A implantación dos plans dixitais na educación de Galicia

Resumo

O proceso de implantación dos plans dixitais no ensino galego cumpre xa dous cursos. No primeiro realizamos unha diagnose da situación dentro do marco DigCompOrg. Os centros estabeleceron plans de acción e implementáronos no curso 22-23. O balance é positivo pero comparte a necesidade de continuar na andaina do traballo da competencia dixital en todos os ámbitos do ensino.

Texto

Na era dixital na que vivimos, a educación experimentou un cambio significativo. A incorporación das tecnoloxías da información e comunicación (TIC) no ámbito educativo é unha variable máis a mudar a forma en que ensinamos e aprendemos. Galicia vén de realizar unha aposta importante neste sentido ao implantar os plans dixitais dos centros e crear a rede DixitalGal cos mentores e mentoras ADIX para apoiar o proceso. Dous anos despois da creación desta rede e co primeiro curso de desenvolvemento dos plans dixitais a punto de concluír, pode ser un bo momento para botar unha ollada ao xerme deste ambicioso e necesario proxecto.

Elaboración dos plans dixitais dos centros educativos.

Os plans dixitais vixentes actualmente nos centros parten dunha análise DAFO, deseñada coma unha ferramenta de autorreflexión da comunidade educativa acerca da situación dixital do centro. Esta análise precisa de datos de partida dentro do marco para a competencia dixital das organizacións (marco DigCompOrg). A forma na que recollemos estes datos é derivada da realización masiva en todos os centros da enquisa SELFIE.

SELFIE (cuxas siglas en inglés significan «reflexión persoal sobre unha aprendizaxe efectiva mediante o fomento da innovación a través de tecnoloxías educativas») é unha ferramenta gratuíta deseñada por profesionais do ensino. Esta é empregada en toda Europa por todo tipo de centros e niveis educativos, presentando pequenas particularidades para as distintas tipoloxías e resultando personalizable.

Dende os equipos ADIX propuxéronse algunhas preguntas comúns para os centros relacionadas coas ferramentas dixitais corporativas do sistema educativo galego (Abalar, Webs Dinámicas etc.), o emprego e promoción do software libre e a participación en actividades formativas da Consellería de Educación. A maiores, os centros tamén poden incorporar as preguntas que consideren oportunas.

Vantaxes ferramenta SELFIE:

  • Deseñada pola Comisión Europea
  • Gratuíta
  • Anónima
  • Voluntaria
  • Elaborada en máis de 30 linguas

Da análise dos resultados globais do SELFIE en Galicia, en todos os niveis educativos, obtemos puntuacións superiores ao 3 nunha escala de 5 en todas as áreas agás en prácticas de avaliación. O emprego de ferramentas dixitais que axuden á avaliación continua e formativa aparece coma pendente de crecemento en gran parte dos centros galegos. Así mesmo, a percepción do emprego de ferramentas dixitais para o estabelecemento de redes de colaboración tamén é algo baixa.

Ademais do SELFIE, o curso pasado o profesorado realizou unha tradución da enquisa SELFIE for teachers implementada na plataforma FPROFE. Esta enquisa foi só orientadora xa que o proceso de acreditación das competencias dixitais docentes é algo que se comezou a desenvolver este curso 22-23. Esta acreditación parte da baremación da formación recibida os últimos anos, a formación impartida e o desenvolvemento de roles relacionados coas TIC. Neste intre estase desenvolvendo só o proceso de acreditación da formación recibida, chegando unicamente ao nivel B2. O proceso de acreditación de roles para o nivel C está á espera de publicación de normativa de acreditación.

Cos datos do SELFIE e a enquisa de FPROFE enriba da mesa, e coa propia experiencia nos centros, os equipos docentes fixeron un gran esforzo de autorreflexión que plasmaron na análise DAFO da situación dixital do centro. Buscaron debilidades, fortalezas, ameazas e oportunidades, categorizáronas e realizaron unha valoración dos medios necesarios, esforzo e impacto na comunidade educativa da actuación sobre as mesmas co fin de priorizar obxectivos para o plan de acción anual.

