A expresión e comunicación corporal a través de ambientes de aprendizaxe de arte contemporánea

Resumo

Neste traballo preséntase unha proposta didáctica dunha sesión con alumnado do segundo ciclo de educación infantil para o desenvolvemento da expresión e comunicación corporal en torno a un ambiente de aprendizaxe de arte contemporánea, describindo o comportamento, os debates e as discusións do alumnado durante a sesión.

Palabras Clave

Texto

CONTEXTO DO CENTRO, DA EXPERIENCIA E NIVEL EDUCATIVO.

A proposta didáctica que se presenta deseñouse para un grupo-clase concreto de 18 nenos e nenas de segundo ciclo de educación infantil (EI) da Escola de Reis pertencente ao Colexio Rural Agrupado (CRA) do Concello de Teo, provincia da Coruña. Unha das características destes centros é que conviven nunha mesma aula nenos e nenas de entre 3 e 6 anos. Este colexio de contexto rural conta con cinco escolas e oito unidades en total, que agrupan os nenos e nenas de EI e de educación primaria (EP).

XUSTIFICACIÓN DA EXPERIENCIA E OBXECTIVOS.

Tal e como sinala Cabeza-Hernández (2018), a interacción coa arte favorece que o alumnado conecte con diferentes tendencias artísticas e culturais, e potencie a súa capacidade de sensibilizarse fronte a creacións artísticas, facéndoo máis crítico, observador e creativo. No caso das e dos artistas contemporáneos, estes son expertos en explicar e mostrar a nosa realidade desde perspectivas persoais que poden conectar coas nosas formas de vida. Incorporar artistas contemporáneos nas prácticas docentes permite aprender sobre estética, a cal enriquece e invita a imaxinar novas formas de potenciala nas aulas (Eisner, 2004).

Os artistas contemporáneos saben mellor ca ninguén como usar os materiais do século XXI e a súa interacción cos espazos, converténdose este contexto nunha ferramenta moi útil para crear unha verdadeira analoxía entre os procesos artísticos e os procesos de aprendizaxe que, en moitas ocasións, resultan difíciles de disociar (Abad, 2003)

O obxectivo deste traballo foi deseñar e implementar unha proposta didáctica dunha sesión con alumnado do segundo ciclo de EI, en torno a un ambiente de aprendizaxe de arte contemporánea, describindo o comportamento, os debates e as discusións do alumnado durante a sesión.

FORMULACIÓN E DESENVOLVEMENTO CONCRETO.

Esta proposta de investigación-acción permite describir as accións que se realizan na aula para un posterior proceso de reflexión conxunto coa mestra do grupo-aula, favorecendo a mellora da competencia profesional. Pérez e Nieto (2009) sinalan que se trata dunha metodoloxía participativa, colaborativa, democrática e crítica no marco dunha investigación de tipo cualitativo e que ten por obxecto crear un clima de cambio, de transformación e de mellora da realidade educativa. Así mesmo, debe cobrar importancia a análise das prácticas docentes a partir da escoita e a xestión da voz do alumnado.

A selección dos artistas contemporáneos

Para a elaboración do ambiente de aprendizaxe fíxose unha procura e reflexión de posibles artistas contemporáneos que permitisen usar o espazo do que se dispoñía e ofrecesen posibilidades de crear ambientes atractivos polas cores, trazos e simboloxía, que desen resposta ao obxectivo que se perseguía. Como resultado desta procura seleccionáronse os seguintes autores: Marcos Chaves, Javier Abad, Juan López e Yayoi Kusama.

Preparación do espazo para a sesión

Para a creación do ambiente de aprendizaxe utilizáronse materiais de fabricación propia, concretamente teas usadas, periódicos e caixas de cartón recicladas, feltro de cores, velcro, cinta adhesiva de dúas cores, cordas de rafia, cartolinas de cores, cola branca de carpinteiro, pegamento de barra, témpera líquida de cores e pompóns de cores de diferentes tamaños.

O espazo elixido para a súa realización foi unha dependencia do centro destinada a actividades como o desdobre do gran grupo nalgunhas actividades ou sala de xuntas.

Para a preparación do ambiente visitouse o centro en cinco ocasións para coñecer ben o espazo dispoñible, valorar diferentes materiais e as súas posibilidades no espazo para, finalmente, preparalo o día da sesión co resultado que se pode observar nas ilustracións 1, 2, 3 e 4.

COMENTARIOS SOBRE O SEU DESENVOLVEMENTO.

A proposta desenvolveuse nunha sesión dentro do horario ordinario do centro cunha duración de 80 minutos. Dividiuse o grupo de 18 alumnas e alumnos en dous subgrupos homoxéneos para optimizar o uso do espazo. Unha vez rematou o primeiro grupo, colocouse de novo todo o material respectando a súa colocación orixinal para que o segundo grupo atopase o mesmo ambiente ca o primeiro grupo.

A sesión comezou cunha asemblea inicial con todo o alumnado sentado en círculo no chan. Unha vez sentados, fíxose unha breve introdución na que se lles presentaron catro láminas, unha por cada un dos catro artistas que serviron de base para a creación do ambiente de aprendizaxe.

Antes de comezar o tempo de interacción directa co ambiente de aprendizaxe, expuxéronselles algunhas normas básicas de uso do espazo e dos materiais como respectar os compañeiros e compañeiras, evitar facerse dano e non romper nin derramar os materiais. A partir de aquí, podían utilizar todo o espazo e os materiais como considerasen.

Iniciado o tempo de experimentación libre (Ilustración 5), o rol das docentes pasou a ser secundario respecto ao alumnado.

Ilustación 5: Accións de experimentación libre no ambiente de aprendizaxe

AVALIACIÓN E REFLEXIÓN SOBRE O REALIZADO.

Instrumentos e materiais

Para a recollida de información no desenvolvemento da sesión para a avaliación e reflexión final utilizáronse os seguintes instrumentos:

  • Diario de campo para recoller notas coas observacións das docentes sobre o que sucedía así como anotacións dos comentarios e discusións do alumnado.
  • Cámara de fotos e vídeo para recoller imaxes, gravacións de audio e vídeos da experiencia.

Trala análise das anotacións, das imaxes e dos vídeos recollidos, púidose evidenciar como o ambiente de aprendizaxe facilitou o xogo inclusivo. Cada alumna e alumno situábase no espazo segundo os seus intereses, con ou sen compañeiros e compañeiras pero sempre en movemento. Esta inclusión favorecíase coa variedade de materiais e espazos que configuraban o ambiente.

Durante o xogo libre púidose observar como o alumnado lles daba distintas funcionalidades aos materiais pero tamén como as ideas van xerando conexións entre o alumnado ata crear o seu propio contexto imaxinario. Isto evidénciase por exemplo, nesta conversa:

  • Alumno 1. Que é iso?
  • Alumna 2. É unha casiña de cartón.
  • Alumno 1. Parece un meteorito súper colorido.
  • Alumna 3. Eu xa teño os escudos preparados.
  • Alumno 4. Temos que salvar a cidade!

Na conversa que se mantivo co alumnado na asemblea final, ao rematar a experimentación libre co ambiente de aprendizaxe, confirmouse que esta metodoloxía multiplica as posibilidades de desenvolver a creatividade do alumnado e permítelle ao profesorado coñecer mellor os intereses, necesidades e motivacións de todo o alumnado que conforma o grupo-aula. De feito -como por exemplo podemos ver na seguinte conversa que tivo lugar na asemblea final, sobre o vivido polo alumnado no espazo da obra de Javier Abad- cada alumno ou alumna pode ter unha percepción diferente:

  • Mestra 2. Gustáronvos as cordas da obra de Javier Abad?
  • Alumna 8. Non me gustaban porque tropezaba moito.
  • Alumno 7. A min no me gustaron, non fan nada.

Algo que tamén chamou moito a atención entre os resultados desta proposta foi a importancia que o enfoque globalizador ten na etapa de EI. Durante o primeiro trimestre, este grupo-aula estivo traballando a técnica artística do puntillismo creando diferentes obras que logo se expuxeron no seu museo particular na aula. Cando dúas alumnas estaban experimentando no espazo adaptado da obra de Yayoi Kusama (Ilustración 6), estas fixeron os seguintes comentarios:

  • Alumna 10. É como o puntillismo que nos explicou a profe.
  • Alumna 12. Si! Pero estespéganse.
Ilustación 6: Experimentación coa obra de Yayoi Kusama

CONCLUSIÓNS E PERSPECTIVAS ABERTAS A PARTIR DA EXPERIENCIA.

Esta metodoloxía resultou ser un gran estímulo e motivación para o alumnado de EI, viuse como os alumnos e alumnas gozaron no ambiente de aprendizaxe, conseguiron ser autónomas e autónomos, e a súa creatividade e imaxinación desenvolveuse moito máis ca respecto doutras propostas máis dirixidas.

Tras a experiencia vivida e a escoita e observación por parte do profesorado, débese tamén reflexionar, para futuras intervencións, sobre a implicación que pode ter para o alumnado ser o creador dos seus propios ambientes de aprendizaxe.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Referencias

  • Abad, J. (2003). Experiencia Estética y Arte de Participación: Juego, Símbolo y Celebración. Universidad Autónoma de Madrid.
  • Cabeza Hernández, M.A. (2018). Arte-Lier- Estrategias lúdico-pedagógicas basadas en el arte, experiencias sensoriales y expresión para el aprendizaje en primera infancia. Revista Boletín Redipe, 7(12), 106-114).
  • Eisner, E. (2004). El arte y la creación de la mente: el papel de las artes visuales en la transformación de la conciencia. Paidós.
  • Pérez, G. e Nieto, S. (2009). La investigación-acción en la educación formal y no formal. Enseñanza & Teaching: Revista Interuniversitaria de Didáctica, (10-11), 177-198.

Banners

Compartir