As seccións

A Revista Galega de Educación ten unha estrutura de monográfico. Isto é, en cada número abórdase unha temática educativa relevante, desde unha óptica panorámica e teórico-práctica, a través dos textos expositivos de síntese e de achegas realizadas desde o territorio social da educación.

O monográfico ten xeralmente unha introdución realizada pola persoa que o coordina así como unha relación de lecturas para afondar no que se está a tratar. Podemos atopar os artigos pertencentes aos diferentes monográficos aquí.

Ademais dos artigos dedicados ó monográfico, a revista conta con unha serie de seccións que están presentes en (case) todos os seus números. Estas son algunhas delas:

Editorial

Na RGE tomámoslle o pulso á actualidade e aos problemas da educación, como os percibimos, sentimos e valoramos desde e como Nova Escola Galega, configurando cada cuadrimestre unha ‘peciña de pensamento pedagóxico’, porque non hai desenvolvemento completo e san da educación sen principios, sen valores, sen unha óptica reflexiva que permita alimentar e orientar os seus modos de plasmación.

Entrevista

O diálogo é fundamental nos procesos educativos. A entrevista é un modo, entre reflexivo, emocional e vivencial, de achegarnos a experiencias ou itinerarios de vida de persoas vinculadas ao desenvolvemento da educación.

A lingua

Unha preocupación permanente e central da RGE. Un espazo para a exposición de propostas, informes, inquéritos, e experiencias, arredor dos procesos de normalización no ensino da lingua galega.

Experiencias

A RGE é, de modo relevante, un instrumento de comunicación da vida das aulas. Os procesos de ensino-aprendizaxe que se suscitan nas diversas etapas e modalidades do sistema educativo son sempre ocasión de planificación, de innovación e de experimentación didáctica; de reflexión e de interrogación sobre os modos e as prácticas de formación, que as e os docentes comunican para informar e contrastar.

Atención a diversidade

Todas e todos cos mesmos dereitos e deberes. Todas e todos somos diferentes. Iguais como seres humanos en dereitos, con diversidade e con necesidades específicas. Un espazo comunicativo para avanzar no recoñecemento de todas e todos.

Educación no rural

A educación formal, non formal e informal en territorios rurais, experiencias pedagóxicas e boas prácticas de educación rural, as grandes educadoras e educadores galegos no medio rural, o rural no pensamento pedagóxico de onte e de hoxe, propostas de futuro para o ensino no rural… en definitiva, calquera tipo de referente persoal, comunitario, asociativo, institucional, teórico, profesional etc que ligue a ruralidade coa educación, no sentido máis amplo de ambos termos, en continuando unha das esencias que xustificaron tanto o nacemento de NEG en 1983, como a súa actividade desde aquela ata hoxe.

Investigación

Práctica, reflexión, experimentación, innovación e investigación: son termos necesariamente interrelacionados. A investigación-acción, ou/e a investigación elaborada desde o rigor académico son contempladas nesta xanela da RGE, ao acoller investigacións de interese educativo realizadas en Galicia, expostas aquí cun tratamento de síntese.

Novas Tecnoloxías

As Tecnoloxías da información abriron a tecnópole. Todo mudou nos últimos trinta anos e o confinanmento e presente situación viñeron a darlle protagonismo ao seu uso como valiosa mediación: dar a coñecer experiencias e recursos é o interese deste espazo, na pocura da información e da formación reflexiva.

Panoraula

Ao longo de cada cuadrimestre que pasa entre número e nº da RGE sempre hai sucedidos, iniciativas, convocatorias, nomes, manifestacións, actuacións, que paga a pena anotar a modo de dietario, deixando unha certa constancia; un pequeño mural, confeccionado desde ‘o aire do tempo no que vivmos’ e desde a sensibilidade da propia RGE.

Responsable: Antón Costa, Pepe Ramos e Uxía Bolaño

Novas: Panoraula

Panoraula dixital

A continuación do mural, atendendo aos produtos, creación e experiencias suscitadas a través da comunicación dixital, sempre dinámica e móbil.

Xoguetainas e Brinquetainas

A investigación, a sociedade de consumo, a industria do xoguete, as novas formas de vida…veñen traendo canda así novos xogos e xoguetes, case sempre ‘impoñéndose’ a formas, usos e obxectos de xogo elaborados por unha tradición secular e transmitidos entre xeracións, como patrimonios antropolóxicos que conforman a vitalidade socio-cultural. Queremos reivindicar e mostrar o seu valor.

Pensar o ensino

Un espazo aberto e acolledor para pequenos ensaios e invitacións á reflexión arredor dos interrogantes que as filosofías, as políticas e as prácticas educativas suscitan entre as e os ensinantes e demais actores da construción social.

As outras escolas

Estamos nun mundo aberto e sendo así esta é unha xanela para percibir formas, procesos, inquedanzas e realidades educativas, alén de nós e mundo adiante, a modo de pequenas reportaxes informativas.

Educación social e escola

As escolas concentran unha parte significativa dos procesos educativos, conscientemente programados. Mais, a vida social do alumnado ocorre tamén fóra destes centros, compoñendo unha realidade inseparable. Hoxe os procesos formativos amosan un contínuum, que é preciso considerar, como tamén as especificacións profesionais que os fan posibles.

Outras lecturas

Estamos nun mundo aberto e sendo así esta é unha xanela para percibir formas, procesos, inquedanzas e realidades educativas, alén de nós e mundo adiante, a modo de pequenas reportaxes informativas.

Recensións

Un espazo para dar conta limitada de textos publicados relacionados preferentemente co acontecer da educación en Galicia. Un espazo informativo e de presentación de comentarios sobre algúns relevantes títulos bibliográficos que a actualidade vai deixando entre nós.

Humor

Que non falte unha pinga de humor, un sorriso, unha brincadeira…cun fondo de lucidez e de sabiduría.