Cada centro elixiu os seus propios obxectivos para o plan de acción dixital para o curso que está agora a rematar. Non hai dous plans dixitais iguais nin dous obxectivos con accións idénticas. Cada plan é o resultado da análise e da forma de traballar de cada equipo docente. Os obxectivos son sentidos como necesarios polas persoas que conforman a comunidade educativa e parten da súa experiencia e situación particular. En todos os centros, cando menos un dos obxectivos contemplados para o curso 22-23 levou formación docente asociada. Os CFR e CAFI traballaron en colaboración cos equipos ADIX adaptándose ás demandas formativas concretas de cada centro.

A recomendación que dabamos as persoas ADIX con respecto aos obxectivos é que fosen ambiciosos pero realistas, contando cos recursos humanos, temporais e materiais do centro. Cada centro estableceunos ao seu xeito, e non poucos centros fixeron plans buscando un equilibrio no avance de todas as partes da comunidade educativa: organización de centro, alumnado, profesorado e familias.

Valoración positiva do proceso

Agora que estamos a valorar xa o desenvolvemento dos plans, hai distintas percepcións acerca dos obxectivos marcados. Centros con plans dixitais moi ambiciosos tiveron que priorizar accións sobre a marcha e contemplan retomar os obxectivos non acadados este ano para o vindeiro curso. Outros centros máis prudentes foron avanzando case sen decatarse en novos obxectivos que, sen dúbida, farán explícitos e afondarán no plan dixital para o vindeiro curso 23-24. Entre estes extremos e todos os graos intermedios posibles hai un sentir común, a satisfacción polo camiño percorrido este curso e a necesidade de continuar na andaina do traballo da competencia dixital en todos os ámbitos do ensino.

Preocupacións compartidas

Non poucos centros comparten inquedanzas acerca da necesidade de educar o alumnado no uso responsable e axeitado da rede. A preocupación pola seguridade en liña, a privacidade, a desinformación e o emprego equilibrado e saudable son compartidas por moitos equipos docentes así como polas familias.

A inquedanza sobre a seguridade e a privacidade en liña é unha das máis repetidas. Todas as persoas menores poden estar expostas a contido inapropiado e outros riscos en liña. Moitos centros incluíron a ferramenta Epoptes de control de aula dentro dos seus plans, pero tamén demandan formas para o control do emprego dos dispositivos fóra da escola. Na casa é fundamental a implicación das familias establecendo normas e regras claras de uso de Internet e unha comunicación directa e constante coas menores.

Promover a alfabetización dixital no alumnado é esencial para axudarlle a empregar Internet de maneira segura e responsable. Isto implica ensinarlle a avaliar a fiabilidade da información en liña, a construír unha identidade dixital axeitada e a desenvolver habilidades críticas para o uso da tecnoloxía.

Tamén preocupa especialmente o uso equilibrado e saudable dos dispositivos. É importante fomentar un equilibrio entre o tempo dedicado a actividades en liña e outras actividades saudables, como o exercicio, a lectura e a interacción social cara a cara.

A transformación dixital do ensino en Galicia

A transformación dixital é a meta que perseguimos coa implantación dos Plans Dixitais nos centros. Cada curso os centros buscarán os seus obxectivos e accións para o seu Plan Dixital. Aínda que a tecnoloxía é unha parte fundamental deste proceso, é importante recoñecer que debe facerse invisible, é dicir, a tecnoloxía debe integrarse de maneira natural e transparente no ensino e na actividade diaria dos centros docentes.

Esta invisibilidade fai referencia a que o seu uso e funcionamento non deben ser unha barreira ou unha distracción. En lugar diso, a tecnoloxía debe ser unha ferramenta que facilite e mellore as nosas tarefas, sen requirir un esforzo adicional para utilizala ou comprendela. O seu papel debe ser o de apoiar e enriquecer os procesos de ensino e aprendizaxe. Isto implica que os docentes e estudantes poidan utilizar ferramentas dixitais de forma intuitiva e sen interrupcións, de xeito que sexa máis doado centrarse no contido e a experiencia de aprender.

Conclusión

A educación en Galicia está no camiño de adaptación aos desafíos e oportunidades que presenta a era dixital, preparando os estudantes para o mundo actual e futuro. Queda moito por andar pero, sen dúbida, temos que agradecer ao persoal docente e centros educativos o seu esforzo e dedicación. Tamén o apoio e o compromiso da administración educativa, a rede de formación do profesorado, AMTEGA e o servizo de innovación educativa e os equipos ADIX.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir