A percepción do profesorado sobre os materiais dirixidos ao alumnado con Trastorno do Espectro Autista (TEA)
Resumo
Cal é a percepción do profesorado sobre os materiais didácticos dirixidos ao alumnado con TEA? Neste artigo realizamos un achegamento á percepción, entendida como coñecemento, uso e valoración que o profesorado de educación primaria de Galicia realiza sobre ditos materiais.
¿Cuál es la percepción del profesorado sobre los materiales didácticos dirigidos a alumnado con Trastorno del Espectro Autista (TEA)? En este artículo realizamos un acercamiento a la percepción, entendida como conocimiento, uso y valoración que el profesorado de educación primaria realiza sobre dichos materiales.
What is the teachers’ perspective abouteducational materials aimed at Autistic Spectrum Disorder (ASD)? This article approaches the perception, understood as knowledge, use and assessment made by primary education teachers about these materials.
Texto
Introdución
As necesidades educativas das persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) son moitas e de moi diversa natureza (cognitivas, condutuais, motoras…). Ante tales necesidades, a adecuación da atención educativa ao alumnado con TEA pasa por ter en conta moi diversas variables como a organización de tempos e espazos, o establecemento de rutinas e o uso de apoios visuais, entre outras. Outro elemento de relevancia, e onde se puxo o acento nesta investigación, son os materiais curriculares, elemento que tal e como afirma Rodríguez Rodríguez (2000) determina a actividade dos alumnos, os contidos a ensinar, os tempos, as estratexias de ensinanza, a actividade do profesorado etc.
Pero non todos os materiais se adecúan ás características e necesidades para responder educativamente dunha forma axeitada ao alumnado con TEA. A súa natureza, configuración, deseño e adaptación deben ter características particulares: deben ser materiais visuais (Aragón Jiménez, 2011), abertos, contextualizados, significativos, concretos, que favorezan a autonomía e autoexplicativos (Altuzarra et al., 1997), que favorezan a interacción e socialización e motivantes (Godoy Lenz et al., 2008), manipulativos e que permitan retirar axudas paulatinamente (Vázquez Reyes e Martínez Feria, 2006).
A variabilidade de necesidades que presenta o alumnado con TEA, as particularidades da adecuación do material curricular ás súas necesidades e a inatención que os materiais xeneralistas dedican ás súas características levounos a analizar a percepción do profesorado de educación primaria sobre os materiais curriculares dirixidos ao alumnado con TEA, co fin de describir e comprender a valoración, o coñecemento e uso que o profesorado ten e fai dos mesmos.
Metodoloxía
Tomamos como referencia un enfoque mixto orientado a describir e interpretar a realidade dende unha perspectiva fenomenográfica. Aplicáronse dous instrumentos de forma secuencial, cuestionario e entrevista semiestruturada co fin de esclarecer a percepción docente, en relación ao coñecemento, uso e valoración, sobre os materiais curriculares dirixidos ao alumnado con Trastorno do Espectro Autista.
O cuestionario, de elaboración propia, foi aplicado a un grupo de 300 profesores e profesoras, e a entrevista semiestruturada aplicada a 9 mestres/as de educación primaria. No grupo investigado incluímos profesorado de titorías, inglés, relixión, música, pedagoxía terapéutica, audición e linguaxe e orientación. Ambos instrumentos foron validados por un grupo de profesionais compostos por profesores universitarios do ámbito da psicoloxía e a pedagoxía, unha psicóloga especialista en TEA,mestres/as de educación primaria e de pedagoxía terapéutica, e unha familiar dun neno con autismo.
Ambos instrumentos foron elaborados tomando como referencia as seguintes dimensións: datos de identificación, formación do profesorado en cuestións relacionadas cos materiais didácticos dirixidos ao alumnado con TEA, uso e características dos materiais empregados, e deseño/selección/elaboración e adaptación de materiais.
Tratamento dos datos
Para o tratamento dos datos do cuestionario realizáronse o cálculo de frecuencias e descritivos de todas as variables do cuestionario, así como cruces entre aquelas variables que se estimaron de maior interese, e táboas personalizadas. Para dita análise empregouse o programa estatístico SPSS.
Para a realización do tratamento dos datos obtidos a través da entrevista utilizouse o programa Nvivo, que facilita a xestión dos documentos e a organización da codificación, ademais de ofrecer diversas ferramentas de visualización dos resultados.
Resultados
Os resultados obtidos mostran a existencia de diferenzas entre a percepción que teñen os mestres con formación na temática (mestres de pedagoxía terapéutica, audición e linguaxe, e orientación), que mostran unha valoración máis positiva da abordaxe do alumnado con TEA e séntense máis preparados para acometela con eficacia.
Por esta razón, o profesorado demanda ostensiblemente formación nesta temática. En datos que xustifican esta afirmación comprobouse que o 50% do profesorado non ten formación específica en TEA nin en materiais dirixidos a alumnado con TEA, o 82% do profesorado recoñece a súa formación insuficiente e o 99% considera que esta formación é necesaria.

Gran parte da responsabilidade desta insuficiencia formativa recae na formación inicial, da que se critica non abordar esta temática coa profundidade suficiente. Ademais, o profesorado reclama unha formación orientada máis á práctica.
Esta eiva formativa por parte do profesorado tradúcese nun descoñecemento e desuso claro de materiais que poden ser utilizados co alumnado con TEA. Os recursos máis coñecidos e utilizados son aqueles de carácter impreso ou manipulativo (pictogramas, axendas visuais, taboleiros de anticipación, unidades didácticas adaptadas). Recursos como os pictogramas son coñecidos polo 75% do profesorado, mentres que o material TEACHH só o é por un 40% dos mestres. Moito menos coñecidos e utilizados son os recursos dixitais (recursos web, aplicacións informáticas, recursos de realidade aumentada e recursos de robótica. Isto implica que na maior parte dos casos o profesorado recorra a materiais de corte xeneralista non axeitados para o alumnado con TEA.

Á súa vez, existe tamén descoñecemento das características que deben cumprir os materiais dirixidos a alumnado con TEA. O profesorado é consciente das necesidades de apoio visual por parte do alumnado (destacadas por un 92% dos enquisados) pero esquece a atención ás necesidades de estruturación (seleccionadas por un 17%).
Resultan de especial interese as respostas obtidas en torno ao proceso de adaptación de materiais. Adaptar un material consiste en realizar modificacións que o transformen en accesible para un alumno/a. Como vemos a continuación, un 99% dos enquisados adaptan o material cando este non cumpre as características propicias para o seu uso por parte de alumnado con TEA. Porén, en consonancia co anteriormente exposto, podemos observar que a maioría destas adaptacións se centran na contribucións de claves visuais pero resultan mínimas se nos referimos á estruturación do material (adaptación que adoita ser especialmente eficaz).
Destacar, por último, a desconfianza que o profesorado ten sobre os libros de textos en relación coa atención do alumnado con TEA e a confianza que deposita nas TIC.

Con todo, autores como Passerino e Santarosa (2008); Lozano Martínez et al. (2013); Hernández Vásquez e Sosa Hernández (2018); Terrazas Acedo et al. (2016) consideran que, pese á importancia que este tipo de recurso didáctico ten no proceso de ensino-aprendizaxe do alumnado con autismo, o uso da tecnoloxía non é suficiente para producir cambios na aprendizaxe dos alumnos con TEA.
Conclusións
- O profesorado con maior vinculación á atención á diversidade interpreta certos aspectos educativos relacionados coa atención educativa do alumnado con TEA máis positivamente que o resto do profesorado.
- Existe un gran descoñecemento e desuso dos materiais dirixidos ao alumnado con TEA. Este descoñecemento e desuso é máis acuciado con respecto aos materiais dixitais que aos impresos e manipulativos.
- A totalidade do profesorado (99%) recoñece a necesidade dunha formación axeitada en materiais curriculares e autismo
- Gran parte do profesorado de escolas ordinarias (82%) non se considera formado axeitadamente para atender o alumnado con TEA.
- Na opinión do profesorado, a formación universitaria non acomete o tema dos materiais curriculares na atención educativa ao alumnado con TEA, polo que considera as actividades de formación nos estudos universitarios iniciais como insuficientes.
- O profesorado non ten claras as propiedades que deben cumprir os materiais a utilizar co alumnado con TEA. En calquera caso, prioriza os aspectos funcionais sobre os que favorecen a autonomía do alumnado.
- A adaptación de materiais é o método mellor valorado polo profesorado para preparar materiais curriculares para o alumnado con TEA.
Referencias bibliográficas
- Altuzarra, P., Arzibengoa, I., Fuentes, J., Illera, A., Merino, M.E., Sainz Martínez, A.e Ugarriza Ocerín, J.R. (1997). Educautisme: materiales y recursos didácticos para la educación de las personas con autismo. Gobierno Vasco. https://enlafiladeatras.files.wordpress.com/2013/01/educautisme-materiales.pdf
- Aragón Jiménez, V. (2011). Un caso de autismo en el centro ordinario.Revista CSIF. https://archivos.csif.es/archivos/andalucia/ensenanza/revistas/csicsif/revista/pdf/Numero_39/VIRGINIA_ARAGON_1.pdf
- Godoy Lenz, P., González Serrano, S., e Verdugo Reyes, M. (2008). Guía de Apoyo Técnico-pedagógico:Necesidades Educativas Especiales en el nivel de Educación Parvularia. Editorial Atenas. https://centroderecursos.educarchile.cl/handle/20.500.12246/50523
- Hernández Vásquez, M. E. e Sosa Hernández, M. E. (2018). Uso de Tecnologías de Información y Comunicación (TIC) en inclusión escolar de estudiantes con Trastornos del Espectro Autista (TEA). Contextos: Estudios de Humanidades y Ciencias Sociales (41). https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=6985008
- Lozano Martínez, J., Ballesta Pagán, F. J., Alcaraz García, S., e CerezoMáiquez, M. C. (2013). Las tecnologías de la información y la comunicación (TIC) en el proceso de enseñanza y aprendizaje del alumnado con Trastorno del Espectro Autista (TEA). Revista Fuentes, (14), 193-208. https://revistascientificas.us.es/index.php/fuentes/article/view/2359
- Passerino, L. M. e Santarosa, L.M. (2008). Autism and digital learningenvironments: Processesofinteraction and mediation. Computer&Education, 51(1), 385-402. https://doi.org/10.1016/j.compedu.2007.05.015
- Rodríguez Rodríguez, J. (2000). Os materiais curriculares impresos e a reforma educativa en Galicia. [Tese de doutoramento,Universidade de Santiago de Compostela].
- Terrazas Acedo, M.,Sánchez Herrera, S. e BecerraTraver, M. T. (2016). Las TIC como herramienta de apoyo para personas con Trastorno del Espectro Autista (TEA). Revista de Educación Inclusiva, 9(2),102-136. https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=5600282
- Vázquez Reyes, C. M. e Martínez Feria, I. (2006). Los trastornos generales del desarrollo. Una aproximación desde la práctica. Volumen 1. Los trastornos del Espectro Autista. Consejería de Educación. Juntade Andalucía. https://creena.educacion.navarra.es/web/bvirtual/2018/06/14/los-trastornos-generales-del-desarrollo-una-aproximacion-desde-la-practica/
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:


