A LOMLOE e a superación da negativa LOMCE
Texto
O pasado 19 de novembro quedaba aprobada no Congreso dos Deputados por maioría dos Grupos parlamentarios a Lei Orgánica de Modificación da LOE (2006). A LOMLOE vainos permitir superar algúns dos elementos máis negativos da LOMCE e comporta posibilidades de avance a prol dunha educación pública, inclusiva, participativa na xestión, defensora dos dereitos da infancia, aberta á experimentación e innovación, e máis posibilitadora da galeguización cultural e lingüística.
Arredor do seu debate ergueuse un furioso balbordo conservador e privatizador, con ecos na Xunta, mesturando ruído á mantenta con descoñecemento e slogans falsos. Ao efecto, lamentamos a insuficiencia da consulta e participación da comunidade educativa, xa que os avances da educación precisan de auténtica participación social.
A Lei, que se asenta sobre a anterior LOE e que se resolve tecnicamente nun artigo único, abre paso a 99 modificacións parciais que afectan a 77 artigos dela, e a 42 disposicións (adicionais, transitorias, finais e unha derrogatoria). Unha lei con avanzada filosofía educativa que:
- Reafirma a capacidade competencial e curricular das CCAA con lingua propia e procura garantir a existencia de competencia lingüística suficiente nas dúas linguas oficiais, cara ao dominio pleno e equivalente.
- Reactiva a autonomía dos centros e favorece a súa capacidade de deseño curricular. Permitirá a flexibilización organizativa, con posibilidades de innovación e adaptación contextual.
- Regula os requisitos mínimos dos centros de EI e aumenta desde o primeiro ciclo as prazas públicas, atendendo tanto á compensación dos efectos negativos das desigualdades sociais na aprendizaxe e evolución infantil, como ao carácter de central da educación pública.
- Recupera os tres ciclos da EP coa reordenación de áreas e a incorporación de instrumentos para a mellora dos procesos de aprendizaxe individuais, e orientadores nun contexto de educación en valores.
- Promove a aprendizaxe reflexiva, autónoma e significativa nas materias da ESO, que poderán integrase en ámbitos, dando carácter orientador ao 4º curso, coa desaparición dos itinerarios.
- Fortalece a comprensión lectora, o manexo da linguaxe escrita a apropiación de coñecementos STEM.
- Introduce a perspectiva de xénero na Orientación profesional.
- Abre a posibilidade dun Bacharelato de tres cursos para atender mellor, desde a adecuación didáctica, o desenvolvemento de todos os adolescentes.
- Ordena a configuración non selectiva do ciclo formativo de grado básico na FP.
- Recupera a xestión democrática dos centros, coa primacía do Consello Escolar, o reforzo do papel do Proxecto Educativo e a previsión de plans de mellora dos centros.
- Garante a existencia de prazas públicas escolares en todas as zonas de escolarización ou de influencia que se estabelezan.
- Promove a incorporación da cultura da sostibilidade, da cooperación e da cohesión social, e avanza na da coeducación.
- Aposta por un modelo inclusivo, equitativo, baseado na diversidade como valor, baixo criterios de prevención, normalización e inclusión na escolarización do alumnado con NEE, e compromete as administracións educativas canto aos recursos precisos.
Con todo, a Lei mantén algunhas deficiencias considerábeis:
- Perpetúa un sistema educativo non laico, ao manter a presenza nas aulas do ensino das fes relixiosas.
- Conserva resortes curriculares que poden favorecer un currículo enciclopedista, sobrecargado e fragmentado.
- Se ben non permite concertar os centros que segregan alumnado por sexo, non se avanza cara á redución/eliminación dos concertos a ensinanzas non obrigatorias.
- Exclúe, ata o momento, da docencia de FP o Profesorado Técnico (PTFP) que non conta cun grao universitario (ou equivalente).
Desde a RGE alentamos a un tempo de renovación do sistema educativo, con responsabilidade proactiva das Administracións e con intensa preocupación profesional docente, avanzando no reto dun profesorado reflexivo, dinámico, esixente no seu labor compartido e con conciencia da súa responsabilidade social
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats: