A Revista Galega de Educación, publicación de Nova Escola Galega, presenta o seu número 93 baixo o título A radio escolar, un monográfico dedicado ao papel da radio como ferramenta educativa, comunicativa e de participación nos centros escolares.
Para dar a coñecer este novo número organizaranse dúas presentacións abertas ao público, nas que se reflexionará sobre o valor da radio no ámbito educativo e sobre as experiencias que se están a desenvolver en Galicia.
A primeira terá lugar o mércores 25 de marzo ás 19:30 h na Casa das Letras da Estrada. No acto intervirán Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada; Esteban Folgar, da emisora do IES Losada; Pilar Bernárdez, do programa O Recuncho da Lingua; e Ana Parada, directora da Revista Galega de Educación. A sesión estará moderada por Pablo García “Chichas”, da Asociación de Medios en Galego.

A segunda presentación celebrarase o xoves 26 de marzo ás 12:00 h na Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense (Universidade de Vigo). Participarán Raquel Rey, de Nova Escola Galega e PNO; Santiago Veloso, do proxecto Ponte… nas Ondas!; Sergio Pascual, coordinador do número; e Antón Costa e Xosé Manuel Cid, membros do Consello Editorial da revista. Moderará o acto Ana Iglesias, da Facultade de Educación e Traballo Social.

Este novo número da revista pon o foco nas múltiples posibilidades pedagóxicas da radio escolar: como ferramenta para traballar a lingua, fomentar a expresión oral, promover o pensamento crítico e fortalecer a participación do alumnado na vida do centro.
As presentacións pretenden ser tamén un espazo de encontro entre profesorado, alumnado, profesionais da comunicación e persoas interesadas na educación, para compartir experiencias e reflexionar sobre o potencial educativo da radio.