A Pedagoxía con nome de muller: o alumnado de maxisterio de Lugo pon en valor as educadoras da historia
Resumo
Preséntase a experiencia pedagóxica de introdución da perspectiva de xénero que estamos desenvolvendo co alumnado de “Teoría e Historia da Educación Escolar”, materia do Grao en Mestra/e de Edución Primaria na Facultade de Formación do Profesorado (Campus de Lugo, USC).
Se presenta la experiencia pedagógica de introducción de la perspectiva de género que estamos desarrollando con el alumnado de “Teoría e Historia da Educación Escolar”, materia del Grado en Maestra/o de Educación Primaria en la Facultade de Formación do Profesorado (Campus de Lugo, USC).
It presents the pedagogical experience of introduction of the perspective of gender that we are developing with the students of “Theory and History of Schoolar Education”, subject of the Degree in Teacher of Primary Education at the Facultade de Formación do Profesorado (Campus of Lugo, USC).
Texto
Na presente contribución presentamos os aspectos básicos dunha experiencia pedagóxica de introdución da perspectiva de xénero que se desenvolve, por sexto curso consecutivo, co alumnado de Teoría e Historia da Educación Escolar, materia de formación básica de 1º curso do Grao en Mestra ou Mestre de Educación Primaria e do Dobre Grao Infantil+Primaria, na Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo (USC).
1. Contexto e obxecto
O autor destas liñas levaba algúns anos ensaiando diferentes fórmulas (con escaso impacto no alumnado) para, en xustiza, re-equilibrar a situación de ausencia de figuras femininas referentes nos plans de estudos das titulacións de mestre/a, e moi especialmente nos manuais académicos de teoría e historia da educación que adoita empregar o alumnado da materia Teoría e Historia da Educación Escolar. En efecto, o descoñecemento desta parte esencial da nosa herdanza pedagóxica representaba unha eiva imperdoable na formación inicial, e máis nos nosos días.
Por fin, e tras inspirármonos nunha iniciativa previa de Erguer. Estudantes da Galiza, no curso 2017-18 puidemos encetar na práctica o proxecto que o propio alumnado da materia bautizou como “Educación en feminino: un paseo pola historia”, que en termos organizativos abrolla cun obxectivo moi simple: sen deixar de traballar as competencias e contidos habituais e as figuras masculinas clásicas da teoría e da historia da educación, pretende identificar, poñer en valor e dar a coñecer o perfil pedagóxico de mulleres relevantes na profesión educativa, tanto do pasado como do presente, en Galiza e no resto do mundo, facéndoo ademais cunha perspectiva crítica (analizando a desigualdade de xénero que explica esta situación, e mesmo as discriminacións sufridas por estes personaxes polo mero feito de ser mulleres) e, aínda, procurando que o esforzo reverta en positivo non só no alumnado senón tamén na sociedade.

Pois ben, tras seis edicións ao longo das cales o proxecto foi mellorando paseniño, actualmente (curso 2022-23) materialízase da seguinte maneira: durante dous meses o alumnado (distribuído en equipos de tres membros) documéntase sobre unha figura feminina elixida polo grupo en cuestión e prepara catro exercicios que xiran ao redor desa educadora, para posteriormente ofrecelos na clase (diante das e dos compañeiros e do docente) e no curso virtual da materia (de cara ao seu coñecemento xeral e estudo); eses exercicios son unha presentación dixital, unha exposición oral, unha biografía pedagóxica e un póster para posterior exposición pública.
2. Ideas-forza
Para máis concreción expoñemos a seguir os trazos pedagóxicos fundamentais que cinguen o proxecto:
- Perspectiva de xénero: esta experiencia quere poñer de manifesto o labor profesional de todas as mulleres no eido da educación institucional ao longo dos séculos, unha ocupación (cando é “en feminino”) en xeral minimizada ou pouco coñecida pola sociedade. Facémolo rescatando episodios singulares da historia da pedagoxía, desde a Antiga Grecia ata os nosos días, en homenaxe a unhas poucas educadoras pioneiras, mulleres que dinamizaron o ensino do seu tempo e realizaron achegas importantes, ás veces superando circunstancias difíciles ou de desigualdade. A maioría destas mulleres foron/son conscientes da transcendencia humanizadora, cultural e transformadora que posúe a actividade educativa, e desde o seu lugar e época, cada unha ao seu xeito e coa súa peculiar perspectiva, traballaron para lograr unha sociedade igualitaria, máis culta, xusta, libre e solidaria, cunha orientación que hoxe perfectamente poderiamos cualificar de feminista (ver figura 1).
- Integración didáctica: alén do traballo preparatorio non presencial do alumnado, o resto da actividade execútase de ordinario nas sesións interactivas da materia, é dicir, non implica accións especiais á marxe do programa.
- Normalización lingüística: o 100% da actividade e dos exercicios realízase en galego.
- Desenvolvemento de competencias por parte do alumnado: competencia informática e informacional, mellora na expresión oral e na expresión escrita, disciplina individual no traballo etc.
- Integración das tecnoloxías da información e a comunicación ao servizo da aprendizaxe: na concepción, elaboración e emprego dos varios materiais que se producen no desenvolvemento do proxecto.
- Traballo en equipo: trátase da primeira actividade grupal de certa esixencia que o alumnado realiza en canto chega á Facultade, polo que por encima de instruír en cooperación e coordinación entre iguais, acaba favorecendo a integración na vida académica e estudantil.
- Seguimento titorial por parte do profesor: todo o proceso é planificado, informado, controlado, asesorado e avaliado polo docente, aínda que os grupos traballen realmente de maneira autónoma.
- Atención aos intereses do alumnado e traballo por proxectos: cada equipo de alumnas/os vai centrar a súa atención nunha temática elixida polos propios membros do equipo, circunstancia que resulta motivadora e orienta o traballo cara ao logro, é dicir, facemos ás/aos estudantes protagonistas do seu propio proceso de aprendizaxe.
- Renovación pedagóxica e calidade na formación: cunha metodoloxía activa, atractiva á par de produtiva, achegamos contidos relevantes para a disciplina que habitualmente se omiten no temario habitual da formación académica no maxisterio.
- Aprendizaxe-servizo: o proceso de aprendizaxe do alumnado leva ademais integrada a realización dun servizo á comunidade. Os e as estudantes aumentan o seu coñecemento sobre a nosa materia e, ao tempo, amplían a súa responsabilidade social co que, nun marco de reciprocidade, tanto estudantes como sociedade saen beneficiados, tal como se detalla no seguinte apartado.
| NÚMERO DE ORDE | ÁMBITO XEOGRÁFICO-CULTURAL | INTERVALO VITAL | EDUCADORA (ou colectivo de educadoras) |
| 1 | Galiza | 1820-1893 (C.A.) 1837-1885 (R.C.) 1851-1921 (E.P.B.) | Feministas liberais coruñesas do s. XIX (Concepción Arenal, Rosalía de Castro, Emilia Pardo-Bazán) |
| 2 | 1851-1934 | Concepción Sáiz | |
| 3 | 1862-1941? (E.S.) 1867-1904? (M.G.) | Elisa Sánchez e Marcela Gracia | |
| 4 | 1880-1970 | María Barbeito | |
| 5 | 1890-1971 | Elvira Bao | |
| 6 | 1895-1975 | Ángela Ruiz | |
| 7 | 1910-1989 | Enriqueta Otero | |
| 8 | 1923-2022 | Antía Cal | |
| 9 | 1942- (M.M.) 1975- (O.N.) 1981- (M.F.) | Educadoras lucenses da actualidade (Marina Mayoral, Olga Novo, Marián Fouce) | |
| 10 | 1945- (E.F.) 1948- (M.F.) | Orientadoras de “Preescolar na casa” (Ermitas Fernández, Marisol Fernández) | |
| 11 | España (agás Galiza) | 1867-1932 | Carmen de Burgos |
| 12 | 1873-1961 | Rosa Sensat | |
| 13 | 1881-1948 | María de Maeztu | |
| 14 | 1881-1948 (M.M.) 1889-1976 (M.S.A.) 1890-1965 (M.H.) | Mestras e educadoras da II República (María de Maeztu, María Sánchez Arbós, Matilde Huici) | |
| 15 | 1896-1965 | Justa Freire | |
| 16 | 1926-2011 | Josefina Aldecoa | |
| 17 | 1926-2006 | Marta Mata | |
| 18 | 1967- | Mar Romera | |
| 19 | 1971- | Rocío Ramos-Paúl | |
| 20 | Europa (agás España) | 650/610 a.C.-580? a.C. | Safo de Lesbos (Grecia) |
| 21 | 355/370-415/416 | Hipatia de Alexandría (hoxe, Exipto) | |
| 22 | 1556-1640 | Jeanne de Lestonnac (Francia) | |
| 23 | 1849-1926 | Ellen Key (Suecia) | |
| 24 | 1866-1951 (R.A.) 1870-1945 (C.A.) | Rosa Agazzi e Carolina Agazzi (Italia) | |
| 25 | 1869-1939 | Nadezhda Krúpskaya (Rusia/URSS) | |
| 26 | 1869-1940 | Emma Goldman (hoxe, Lituania) | |
| 27 | 1870-1952 | Maria Montessori (Italia) | |
| 28 | 1902-1984 | Emmi Pikler (Austria/Hungría) | |
| 29 | América Setentrional | 1866-1936 (A.S.) 1880-1968 (H.K.) | Anne Sullivan e Helen Keller (Estados Unidos) |
| 30 | 1875-1955 | Mary McLeod (Estados Unidos) | |
| 31 | 1886/1887-1973 | Helen Parkhurst (Estados Unidos) | |
| 32 | Iberoamérica | 1881-1971 | Dolores Cacuango (Ecuador) |
| 33 | 1889-1957 | Gabriela Mistral (Chile) | |
| 34 | 1898-1987 (O.C.) 1904-2004 (L.C.) | Olga Cossettini e Leticia Cossettini (Arxentina) |
3. Colección de pósters
Como se indicou en parágrafos anteriores, cada equipo de traballo elabora un póster ou panel que ha de respectar unhas indicacións especificadas anticipadamente polo profesor, quen tamén revisa e corrixe o resultado final. O labor colectivo dos arredor de 34 equipos produce outros tantos paneis que, no seu conxunto, acaban configurando unha colección sobre 34 educadoras da historia (ou colectivos de educadoras) que con certeza merecen ser coñecidas. Considerando que ducias de educadoras referentes “agardan” a que poñamos en valor o seu legado pedagóxico, a nosa intención é ir pouco a pouco converténdoas en protagonistas; polo tanto, como as eleccións dos equipos varían cada novo curso, a colección resulta diferente en cada edición.
Folga dicir que a exposición dos pósters é a actividade de máis proxección pública de “Educación en feminino”. Obviamente o primeiro lugar onde se expón é a nosa Facultade, de tal maneira que o propio alumnado da materia pode ver “directamente en acción” o resultado do traballo grupal e colectivo realizado ao longo do semestre.

Unha vez é descolgada da nosa sala de exposicións, e na liña da aprendizaxe-servizo que xa se mencionou, a colección préstase gratuitamente a calquera institución ou organismo que a solicite, e as peticións van aumentando cada curso ata o punto de que algunhas destas entidades xa incorporan a “Educación en feminino” na súa programación ordinaria habitual. A razón desta “repetición”, segundo opinión dos propios responsables (e deixando á marxe o importante obxectivo social que a colección cobre visibilizando mulleres profesionais) é que, malia non tratarse por suposto dun produto profesional senón do froito dun traballo didáctico de alumnado de tan só 18 anos, na práctica resulta unha mostra agradable de ver, colorista e visual, didáctica, pensada para todos os públicos, e distinta cada ano. En concreto, ao longo das pasadas edicións, algunha das nosas coleccións pasou polos seguintes centros:
- Facultade de Formación do Profesorado, Campus de Lugo
- Biblioteca Pública de Lugo
- Facultade de Tradución e Interpretación, Campus de Vigo
- Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física, Campus da Coruña
- CIFP Politécnico de Lugo
- Biblioteca Intercentros, Campus de Lugo
- Facultade de Educación e Traballo Social, Campus de Ourense
- Vicerreitoría do Campus de Pontevedra
- Biblioteca Central, Campus de Vigo
- IES Rosalía de Castro, Santiago de Compostela
- Facultade de Ciencias da Educación, Campus da Coruña
- IES Santiago Basanta Silva, Vilalba
- Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes, Lugo
- Centro Privado Colexio Fingoi, Lugo
- IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, Lugo
- IES Río Cabe, Monforte de Lemos
- Facultade de Ciencias da Educación, Campus de Santiago de Compostela
A colección é aproveitada de maneira diferente segundo o centro: algúns simplemente a colgaron, outros ademais fixeron boa publicidade en redes sociais ou con carteis, algúns convidaron a ex-alumnas (autoras dalgúns dos pósters) a ofrecer unha charla ou a inaugurar a mostra, outros elaboraron material sobre as educadoras para difundilo en Internet, algúns organizaron visitas de escolares da zona, e ata houbo un que lle pediu ao seu alumnado que escribise reflexións sobre a temática, que logo nos remitiron.
Quixeramos resaltar especialmente un centro escolar no que o profesorado se organizou de xeito admirable para traballar a igualdade de xénero nas aulas co alumnado máis maior, logo visitaron por grupos a exposición (e as mozas e mozos tomaron notas), e finalmente realizaron diversas actividades sobre as educadoras nas clases: didacticamente impecable. Ofrécense as valoracións concretas da responsable deste centro a continuación:
Colocamos os pósters nun espazo que temos para audicións, presentacións de libros, conferencias etc., é dicir, é grande, o que facilita o movemento do alumnado.
A exposición resulta moi didáctica polo xeito no que aparece a información. É moi visual e iso posibilita que poida ser axeitada para diferentes idades; así, puidemos abordar o tema das educadoras dun xeito máis profundo con algúns grupos de BAC e ESO e deixalo nunha visión máis rápida nos cursos de alumnado de Primaria.
O que fixemos tamén foi utilizar a exposición como escusa para que o alumnado realizase unha pescuda no seu medio e nas súas familias sobre mulleres educadoras que tivesen preto (nais, avoas ou outras mulleres que coñezan dedicadas ao ensino): foi moi instrutivo.
Ademais, nun dos grupos vaise facer un encontro coa avoa dun alumno (mestra de Primaria durante máis de corenta anos), que lles falará da súa traxectoria profesional.
En síntese, grazas pola exposición; foi moi interesante e ademais serviu para afondar nun estudo propio das “nosas” educadoras máis próximas, propiciando unhas actividades de aula e unha conexión interxeracional verdadeiramente enriquecedoras.
4. Impacto
En termos de mellora da aprendizaxe, son tres os momentos nos que o noso alumnado pon de relevo que a súa participación no proxecto resulta certamente satisfactoria: nos resultados acadados na avaliación final da materia, nos comentarios ás enquisas anónimas que pasa o docente, e nas manifestacións orais espontáneas en clase.





Un detalle non menor a destacar é o interese notable co que as e os alumnos adoitan preparar os catro produtos que se lles demandan (aprendizaxe experiencial). Así, dun xeito agradable e contando co traballo dos diferentes equipos, todo o gran grupo acaba coñecendo un feixe de educadoras que poderán eventualmente inspirar o seu futuro desempeño profesional ao consideralas referentes pedagóxicos, nas que verse e recoñecerse como mestras e mestres.
Complementariamente, a implicación do alumnado (que, insistimos, na súa maioría está conformado por adolescentes de 18 anos) adoita comportar certa transformación de conciencias de cara a entender a diversidade de xénero e valorizar o labor socioeducativo das mulleres, un cambio non carente de importancia máxime cando se produce tamén en estudantes varóns que desexan participar dunha profesión masivamente feminizada e que no futuro deberán traballar o principio de igualdade coas nenas e nenos de educación primaria.
A maiores, se consideramos especificamente a colección de pósters, para o alumnado resulta moi satisfactorio comprobar como a comunidade universitaria da Facultade revisa, aprende e goza cos diferentes paneis expostos (que son o “seu” traballo); tamén resultan retroalimentadores os comentarios que recibimos desde as diferentes entidades ás que viaxa a colección, opinións que logo valoramos. Asemade, é pracenteiro saber da presenza estimable que a colección vén mantendo nos medios de comunicación e redes sociais daqueles lugares por onde pasa, e sobre todo das críticas (normalmente positivas) que colleita do público que a visita, quen adoita sinalar que é “socialmente moi necesaria” ou “oportuna neste momento histórico para remover prexuízos”, ou que “permite descubrir mulleres esgrevias ocultadas pola historia”, entre outros pareceres.
Pero por encima do todo, para nós resulta tremendamente grato comprobar a gran potencia pedagóxica e social que posúe a colección, tal como se puxo de manifesto ao final do apartado anterior.
Remarcamos finalmente que nos agradaría resultar inspiradores para outros proxectos que tamén camiñen na senda da igualdade: a proposta pode inserirse con normalidade dentro da actividade ordinaria de materias que, como a nosa, preparen ás vindeiras mestras e mestres, pois é doadamente adaptable ou replicable, e apenas precisa recursos diferentes dos que habitualmente se empregan nos centros universitarios que forman ao futuro profesorado.
Esta experiencia didáctica recibiu en 2020 un dos “Premios da USC á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación”.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:


