A percepción dos docentes galegos sobre os materiais didácticos musicais de Educación Primaria
Resumo
Nesta investigación recóllese a percepción dos docentes especialistas de música en Educación Primaria sobre os materiais didácticos musicais atendendo ao coñecemento que posúen sobre estes recursos, ao uso que realizan deles nas aulas e a súa formación sobre esta temática.
En esta investigación se recoge la percepción de los docentes especialistas de música en Educación Primaria sobre los materiales didácticos musicales atendiendo al conocimiento que poseen sobre estos recursos, al uso que realizan de los mismos en las aulas y a su formación sobre esta temática.
In this research, the perception of music teachers in Primary Education about music teaching materials is collected, taking into account the knowledge they have about these resources, the use they make of them in the classroom and their training on this subject.
Texto
Introdución
A importancia dos materiais didácticos na Educación Musical remóntase ao século pasado co xurdimento de distintas metodoloxías e o traballo de pedagogos como Dalcroze, Willems, Martenot, Kodály e Suzuki, ou posteriormente Wuytack, Murray Schafer, Paynter e Self, que introducen nas súas propostas instrumentos musicais, partituras, cancioneiros, sons da contorna e obxectos sonoros, pelotas etc. Ademais destes materiais didácticos musicais de natureza dispar, existen outros materiais impresos como fichas de traballo, guías curriculares ou libros de texto e, nos últimos anos, materiais dixitais como libros electrónicos, recursos audiovisuais, aplicacións para teléfonos móbiles ou bancos de materiais en liña que son moi empregados nas aulas de Educación Musical (Gillanders, 2011; Vicente Álvarez e Rodríguez Rodríguez, 2014).

A escala estatal, coa aprobación da LOXSE, a Educación Musical introdúcese no sistema educativo na área da Educación Artística e dende entón convértese en imprescindible para lograr o desenvolvemento integral do alumnado potenciando a faceta física, afectiva, artística, social, cognitiva… a través dos distintos elementos curriculares. Neste proceso de planificación, execución e avaliación curricular, os materiais didácticos musicais (que podemos clasificar en impresos, dixitais, híbridos e sonoros) adquiren gran importancia, posto que axudan ao profesorado a desenvolver e avaliar a súa práctica educativa. Así mesmo, os materiais didácticos estruturan a realidade, actúan de mediadores entre o alumnado e os docentes, condicionan o quefacer diario, inflúen na construción e reconstrución do coñecemento (Parcerisa, 1996) e, en definitiva, consolídanse como medios imprescindibles do proceso de ensino interaccionando cos obxectivos, contidos, estratexias e actividades da área de Música e Danza, tal e como se recolle actualmente na Lei Orgánica 3/2020 e Decreto 155/2022, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.
A investigación que se presenta ten como obxectivo coñecer a percepción dos docentes de música de Educación Primaria da comunidade autónoma galega acerca dos materiais didácticos musicais, incidindo no coñecemento e uso nas aulas e na formación sobre os mesmos. O estudo realízase partindo do paradigma de pensamento docente (Montero, 2001), ao ter esta liña de investigación moita influencia no campo dos materiais didácticos, xa que unha actitude negativa docente cara a certos materiais pode provocar resistencias na incorporación dos mesmos nos procesos de ensinanza e aprendizaxe.
Deseño Metodolóxico
Para acadar o propósito desta investigación optouse por un deseño metodolóxico mixto (Creswell, 2014) e empregáronse como técnicas de recollida de datos un cuestionario en liña elaborado ad hoc e unha entrevista semiestruturada. O cuestionario en liña foi contestado por un total de 200 mestres e mestras galegos de Educación Musical que imparten docencia na etapa de Educación Primaria, os datos analizáronse empregando o programa estatístico SPSS e leváronse a cabo análises descritivas univariables (frecuencias de cada unha das variables e distribucións porcentuais das respostas dadas polo conxunto da mostra). Posteriormente, co obxectivo de complementar a información obtida no cuestionario, realizáronse sete entrevistas a docentes galegos e fíxose a análise cualitativa co Atlas.ti. Finalmente, procedeuse á integración dos resultados cuantitativos e cualitativos obtidos nas dúas fases do estudo coa finalidade de ofrecer unha perspectiva máis completa acerca da opinión dos docentes de música sobre os materiais didácticos musicais no contexto galego.
Resultados e conclusións
Tras a análise dos datos obtidos, neste último apartado recóllense sintetizados os principais resultados e conclusións:
- Os docentes galegos de Educación Musical amosan a súa preferencia clara polos materiais sonoros á vez que diminúe a utilización dos materiais impresos.
A pesar de que nas aulas de Música e Danza na etapa de Educación Primaria se fai un uso combinado das catro tipoloxías de materiais didácticos musicais (impresos, dixitais, sonoros e híbridos), percíbese que os materiais preferidos e máis empregados no día a día son os materiais sonoros, e en concreto os instrumentos musicais. Así mesmo, os materiais que acadan as porcentaxes máis baixas en relación co seu uso son os materiais impresos, producíndose un forte descenso na utilización do libro de texto nos últimos anos en relación con investigacións previas (Gillanders, 2011). Os docentes atribúenlle ao libro de texto diferentes inconvenientes como o seu custo, a súa baixa calidade, a gran cantidade de contidos que abarca en comparación co tempo lectivo do que dispón a materia de Música e Danza, e a imposibilidade de poñer en práctica novas metodoloxías. A estas razóns súmase o acceso á Internet como fonte inesgotable de recursos que se converte nun aliado dos mestres e mestras ao poder atopar materiais didácticos dixitais con maior facilidade (e estes afirman que son gratuítos, motivadores e sinxelos de usar). - A lingua galega é o idioma de referencia dos docentes para os materiais didácticos musicais
O 84% dos docentes de Educación Musical prefire os materiais didácticos impresos en galego. Non obstante, esta porcentaxe baixa considerablemente ao eludir aos materiais didácticos dixitais, nas que o galego ocupa o 59,5% e o castelán o 35,5%. Isto pode deberse á insuficiencia de materiais didácticos dixitais en lingua galega.

- A elaboración e adaptación dos materiais didácticos musicais está moi presente nas aulas de música de Galicia
Practicamente a totalidade dos docentes participantes nesta investigación realizan modificacións de recursos existentes ou elaboran os seus propios materiais. Os motivos que impulsan aos docentes a crear materiais son diversos, destacando que así poden empregar recursos que se adaptan á realidade e ao nivel da aula e que en moitas ocasións deseñan materiais para traballar temas específicos e suplir as carencias ao non atopar materiais xa elaborados. Ademais, o alumnado tamén é partícipe na creación de materiais e a miúdo constrúe instrumentos a partir de materiais de refugallo, elabora cancioneiros, partituras, composicións, murais e láminas e, en menor medida, materiais dixitais como vídeos ou videoclips. - A formación docente é un dos elementos chave á hora de utilizar os materiais didácticos musicais
Os docentes galegos perciben a súa formación inicial como media en relación coa elaboración, selección, adaptación e coñecemento dos materiais didácticos musicais. Así mesmo, consideran que é necesario que se incorpore formación inicial específica sobre os materiais didácticos musicais nos plans de estudo e que se mellore a formación continua ofertada pola Consellería de Educación. O 83% dos docentes atopa dificultades para acceder ás accións formativas, destacando diversas razóns como a falta de tempo, a oferta insuficiente, o descoñecemento das iniciativas, a temática pouco atractiva ou a falta de actividades de formación espalladas polo territorio galego.

Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:


