A RGE comezou a editarse en 1986 cunha periodicidade trimestral, promovida por Nova Escola Galega e editada por Edicións Xerais de Galicia. A finais de 1988 chegaba aos 450 subscritores/as, cunha difusión de 700 exemplares en cada número, lograda a través dos servizos comerciais de Edicións Xerais de Galicia e dos impulsos da Asociación.
Dinámicas empresariais que se sobrepuxeron á Casa editorial imposibilitaron en 1999 a continuidade do proceso de elaboración da publicación a través de E. Xerais de Galicia, cando se levaban editados 33 números a a publicación gozaba de difusión e de recoñecemento profesional e social. Existindo unha preocupación en Nova Escola Galega por promover esta publicación, finalmente foi posible reiniciala a finais de 2005, como iniciativa por enteiro xestionada desde a Asociación.
A RGE defínese como unha publicación pedagóxica, en lingua galega, dirixida ao profesorado e, en xeral, aos educadores/as e técnicos/as da educación en Galicia; plural e construída desde as posicións de reforma democrática da educación, ao servizo dunha sociedade solidaria, libre e cultural e lingüisticamente normalizada, posicións todas elas preconizadas polo conxunto de Movementos de Renovación Pedagóxica, e singularmente por Nova Escola Galega.
A RGE pretende tamén contribuír a articular e a ofrecer instrumentos de expresión e comunicación escrita ao conxunto de sectores profesionais e sociais que postulan orientacións e supostos construídos ao amparo do modelo de Escola Pública. Pretende axudar, por tanto, a impulsar un clima e unha mentalidade pedagóxicos propicios -desde a perspectiva teórica, didáctica e metodolóxica- para acadar un sistema educativo público, galego, renovado e democrático.