barouta (A Coruña). It involved 6º grade primary school students and elderly people from the area, who created a radio programme on cultural heritage. The case study was carried out through evaluative research using the analysis of qualitative data that were collected through interviews, field notes and the resulting productions of the activity (radio commentaries and the podcast script). A work that allows us to show the potential of radio as a tool for the promotion of intergenerationality from the school.

Texto

Introducción

Habitamos un contexto que en termos demográficos está marcado polo descenso da natalidade e o aumento da esperanza da vida. Unha situación que incrementa as posibilidades de que persoas afastadas a nivel cronolóxico se crucen polo camiño. Unha oportunidade de enriquecemento non só a nivel individual senón tamén sociocomunitario que a escola debería aproveitar, xa que a interxeracionalidade responde na súa esencia “á vivencia dun inicio e unha finitude da vida encaixadas nunha época que lle dá sentido” (Sánchez, 2009, p. 10) e malia todo, entre os obstáculos que atopa polo camiño está a segmentación por idade en contextos de participación e formación. Ese afastamento está detrás de moitos estereotipos asociados ás persoas maiores, mais tamén á mocidade que contribúe coa discriminación por unha cuestión de idade. Idadismo que provoca unha redución “da calidade de vida das persoas maiores, aumenta o seu illamento social e a súa soidade (ambos asociados a graves problemas de saúde (…)” (Organización Panamericana da Saúde, 2021, p. 18).

Estes impactos negativos para a calidade de vida son froito de procesos de exclusión que acaban por afectar toda a sociedade. O currículo educativo recolle a interxeracionalidade en relación a temáticas como o ciclo vital, o patrimonio ou a historia, mais a educación interxeracional está conectada coa perspectiva da educación ao longo da vida e, por tanto, pode desenvolverse en distintos contextos e mesmo contectalos. De feito, os Programas Interxeracionais (en adiante PI), como prácticas orientadas a tecer relacións dende a heteroxeneidade xeracional, promoven o sentir comunitario. Estas cuestións das que estamos a falar (interxeracionalidade, educación ao longo da vida, comunidade e inclusión) semellan un correlato dos elementos que configuran o medio radio en tanto é unha ferramenta flexible, que permite desenvolver diversas funcións, con implicacións pedagóxicas diversas. Ademais, potencia a conciencia crítica, o espírito investigador e contribúe co desenvolvemento de habilidades comunicativas e sociais cunha forte conexión sociocomunitaria. Por iso, consideramos que a radio é un recurso interesante para a promoción da interxeracionalidade na comunidade educativa.

Programa interxeracional de radio: CEIP Barouta

O traballo de investigación que presentamos baséase no deseño, desenvolvemento e avaliación dun Programa Interxeracional de radio que tivo lugar no CEIP Barouta (Ames, A Coruña), con alumnado de 6º de Primaria e persoas maiores da contorna entre xaneiro e abril do 2016. Para deseñar a devandita experiencia tomamos como base propostas como as de Kaplan e Sáez (2010, p. 116-108) mais con adaptacións ao sentido do noso programa.

Así, en primeiro lugar analizamos o contexto do CEIP Barouta, que contaba nese momento con 252 alumnas/os e 21 docentes. En segundo lugar, traballouse na planificación do PI en termos cronolóxicos, espaciais, de organización e recursos. Ademais preparáronse as actividades e dinámicas a través dunha metodoloxía didáctica baseada na reciprocidade, a inclusión, o traballo colaborativo, a conexión coa comunidade e no aprender a aprender dende un enfoque dialóxico e endóxeno. O PI deseñouse a través de oito sesións nas que se traballou a temática do patrimonio cultural empregando a radio como vehículo e dende un enfoque interxeracional. O resultado foi un programa de radio que se emitiu en Radio Ames en directo e quedou posteriormente, como podcast, a disposición da comunidade.

As sesións e actividades estiveron fundamentadas no proceso de traballo radiofónico recollendo unha primeira fase de selección temática (reunión de contidos) e configuración de grupos, un proceso de produción (na que se deu a investigación, documentación e gravación de recursos relacionadas coa temática do patrimonio) e realización. Fases que responderon aos obxectivos marcados: o fomento das relacións entre xeracións, a promoción do avellentamento activo (entendendo esta estratexia como unha oportunidade na área da saúde, a participación, a educación e a seguridade), a mellora das habilidades comunicativas e sociais, e a posta en valor do patrimonio a través da súa posta en valor e a creatividade.

Metodoloxía

O traballo ten unha dimensión empírica, que consiste no desenvolvemento do PI, e outra de avaliación que nos sitúa na avaliación de programas, un enfoque que opera nun contexto real, orientado á mellora, que ten carácter intencional, sistemático e enfoques diversos. Neste sentido, pode apoiarse nunha combinación de metodoloxías e técnicas na que “(…) a súa aplicabilidade está condicionada e definida en cada caso polo tipo de problema, aspecto ou temática que se está a investigar” (Escudero Escorza, 2016: 7). A proposta avaliativa do PI que nos ocupa cimentouse en tres fases: preavaliación da actitudes, aptitudes e consciencia do proxecto (etapa preavaliativa), seguimento do desenvolvemento da actividade (avaliación do proceso) e coñecemento do resultado á luz do relato das persoas participantes e o observado consonte os obxectivos fixados (avaliación do resultado). Neste sentido, recollemos os datos a partir das producións das persoas participantes, das observacións recollidas no caderno de campo, das entrevistas realizadas a participantes (20 persoas), familias (13) e profesorado (2).

Tratamento dos datos

Unha vez recollidos os datos optamos pola análise cualitativa dos mesmos operando en tres pasos a partir de autores como Amado, Costa e Crusoé (2014): redución da información (a) a través da separación de unidades de rexistro, categorización e codificación, síntese e agrupamento. Posteriormente, pasamos á disposición e transformación dos datos (b) e, en terceiro lugar, á obtención de resultados e verificación de conclusións (c). Neste proceso axudámonos do sotware Atlas-ti e, ao remate, triangulamos os datos analizados por separado (entrevistas, producións, notas e guión) en relación a catro grandes categorías (avaliación do PI, efectos do PI, patrimonio cultural e radio). A continuación, procedemos á discusión interna dos datos e, por último, puxemos en diálogo os datos obtidos cos doutras investigacións similares. Froito deste proceso agromaron os resultados e conclusións.

Resultados e conclusións

O Programa Interxeracional desenvolto no CEIP Barouta supuxo unha práctica educativa innovadora que subliñou a potencialidade da radio como recurso para a promoción da interxeracionalidade. En primeiro lugar, os datos amosan que a o traballo colaborativo de persoas maiores e nenas e nenos para a creación dun programa de radio facilitou a quebra de estereotipos. Unha quebra que ten que ver co carácter dialóxico da actividade, o intercambio de emocións e os coñecementos e ideas que forneceu o proceso.

Ao mesmo tempo, o programa supuxo unha oportunidade para que as persoas maiores accedesen a un espazo ao que normalmente se aproximan en calidade de “transmisores” pero no que, neste caso, atoparon un vehículo para participar dende dinámicas de equipo. Un convite á participación que reverteu nun proceso inclusivo e no que o alumnado adquiriu conciencia arredor do ciclo vital. Ambas xeracións puideron albiscar elementos comúns entre elas, derrubando a fronteira da idade que, no inicio da actividade, estaba moi presente. Ademais, confirmouse a radio como elemento motivador para a participación e a xeración dun discurso interxeracional propio con avances en termos de habilidades comunicativas e sociais. Apréciase que os lazos establecidos entre xeracións e o incremento da empatía espalla o interese de ambos colectivos entre si, impactando nas familias, a relación profesorado-alumnado e na comunidade. Ademais, as sinerxías coa comunidade e a contribución das persoas participantes forneceu uns vimbios moi significativos no traballo do patrimonio cultural.

En conclusión, a radio é un recurso con moito potencial na promoción das relacións interxeracionais na que a escola é un contexto clave para que os beneficios que se poidan derivar das relacións entre persoas de distintas idades poida transcender a comunidade e impactar no camiño cara a unha sociedade máis inclusiva.

Referencias bibliográficas

  • Gutiérrez, M. e Herráiz, G. (2009). La sinergia intergeneracional. Monográfico la intergeneracionalidad. Espai Social, 9, 25-32.
  • Escudero, T. (2016). La investigación evaluativa en el Siglo XXI: Un instrumento para el desarrollo educativo y social cada vez más relevante. RELIEVE, 22 (1), Artículo 4. http://dx.doi.org/10.7203/relieve.22.1.8164
  • Amado, J., Costa, A.e Crusoé, N. (2014). A técnica de análise de conteúdo. En J. Amado (Coord.), Manual de investigaçao qualitativa em educaçao (pp. 301-355). Impresa da Universidade de Coimbra.
  • Sánchez, M. (2009). La necesidad de los programas intergeneracionales. Monográfico la intergeneracionalidad. Espai Social, 9, 10. https://www.coeescv.net/docs/Revistas%20EspaiSocial/espai_social_09.pdf
  • Organización Panamericana da Saúde (2021) : Informe Mundial contra el Edadismo, Organización Mundial da Saúde.https://doi.org/10.37774/9789275324455

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir