A música na escola, ou as artes na vida

Texto

Que aprendemos na escola?, esa debe ser a pregunta do millón que nos facemos durante ese longo período no que estamos, nós ou as nosas fillas e fillos,  dentro deses muros. Concluímos sempre que imos á escola para traer connosco aprendizaxes imprescindíbeis para a vida, para ler o que outras escribiron, para poder escribir o que outras lerán, para calcular os resultados que precisamos, coñecer camiños e viaxes, saber da compañía de animais e árbores, coñecer a historia, o que xa pasou, para facer mellor o futuro, o que viviremos.

Enviamos ás nosas fillas á escola para todo iso e para moitas máis cousas; o que calquera nai, calquera pai, procura na escola para as súas fillas e fillos é que a súa mente se abra a moitas maneiras de entender e de saber, para que saiba o que existe, aínda que non poida debullalo polo miúdo. Cantas veces abonda con saber que algo existe para logo procurar nel e seguir aprendendo!

Mais non existe só esa escola, existe outra con valores non tan definidos: a escola da compañía e da sociedade, a dos xogos de grupos, a das dificultades compartidas, a dos aplausos ás compañeiras e compañeiros, a dos saúdos cando somos aplaudidas; a escola da creación e o desenvolvemento, a da ilusión, a diversión, a curiosidade e a sorpresa. 

Todas son escolas imprescindíbeis, todas son aprendizaxes vitais necesarias. Recoñecémonos en todas, e valémonos de todas elas ao longo da vida. Nesa escola da comunidade e a participación, na do xogo e as relacións, é onde chantamos con forza unha das bases máis sólidas da nosa personalidade. Recoñecémolo, no bo e no menos bo, case todas, mais logo cando somos adultas, e serias, seica mudamos de opinión e construímos un discurso onde limitamos a escola aos valores útiles, aos coñecementos prácticos, á preparación para a vida laboral tópica e repetitiva.

Pero é que a importancia dos coñecementos e a formación na procura de canles para gañar a vida está moi ligada ao aproveitamento de todo o que aprendas na xuventude. E unha sociedade tan pouco avanzada como a que temos, que aínda pensa que abonda con saber facer algo para facelo ben,  rexeita á mantenta a multiplicidade de saberes engadidos que precisa calquera práctica de calquera profesión, rexeitando á vez canto inflúen as habilidades non convencionais na formación integral de calquera persoa. Esa sociedade non chegou aínda ao chanzo de comprender que non formamos enfermeiras ou fontaneiros, formamos persoas que desenvolven unha profesión na que van achegar a súa personalidade, a súa creatividade, a súa empatía, a súa capacidade para comprender e mellorar a realidade sempre cambiante á que terán que enfrontarse, e que disporán para iso dun catálogo de coñecementos que sempre vai ser limitado e en moitas ocasións manifestamente escaso, pero que será máis amplo e versátil se está acompañado dunha formación tamén máis ampla e diversa.

Dese discurso de utilidade, que nas últimas décadas tivo tanto predicamento -gustaríame poder falar só en pasado, pero aínda colea por aí certa idea de “cultura do esforzo” que nos fai pensar que está moi lonxe de desaparecer- sae unha tendencia que nunca está de máis denunciar como falsa: a de que hai materias útiles e materias que non o son, a de que é mellor estudar matemáticas que filosofía, mellor química que educación física, ou mellor física ca música, porque as materias que teñen que ver coas artes, as letras e o pensamento son consideradas como un luxo do que se pode prescindir. Aínda non superamos o concepto de “entretemento para clases ociosas” que foi o lugar onde viviron durante moitos séculos eses saberes.

Curiosamente, cando se presentan avances reais na aprendizaxe das materias estrela do sistema, as famosas materias STEM, termo ben zoscado de acotío polos que pensan que os titulares fan a nova, o que se nos di sempre é que hai que aprender a pensar para poder avanzar no uso da tecnoloxía e das ciencias, e que esa aprendizaxe de pensamento precisa do coñecemento desas outras habilidades que están de sempre presentes nas artes.

O problema está no feito de que  o concepto da arte, xenericamente falando, está moi instalado nos miolos da xente vencellado fondamente á idea de inspiración, coma se abondara con estar inspirado para levantar unha pluma, un pincel, ou unha batuta, e que de aí xorda repentinamente un poema, un cadro ou unha sinfonía -ou a letra dunha canción, un mural na rúa, ou un ritmo de moda, que non son máis que outras manifestacións do mesmo espírito artístico- e semella que hai moito interese en que non se saiba que detrás de calquera manifestación artística seria hai anos e anos de preparación, unha grande cantidade de traballo, unha técnica aprendida e despois, pero solo despois, quizais apareza a chispa do xenio que converte algo ben feito nunha obra mestra. Ou sexa, exactamente igual que no resto das cousas, aprendemos para saber como temos que traballar para obter un resultado.

En ANPAS GALEGAS preguntámonos sempre como é posíbel que nesta altura aínda teñamos que estar a debater, cando nos deixan porque as máis das veces nin iso é posíbel, sobre a importancia de termos horas de música, plástica, historia da arte ou do pensamento, formación en saúde, en sustentabilidade, en valores… en todas esas materias “innecesarias” que sempre caen na distribución do peso formal dos currículos, que se sitúan nos horarios escolares para que sirvan de descanso entre outras materias “importantes”, que son constantemente desprezadas no discurso xeral da educación.

E que non vai haber nunca ninguén que entenda, dende o poder organizativo e educativo, que todos os saberes son complementarios e irrenunciábeis, que se a humanidade produciu música ao longo dos tempos é, nin máis nin menos, porque a necesita como parte do seu desenvolvemento vital?; o que tamén podemos dicir de calquera outra manifestación artística ou de pensamento.

Actualmente, as artes están minimamente representadas nos currículos académicos do ensino obrigatorio e bacharelato, inexistentes xa se falamos de FP agás de que atendamos a algunha das poucas ramas creativas; algunhas destas artes trasládanse ben cedo a centros especializados, como os conservatorios de música, ou o conservatorio de danza, que en Galicia non hai máis que un que dependa da Xunta, así de valor lle outorgamos a esa disciplina básica; outras, directamente non teñen máis formación que a universitaria. Pero é que ademais en todos estes casos, conservatorios, escolas de arte, universidade, estamos falando de formación de xente que quere ser profesional nesa materia, non falamos de formación básica para a cidadanía, que é o que deberamos estar debatendo.

Hai que incrementar a presenza destes currículos nas escolas, non aumentando horas totais, que non é necesario, senón librándonos do tópico, bastante parvo por certo, de que todo incremento en horario de matemáticas, física, tecnoloxía, ciencias, etc, é un ben en si mesmo. 

Porque aprender a pensar, deixar rodar a nosa creatividade, comprender e participar que somos persoas e non máquinas que aprenden, é definitivamente o futuro.

E, mirade, agora que está de moda a intelixencia artificial, que é o que se achaca como un enorme problema, que non faga ben os cálculos ou as fórmulas, ou que non pense como as persoas?, a resposta está aí: o que nos diferenza é pensar e crear, en todos os ámbitos, fomentémolo.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir