A miña lingua, nai

Resumo

No artigo reflexiónase sobre as barreiras de acceso á comunicación para as persoas xordas cuxa lingua nai é o galego, facendo un percorrido histórico para coñecer en que estado se atopa a Lingua de Signos Galega e cales foron as circunstancias que levaron á situación actual da mesma.

En el artículo se reflexiona sobre las barreras de acceso a la comunicación para las personas sordas cuya lengua materna es el gallego, haciendo un recorrido histórico para conocer en que estado se encuentra la Lengua de Signos Gallega y cuales fueron las circunstancias que la llevaron a la situación actual en que se encuentra.

Texto

A miña nai era xorda: unha meninxite que tivo de nena deixouna sen resto auditivo nun dos oídos e cunha porcentaxe moi baixa no outro, polo que se axudaba dun audiófono, que a modo de micrófono amplificaba sons e voces, pero tamén ruídos, e todo o que acontecía alá onde o pequeno altofalante que tiña incorporado puidese recoller. As súas posibilidades comunicativas pasaban porque o seu interlocutor vocalizase, pronunciase con xeito todas as sílabas, e ela puidese recoñecelas, porque esta circunstancia facía que puidese ler os beizos e entendese.

Non foi doado para a miña nai entender e facerse entender nunha lingua allea, afastada da súa materna (á que só accedera de forma oral), polo que tivo que aprender a partir do que cría que escoitaba e comunicarse coa pronuncia que ela pensaba que executaba. As palabras deformadas, inventadas, máis ou menos semellantes á realidade foron frecuentes e constantes. E nunca lle faltou o humor, para rir dos frecuentes malentendidos, que a obrigaban a facer malabarismos para intentar recordar e pronunciar palabras alleas, con fonéticas diferentes ás que xa coñecía.

Tentamos que aprendese lingua de signos, o que resultou todo un fracaso. Miña nai aprendera que as palabras se poden dobrar ata que serven para o propósito que se persegue, que as sílabas se poden aproximar, coma quen redondea unha cifra, que as mensaxes se poden complementar con xestos… E estas normas básicas e sinxelas, aplicounas á lingua de signos. Cando non sabia do signo dunha palabra á que se refería, non o pensaba dúas veces e inventaba un que a ela lle parecía perfectamente axeitado. O problema era que moitas veces o receptor non tiña nin idea do que facía cos brazos, a cara e o xesto, aquela señora baixiña e de pelo branco.

Sen decatarme, con miña nai aprendín moito sobre comunicación, e entendín ben o que estudara na clase de que emisor e receptor deben compartir o mesmo código comunicativo, pero sobre todo a importancia de respectar a lingua que nos permita nomear, referir, sinalar, enumerar e identificar, porque a miña nai foi quen de empregar linguaxe non verbal para suplir todo o que a súa linguaxe verbal non era quen de nomear, porque pese a que á súa dificultade auditiva se lle engadiu a de ter que cambiar unha e outra vez de cultura e de lingua, nunca deixou de comunicarse.

Hoxe son orientadora nun instituto. Polas miñas mans pasa alumnado con dificultades sensoriais que deben vivir e comunicarse co mundo doutro xeito. Algunhas destas persoas foron adestradas para empregar sistemas alternativos de comunicación, nos que as palabras son substituídas, ou complementadas, por signos, pictogramas ou puntos en relevo, unha diversidade e unha variedade que a calquera deixaría sorprendida se ademais engadimos as axudas tecnolóxicas que se lles suman. Porén, ante esta multiplicidade de formas de achegarse á linguaxe, creativas e enxeñosas, que aproveitan o máis mínimo resto motriz, visual ou auditivo; a lingua á que se achegan, á que despois de tanto esforzo por superar barreiras de acceso atopan as persoas con dificultades é, de xeito abafador, maioritario e constante a castelá. A castelá para persoas que se criaron co galego e para as que viviron o mundo en galego. Respéctase a súa forma de acceso, descóidase a súa lingua nai.

Gustaríame facer un exercicio de reflexión: se a miña nai, xorda postlocutiva (isto é, con perda auditiva tras ter adquirida a linguaxe) sendo unha nena de dez anos, con todo o medio galegofalante, tivo que comezar a escoitar cos seus ollos, a ler os beizos das persoas que se dirixían a ela para entender e entenderse, sería doado acceder a toda unha lingua signada nun código alleo a ela?

As fontes que consultei falan de 54.000 persoas en toda Galiza cunha diversidade sensorial, segundo as estatísticas de Política Social do 2021, pero a cifra sería maior se xuntamos as persoas que poden beneficiarse deste código lingüístico por outras necesidades, por exemplo familiares de signantes, e aqueloutras que non tendo o recoñecemento dun certificado oficial de discapacidade, son usuarias da LSE (Lingua de Signos Española). Poderiamos estar a falar dun 4,30% da poboación total de Galiza, segundo os datos do IGE de 2020.

Estas persoas acceden ao mundo en castelán.

Fagamos un percorrido histórico moi resumido para contextualizar a situación, e convido quen lea estas liñas a que non pase por alto as datas, tan recentes, que esta recapitulación nos ofrece:

En 1988 o Parlamento Europeo publica unha Resolución pola que se aceptan as linguas de signos de cada país como linguas naturais das persoas xordas, e nese mesmo ano en Viena apróbase unha resolución que afirma que se deben considerar as linguas de signos na educación das persoas xordas, lembremos que ata ese momento o modelo pedagóxico das escolas para persoas xordas era a oralización.

A Lei 27/2007 de 23 de outubro outorgou a oficialidade a dúas linguas de signos no estado español: a Lingua de Signos Española e a Lingua de Signos Catalá; deste xeito, préstanselle recursos institucionais dos que non gozan outras Linguas de Signos, o cal “conduciu a que o proceso de planificación derivara na asimilación lingüística das variedades minoritarias, como a galega, á variedade española, a cal acadou un novo status e maior prestixio” (González Abelaira, 2016a: 93).

Pero se quixésemos botar unha ollada ao noso redor a sorpresa sería maiúscula, cantas Linguas de Signos recoñecidas existen no mundo? 44 e mais o Sistema Internacional de Signos, que non se considera unha lingua. Cada cultura, cada sociedade ou comunidade con identidade cultural, desenvolve a súa propia lingua signada (Cabeza Pereiro, 2020: 13-14) Curiosamente nesa listaxe podemos ver, a modo de exemplo as LS de Reino Unido, Austria, A India e Paquistán, Israel, Brasil, Italia, Turquía, Norte de Bélxica, Quenia e Bali… No territorio español dúas: a española e a catalá. O recoñecemento da LSC tivo moito que ver coas actitudes nacionalistas vinculadas á defensa e normalización da lingua catalá (Morales et alii, 2002: 154), pero en Galicia non se deu o contexto socio-político para lograr este feito.

Para entendelo teriamos que voltar a ollada cara aos colexios de xordos que existiron en España, un en Madrid, outro en Barcelona, e en Galicia o Colexio rexional de xordo-mudos e cegos de Santiago, fundado en 1864. Son os educadores oíntes con procedencia madrileña os que queren educar nun sistema máis achegado á lingua oral, desvalorizando a lingua do alumnado xordo, mentres a lingua de signos segue sendo empregada polo alumnado na súa interacción diaria. Obsérvanse, neste momento, distintas variedades lingüísticas nas diferentes escolas, xa que o alumnado xordo é acollido noutros centros educativos de distintos puntos de Galicia: Lugo, Pontevedra e Coruña súmanse ao de Santiago, creando pequenas comunidades que signan na súa interacción diaria, creando variedades propias.
A isto hai que sumarlle a posta en marcha da LOXSE, factor decisivo que cambiou radicalmente o panorama dos centros educativos ao promulgar en 1990 a inclusión do alumnado xordo en centros ordinarios, o que provoca “a desmembración da comunidade signante formada ao redor das escolas” (González Abelaira, 2016b: 103).

“durante séculos, a política lingüística do estado español e, máis concretamente, a planificación lingüística levada a cabo no eido educativo, caracterizouse por apostar polo monolingüismo na lingua oral castelá. A comunidade xorda española, e tamén a galega, foi oralizada en castelán dende a súa entrada nos centros educativos. As linguas de signos foron ignoradas e quedaron relegadas ó seu uso nun contexto informal, fóra das aulas, e foi neste eido onde se desenvolveron e foron xurdindo distintas variedades lingüísticas”

(González Abelaira, 2016b: 90)

Sabemos hoxe, na voz de expertas científicas sobre as linguas de signos, que a LSG é unha realidade, que existe, que non hai que creala, pero a miña nai non tivo a oportunidade de acceder a ela.

Oxalá o meu alumnado e as súas familias poidan facelo.

Referencias bibliográficas

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir