A comuna del Barruzo
Texto
A Comuna del Barruzo é o primeiro traballo discográfico dunha parella de vida e musical de prestixio, Ugía Pedreira e Pierrot Rougier. Ela, a Pedreira, é xa ben coñecida por todas nós, artista de longa traxectoria que participou en proxectos musicais tan variados como Chouteira, Nordestinas ou Marful. El, Pierrot Rougier, frautista, cantor e multiinstrumentista de orixe bretoa, sempre estivo vinculado á musica tradicional/folk da súa terra participando en bandas bretoas como Diskall e Pleneden.
O tándem Pedreira – Rougier está asentado cun pé na Mariña e co outro no occidente asturiano, e iso fica reflectido neste traballo que pasa por ser o primeiro libro-disco feito en galego de Asturies. Este tándem lidera unha comuna formada por músicas, poetas, escritoras e ilustradoras, A Comuna del Barruzo.

As dez pezas que atoparemos neste disco teñen un claro obxectivo pedagóxico e están dirixidas principalmente ao público miúdo. Dez pezas representadas por dez seres ilustrados da comarca do Eo-Navia feitos pola pintora ribadense Mónica Justo. Cada unha destas cancións integran debuxos e letras, escritas en moitos casos por poetas da zona, que fan referencia a aspectos moi variados: lugares entre o imaxinario e o real, cultura patrimonial, defensa da natureza e da fauna…
Os estilos musicais que atoparemos neste traballo tamén son diversos e van dende o folk ao pop, pasando mesmo polo reggae.
A comuna del Barruzo vén demostrar que a periferia do país é tamén un foco de creación cultural e que, con vontade e moito traballo, o rural tamén é quen de ocupar o lugar que merece.
VIVE LA COMMUNE!
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:


