Nova Escola Galega

En 1983 facía a súa aparición o movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega, como asociación que agrupa a profesionais da educación, presentes en todos os dominios da formación, como tamén no mundo sindical, no da creación e edición de documentos didácticos, na acción cultural no campo da administración local, no movemento democrático dos pais e nais de familia e no da investigación pedagóxica. Facíao no contexto de recuperación dos dereitos e liberdades democráticas por parte da sociedade galega e, así mesmo, da súa identidade cultural e da lingua propia, e como continuación de experiencias pedagóxicas pasadas, algunhas delas nacidas nos pasados anos setenta.

Nova Escola Galega reivindica un modelo de escola pública, pluralista, coeducadora, laica, crítica, participativa, integradora da diversidade, que mobiliza os valores da paz e do desenvolvemento cultural galego.

Con estas preocupacións e cunha estruturación parcial en grupos de traballo e de carácter territorial, desenvólvense ao longo de cada ano varias accións de encontro para a formación docente, en particular, relacionadas coa didáctica da lingua galega e das ciencias sociais, coa pedagoxía da educación infantil, coa educación medio-ambiental, coa educación para a paz, ou a escola rural; en xeral referidas a cuestións de transformación democrática da educación.

Unha parte singular dos seus socios elaboran recursos didácticos escritos en galego, que configuran un bo presente do mundo editorial ao servizo da educación. Goza de presenza nos centros universitarios de Ciencias da Educación. Nova Escola Galega ten intervención social continuada; algúns dos seus documentos e posicións viñeron tendo unha certa influencia pública e ata algún recoñecemento institucional e político desde a Administración autónoma da educación, desde sectores da Administración local e desde outros ámbitos institucionais.

Ao servizo da difusión e da renovación pedagóxica lévase a cabo a edición da Revista Galega de Educación (tres números por ano) e outros medios escritos como o Boletín Interno ou Nova Escola Galega Opina.

Nova Escola Galega forma parte desde Galicia da Federación Internacional de Movementos de Escola Moderna (FIMEM), en atención a que unha das fontes de inspiración fundamental provén da pedagogía Freinet e está tamén integrada na Confederación Española dos Movementos de Renovación Pedagógica.