A Revista Galega de Educación continúa a súa xeira de presentacións arredor do número 93, dedicado á radio escolar, cunha programación que levará o proxecto a diferentes puntos do país nas vindeiras semanas.
O luns 25 de maio, ás 17:00 h, o Salón de Plenos do Concello de Burela acollerá a presentación baixo o lema “A radio escolar”, coa participación de integrantes do Proxecto Neo, representantes do Consello Editorial e alumnado do IES Perdouro, que será tamén o encargado de moderar e dinamizar o acto.

Pola súa banda, o venres 29 de maio, ás 20:00 h, a Biblioteca “Vázquez Pintor” de Melide será escenario da presentación “A radio na Terra de Melide”, organizada xunto con Falamelide, Onda Miúda nº1 e Radio Melide. O encontro contará coa participación de alumnado, colaboradoras e colaboradores históricos das radios locais, así como representantes da Revista Galega de Educación.

Dúas citas para celebrar o valor educativo, social e cultural da radio escolar como ferramenta de comunicación, participación e aprendizaxe compartida.