Aprendizaxe baseada en proxectos

Texto

Este monográfico nace do recoñecemento do labor dunha boa parte do profesorado que arriscou na súa práctica docente para implantar unha metodoloxía pedagóxica pouco acomodada. Así pois, vai por diante unha declaración de apoio e convencemento que se forxou ao longo dos últimos seis anos, como asesora de Programas Educativos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Durante este tempo tiven a oportunidade de coñecer e recoñecer o esforzo de moitos docentes que, desde contextos educativos moi distintos, levaron adiante proxectos co seu alumnado nos que tomaba forma o traballo ben feito: escola coeducadora, aprendizaxe activa, traballo cooperativo, aprendizaxe significativa, atención á diversidade, integración das novas tecnoloxías, inclusión das familias, espírito crítico… aprendizaxe para a vida.

Contra elementos de distinta intensidade meteorolóxica, unha boa parte do profesorado galego emprende singraduras que superan o nivel de esixencia do libro de texto, que desafían as rutinas calmas da orde diaria, que formulan as preguntas que o alumnado non demanda, que desestruturan as formas establecidas nos tempos e nos espazos para que se adapten aos requirimentos dos procesos de aprendizaxe. Á fin, que marcan roteiros pouco explorados polos que poucos transitan e dos que logo se fai difícil saír.

Toda esta pequena revolución que, porén, cumpre cen anos de tradición no ámbito pedagóxico, é un dos motores do que hoxe coñecemos comunmente como innovación educativa. É o intento de superación de dinámicas de aula obsoletas que funcionan como zona de confort e como lousa para a consecución dunha aprendizaxe que ensine efectivamente para a vida.

Este monográfico quere recoñecer as experiencias e os esforzos de todo o profesorado que traballa no día a día para conseguir que o noso alumnado aprenda facendo e para que se converta na cidadanía activa e crítica que necesita a nosa sociedade. Ao tempo, tamén pretendemos ofrecer elementos de información e de contraste que contribúan a ampliar este territorio de acción pedagóxica.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir