20 anos das Xornadas Interxeracionais de Cabreiros. Un proxecto interxeracional compartido

Resumo

O artigo recolle a experiencia das Xornadas Interxeracionais Rurais de Cabreiros, que dende hai 20 anos supón un proxecto de dinamización da vida comunitaria dunha parroquia. No texto móstrase o sentido e propósito do proxecto e descríbense as principais iniciativas e recursos producidos como resultado da realización deste proxecto.

El artículo recoge la experiencia de las Jornadas Intergeneracionales Rurales de Cabreiros, que desde hace 20 años supone un proyecto para dinamizar la vida comunitaria de una parroquia. El texto muestra el significado y propósito del proyecto y describe las principales iniciativas y recursos producidos como resultado de la realización de este proyecto.

The article reports the experience of the Rural Intergenerational Days of Cabreiros, which for 20 years has been a project to energize the community life of a parish. The text shows the meaning and purpose of the project and describes the main initiatives and resources produced as a result of this project.

Texto

O contexto

Foi no ano 2003 cando comezamos a poñer en marcha  o  proxecto interxeracional rural que presentamos neste documento e que e continúa vixente 20 anos despois. Posiblemente ninguén imaxinaba entón que en Cabreiros, unha parroquia rural con espallamento da poboación e cun censo de pouco máis de catrocentos veciños e veciñas, ía ser posible poñer en marcha as Xornadas Interxeracionais rurais e coa “desculpa” das mesmas ían emerxer o que coidamos un número moi significativo de iniciativas que se concretaron en diferentes proxectos que comentaremos brevemente. Unha iniciativa que quixemos concibir sempre dende o carácter integrador e coa colaboración de tres institucións: Asociación de Veciños de Cabreiros, Concello de Xermade e Universidade de Santiago. Pero, sen dúbida, un dos retos fundamentais das xornadas foi que o contido e o propio sentido destas non quedase só nuns días. Quixemos que ao longo destes anos abrollasen outras iniciativas e proxectos derivados do encontro deses días relacionados co xogo popular, a participación da xente no Ciclo Universitario da USC, o emprego das TIC en distintos ámbitos do concello e a xeración de iniciativas de emprego. Igualmente pretendemos que estas xornadas e as iniciativas que se desenvolveron derivadas destas nos axudasen na nosa parroquia a:

  • Transformarnos, sabendo que o proceso de perda de poboación e de desaparición de moitos dos nosos referentes culturais quizais non sexa tan irreversible como parece. Se poñemos en práctica algunhas das medidas apuntadas nos encontros, hai probabilidades de recuperación.
  • Aprender coas persoas maiores. Preguntámonos: Como imos comprender as sensacións e as percepcións das persoas maiores se non coñecemos eses seus anos dedicados ao traballo rural como forma de vida, se non coñecemos os avatares desas viaxes migratorias a Castela para segar ou fóra das nosas fronteiras e as implicacións sociolóxicas e económicas que iso supoñía, se non comprendemos que para conseguir aquelas pesetas a maiores a inventiva e a suor ían xuntos da man? Como imos entender a situación actual de Galicia se non coñecemos esta e outras historias que son parte do noso pasado recente?
  • Homenaxear a nosa veciñanza é homenaxear a nosa cultura, as nosas vivencias e a nosa historia. É por iso polo que quixemos homenaxear os nosos mestres e mestras, as orquestras que existiron no concello (Cabreiros, Burgás, Alegría, Portovello…), e investigadores/as e persoas de recoñecido prestixio nadas neste concello. Coidamos fundamental homenaxear as nosas actividades e profesións, como é o caso dos/as cavadores/as, dos/as segadores/as a Castela, artesáns, entre outros moitos oficios. Ao longo destas actividades tamén aproveitamos para reflexionar sobre o sentido da escola rural na actualidade e do mundo rural en xeral.
  • Saír fóra da Universidade, participando activamente tanto no deseño das xornadas coma no seu desenvolvemento formando parte da súa organización.
  • Arrequecer a autoestima. Porque sen autoestima dificilmente  unha   parroquia,   un concello ou unha vila medra. O feito de que fósemos capaces de desenvolver uns encontros destas características nunha vila coma a nosa, axudou a que nos sentísemos máis conscientes do noso potencial socio-educativo e das nosas posibilidades futuras de subsistir como pobo.

Despois da realización da primeira xornada, consideramos oportuno que se continuasen incorporando novas institucións e colectivos que nos puidesen axudar a enriquecer o noso proxecto, poñendo en valor algo tan primordial e necesario como a nosa lingua e o compromiso con ela. Ademais das institucións que axudaron a financiar este proxecto, como é o caso do Concello e da Deputación Provincial de Lugo, cómpre agradecer e destacar as axudas que nos están prestando o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, Nova Escola Galega, o Instituto de Estudos Chairegos, a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, Brinquedia, a Vicepresidencia da Xunta de Galicia, e Xermolos, entre outras.

Os encontros foron pensados inicialmente para que a mocidade e os maiores poidan desenvolver unha aprendizaxe conxunta, xa que un dos grandes desexos e legados da xente maior é que sexan escoitados e podernos transmitir todo o que  aprenderon durante toda a súa vida. Para iso formulamos unhas xornadas abertas cun marcado carácter interxeracional. Deste xeito, quixemos contar coa poboación máis nova. Así mesmo, pretendemos ofrecer iniciativas á xente maior que lles permitan seguir aprendendo cousas que poidan resultar útiles e interesantes.

Iniciativas e proxectos

Entre as numerosas iniciativas e proxectos derivados das xornadas, destacamos:

A Invernada de Cine

As xornadas da Invernada céntranse en documentais, películas, teatro e contacontos. http://cabreiros.es/index.php/gl/avv/category/invernada-de-cine

Vídeos documentais

Nestes vídeos documentais cóntase coa participación de veciñas e veciños de Cabreiros, do concello e doutros lugares como Vilalba ou As Pontes. Destacamos entre outros os seguintes: 

Lembranza dunha escola unitaria”
As orquestras de Cabreiros”
O toxo na nosa cultura”
O liño
A trenza do pelado”. Historia de vida de Dina, unha muller que vive en Lousada (Xermade) e que estivo emigrada en Arxentina durante 44 anos.

E outros como “O empalme, unha historia rural colectiva” e “Os mestres.

Polafías en Cabreiros.

A nosa veciñanza foise achegando para contar nunha noite máxica, lendas, ritos, contos, romances e regueifas que forman esa Galiza imaxinaria enfeitizada e meiga. Aproveitouse nesta xornada unha vez máis para desenvolver un exercicio interxeracional máis ca necesario posto que a herdanza por parte da xente maior deixa pouso e sabedoría nos máis novos para seguir habitando e fortalecéndose na nosa memoria colectiva. https://galiciaencantada.com/buscador.asp

VIII Encontro de Xogos Tradicionais de Xermade.

Memoria fotográfica de Cabreiros

Nas XIII Xornadas Interxeracionais, ano 2017, presentouse un vídeo mostrando fotografías antigas que xente da parroquia foi proporcionando para que a memoria fotográfica de Cabreiros quedase plasmada e gardada para sempre.

Premios Xermade na Historia:

Como froito da convocatorias deste premio publicáronse ata o día de hoxe tres libros de actas nos que se recollen os traballos premiados. No seguinte enlace poden visualizarse algunhas das convocatorias e os traballos publicados.

Xornadas de Sendeirismo

Teñen lugar todos os anos as Xornadas de Sendeirismo nacidas desa iniciativa e constan de catro ou cinco xornadas nas fin de semana entre os meses de abril e maio, con rutas educativas e de desfrute. Rematan as Xornadas cunha viaxe no mes de setembro, de catro días, a un parque natural da Península. Grazas e esta iniciativa e coa axuda do concello fomos quen de poñer a andar a Ruta do río Trimaz, de 14 km e de gran beleza paisaxística e patrimonial.

É de destacar, en relación con esta cuestión, que durante o ano 2023 ⎯e en certa medida podemos interpretalo como un recoñecemento⎯, por parte de Reservas da Biosfera-Terras do Miño, vén de concederse unha subvención para a conservación e mellora da ruta.

http://cabreiros.es/index.php/gl/avv/category/sendeirismo-rutas

Club de lectura

Cómpre destacar que a finais do ano 2023 tomouse a decisión de constituír un club de lectura con carácter interxeracional e que permita a creación de espazos de dinamización da lectura no marco do contexto rural de Cabreiros. Actualmente o Club está en marcha e conta con 15 persoas anotadas.

Publicacións

A modo de síntese, entre as principais publicacións producidas neste período poderiamos destacar as seguintes: Páxina web: http://cabreiros.es/, Edición das I Xornadas Interxeracionais Rurais, I Revista Interxeracional, Guía das Asociacións de Xermade, Cabreiros no tempo, Unidade Didáctica. Lembranzas dunha escola unitaria, e Cabreiros, 15 anos de dinamización comunitaria.

Para concluír diriamos que son 20 anos de esforzo e traballo, mais tamén de vivencia en comunidade, e así queda reflectido na publicación do libro dos 15 anos, onde veciños/as e participantes asiduos/as das xornadas achegaron as súas voces para facer ver que as xornadas xa teñen un oco reservado no calendario ano tras ano e que realmente todas as experiencias vividas e compartidas merecen ser recordadas. Entendemos que os traballos promovidos no marco desta iniciativa significan moito máis ca simplemente eventos e proxectos. Representan o corazón e a alma dunha aldea, protexendo e enriquecendo a súa cultura e garantindo a súa supervivencia no Medio Rural.

Referencias bibliográficas

  • Rodríguez Rodríguez, J.; Felpeto Carballeira, X. M. (Coords.) (2021). Cabreiros, 15 anos de dinamización comunitaria. Olladas e Recursos Interxeracionais no rural. Cabreiros: Concello de Xermade/Deputación de Lugo http://cabreiros.es/documentos/cabreiros.pdf

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir