A educación no universo das multipantallas
Texto
O 28 de decembro de 1895, no Gran Café de París, tivo lugar a primeira proxección cinematográfica a cargo dos inventores do novo artefacto, os irmáns Lumière. Apenas vinte anos despois, o cinematógrafo era xa un dos máis (se non o máis) populares espectáculos en practicamente todo o mundo. Coa incorporación do son e a color a súa popularidade non deixou de incrementarse. Aínda que os círculos cultos cuestionaron o seu carácter de produción cultural, xa as vangardas artísticas das dúas primeiras décadas do século XX saudaron o cine coma a “sétima arte”, e algúns dos creadores máis innovadores de relatos cinematográficos, coma o aragonés Luis Buñuel, formaron parte daquelas vangardas. Buñuel foi un surrealista, como o foi o galego Eugenio Granell, que tamén se interesou pola experimentación cinematográfica. Malia todo, o currículo escolar mantívose alleo ao novo formato artístico durante moitos anos. Coa irrupción da televisión, a partir dos anos cincuenta e sesenta do pasado século, xa non houbo dúbida de que os formatos audiovisuais se tiñan convertido en mass media, é dicir, medios de comunicación de masas (xunto coa radio) que facían chegar as súas mensaxes a absolutamente todo o mundo. Os estudos sociolóxicos probaron que a súa influencia era superior á das tres axencias tradicionais de difusión ideolóxica e conformación das mentalidades: a familia, a igrexa e a escola. Tamén que moitas das mensaxes que difundían eses novos medios contradicían os valores cuxa transmisión a sociedade pedía ás axencias tradicionais, en especial á escola. Abriuse a partir de aí un debate no ámbito educativo: ten sentido que a escola dea costas a un fenómeno coma os medios audiovisuais que de facto mantén unha influencia innegable nas novas xeracións que esa escola se propón formar? A UNESCO foi seguramente a primeira institución que afrontou seriamente este problema, promovendo xuntanzas e elaborando documentos que defendían a incorporación do novo medio ás aulas. Porén, a receptividade por parte da maioría dos gobernos a estas propostas foi en xeral escasa.
A partir dos anos sesenta e setenta xurdiron en moitos países, tamén en España, diversas iniciativas, individuais e de grupos, que desenvolveron experiencias didácticas innovadoras que integraban os materiais audiovisuais como un recurso para o traballo nas aulas. Abre este monográfico o diálogo entre Manolo González e Miguel Vázquez Freire, pioneiros en Galicia neste labor, que achegan unha perspectiva, moi vinculada á experiencia propia, sobre os logros e as carencias deste movemento ao longo de máis de catro décadas. O Congreso Internacional de Pedagoxía da Imaxe Pé de Imaxe, que mantivo a súa convocatoria na década dos noventa, e en cuxo impulso Nova Escola Galega tivo un papel moi activo, foi un bo escaparate e á vez un laboratorio de ideas do movemento a prol do que pasou a ser coñecido como alfabetización audiovisual ou tamén educomunicación.
Co cambio de século, a informatización ou dixitalización, coa xeneralización dos ordenadores persoais e a irrupción da web, así como a multiplicación das pantallas e as redes sociais, marcan un novo paradigma. Xa non se fala de “alfabetización audiovisual”, senón de alfabetización dixital ou, mellor aínda, de alfabetización mediático dixital. Os restantes artigos que conforman este monográfico responden xa a este novo contexto. Así, Ana Moreiras, profesora de Tecnoloxía na educación secundaria e coordinadora do Festival Olloboi, no seu artigo “Do celuloide ao scroll: a crise da creación audiovisual na aula”, reflicte moi ben o “cambio sísmico” que supuxo esta transformación e, por unha banda, analiza os factores psicosociais implicados neste cambio mentres, por outro, reclama da administración educativa medidas tendentes a promover unha alfabetización mediática á altura das novas circunstancias.
Tres experiencias de traballo na aula, en distintos niveis educativos, constitúen as seguintes achegas. Uxía Rodríguez Negreira, docente no CEIP Otero Novas, escola rural de Cortegada, en “O cine como reto educativo” describe unha singular experiencia na que a realización dunha curtametraxe que involucra todo o alumnado dun centro permitiu desenvolver un poderoso proxecto interdisciplinar. Alexandra Pacheco, profesora no IES Campo San Alberto de Noia, amosa en “A nova cara da (des)información” como un enfoque didáctico axeitado pode facer un uso crítico das redes sociais, desmontando os mecanismos manipuladores que decote están presentes nelas. Rubén Ballesteros, profesor na Universidade de Vigo, expón o modo en que a intelixencia artificial xenerativa (IA), xeralmente vista coma un inimigo da aprendizaxe, pode integrarse como unha ferramenta democratizadora da creación visual entre o alumnado de secundaria e universitario (“Luces, cámara, algoritmo: a intelixencia artificial como copiloto creativo na aula”.
Os dous últimos artigos do monográfico afrontan aspectos xa máis próximos á problemática da formación inicial do profesorado. As profesoras Aquilina Fueyo Gutiérrez e Cristina Valdés e o profesor Santiago Fano, da Facultade de Formación do Profesorado e Educación da Universidade de Oviedo, analizan en “Repensar a educación mediática en tempos de tecnocapitalismo e intelixencia artificial” a revisión das prácticas de educación mediática a partir dos cambios introducidos pola intelixencia artificial e o dominio dos algoritmos. Finalmente, Sergio Clavero, docente no IES de Cacheiras e na Facultade de Ciencias da Educación da USC, en “Unha didáctica para a alfabetización na linguaxe audiovisual” propón un modelo didáctico para a incorporación de contidos relacionados coa alfabetización audiovisual e mediático dixital, baseado na experiencia do proxecto Aturuxo Film, que foi adoptado polo proxecto Retina do Ministerio de Educación.
[Coordinan este monográfico Pilar Sampedro e Miguel Vázquez Freire, coa colaboración de Ana Moreiras]
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats: