A derradeira leición do mestre, de Castelao

Texto

Parece que contra o outono próximo teremos ocasión de poder ver en Santiago -por mor dunha xestión da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria- o lenzo pintado por Castelao en 1945 “A derradeira leición do mestre” (sic), que o Guieiro doou ao Centro Orensano de Bos Aires no 9o aniversario da morte de Alexandre Bóveda. O cadro tivo unha primeira versión, “A lección do mestre” (sic) como estampa editada dentro do álbum Galicia Mártir (Valencia, febreiro de 1937). O cadro pintado en 1945 pasou por refundición societaria ao Centro Galicia, tamén en Bos Aires, quen o garda actualmente baixo a presidencia do emigrante galego José Ma Vila Alén.

A posíbel vinda do cadro, chamado con razón o “Guernica galego” (recordando o de Picasso sobre o bombardeo nazi-fascista de Gernika) espertou un notábel entusiasmo público, alentado por varios xornais galegos desde onde se ten pedido mesmo a súa permanencia na Galicia territorial, de modo similar a como aquí están os restos de Castelao. O cadro, porén e afortunadamente, está aínda hoxe en Galicia, coidado por corazóns galegos na outra beira do Atlántico.

Nas páxinas de prensa apenas se aludiu, alén dos valores estéticos e do seu simbolismo, a aquilo que o motivou: o fusilamento, o asasinato ou a morte de mestres e outros profesores de Galicia a partir e como consecuencia do golpe militar franquista de 1936. Castelao podería ter en mente a figura de Bóveda como a dun grande educador popular; podería tamén pensar nos seus curmáns Xosé Losada Castelao e Manuel Rodríguez Castelao, mestres en Rianxo e mortos no 37, pero de seguro que pensaba nos numerosos mestres e profesores mortos, sen saber exactamente cantos. Aínda hoxe descoñecemos con certeza o exacto número: algo máis de 110 , unha cifra espantosa. Esparexidos polas cunetas ou mediante consellos de guerra sen garantía ningunha ou tamén en campos de concentración e nas cadeas nos anos corenta. Case todos varóns, agás dúas mestras.

Non foron os corpos docentes o sector profesional ou laboral que sufriu o maior número de mortes debido á represión falanxista-franquista, como revelan os datos ofrecidos polo proxecto Nomes e voces, pero as mortes entre o profesorado tiñan unha particular carga de terror, polo papel que moitos deles xogaban como vermes de luz republicana e democrática, no seu labor diario cos nenos e nenas, coas familias e no territorio da articulación social.

Por que esa furia co profesorado? Sería un erro e unha falta de obxectividade histórica facer recaer no tempo reducido da IIa República todo o impulso de modernización e de renovación pedagóxica que entre nós se pode constatar cara a mediados dos anos trinta. Unha parte dos impulsos viña de atrás nun movemento constante, mesmo a pesar da Ditadura de Primo. Pero a chegada da IIa República introduciu a linguaxe da cidadanía, da democracia, da construción social, da dignidade, da autonomía e da solidariedade. Milleiros de mozos e mozas cheos de ilusión foran convocados ao exercicio profesional dunha nova docencia: no breve tempo da República entre nós, máis de 2000 profesores incorporáronse ás tarefas docentes (sobre todo no ensino primario), que xa desempeñaban case outros 5000 profesores en todo o ensino público. E, en certo modo, a República fixo republicanos os mestres.

En recoñecemento, unha parte dos profesores tamén se farían valedores da República, mediante unha adhesión activa a prol das políticas progresistas, o que ocorreu, en particular, con motivo das eleccións de 1933 e logo delas. Moitos comezaban a acreditar nunha nova escola e nunha mellor e máis xusta sociedade, exercendo, en consecuencia, unha cidadanía e unha profesionalidade novas, enfrontadas cos poderes locais tradicionais e coas súas prácticas caciquís. “Os mestres e mestras da República”, como don Gregorio, de Ribadeo (“Uno de tantos”) por citar un nome entre centos.

E chegou o 36. A luz da República, estes mestres que andaban á conquista dun novo horizonte social, cultural e cidadán, uns arrepuxéronse visibelmente e outros fixérono máis silandeiramente, sendo todos contrarios á violencia fascista. Moitos eran vivas leccións éticas, como o don Gregorio da Lingua das bolboretas, un certo relembro do don Gregorio de Ribadeo, pero aínda máis podería ser do mestre ferrolán García Niebla, que con 60 anos foi pasado polas armas en agosto de 1936, o máis vello dos fusilados e figura de grande alento educador en Ferrolterra.

E aquí retornamos “á derradeira leición do mestre”. Ledicia porque o cadro veña á Galicia territorial. Na súa exposición debería ser acompañado polos nomes do profesorado morto, cos datos básicos de cada un. Renovando unha homenaxe como a realizada o 21 de xuño de 2006 no MUPEGA. Amosando un respecto e un recordo feito de xenerosidade desde o tempo presente e ollando cara a diante.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir