Continúa o asedio á escola pública

Texto

Existe un preocupante fío condutor entre tres feitos da actualidade que atinxen de cheo o sistema educativo no Reino de España.Por unha banda, a constatación da obtención, mediante prácticas de nepotismo, falsificación ou tráfico de influencia, de títulos de mestrado, coa conseguinte exhibición fraudulenta de méritos académicos nos seus currículos por parte dun certo número de membros da clase política.Por outra, a sentenza do Tribunal Constitucional rexeitando o recurso de inconstitucionalidade interposto en marzo de 2014 polo Grupo Parlamentario do PSOE contra a LOMCE e afianzando tanto o sostemento con fondos públicos dos centros que segregan alumnado por sexo, como abrindo a posibilidade de que pasen a seleccionar alumnado tamén sobre a base do expediente académico, como, finalmente, blindan-do o peculiar estatuto do confesionalismo relixioso nos planos de estudo (materia de obrigada oferta, avaliábel como calquera outra e computábel ademais nas notas me-dias do alumnado). E, en terceiro termo, a parálise de facto dos traballos da subcomisión parlamentaria para un novo pacto educativo, coincidindo coa presentación dun novo proxecto de orzamentos xerais do Estado no que descenden, novamente, as partidas e as porcentaxes globais destinadas á educación.Son, sen dúbida, epifenómenos reveladores dun mar de fondo ideolóxico neoliberal, neoelitista e neoclasista que vén bategando no sistema educativo desde hai anos, nun labor tan constante como, por desgraza, eficaz, de erosión e desmantelamento do público. Idéntica dinámica afecta a outras áreas da vida social como a sanidade, a asistencia á dependencia, as pensións, etc. A educación convertida en mercadoría e o descaro dos defensores dos privilexios de casta á hora de recorrer á formación sen controis públicos explican, en derradeira instancia, a aparición das citadas corruptelas no ámbito universitario. A común pertenza da patronal dos centros privados segregadores por sexo e dunha parte nada pequena dos maxistrados do Tribunal Constitucional a certa prelatura católica fundada en 1928 pon de manifesto ata que punto están sendo infiltradas e postas ao servizo dos idearios da desigualdade moitas estruturas dun estado que se presumía teoricamente garante das oportunidades e dereitos de todos/as. Nesta perspectiva, os intentos de dar aparencia de lexítima opción “pedagóxica” a de separar educativa-mente meniñas de meniños resultan máis obscenos ca nunca, se couber, nunha sociedade que almorza día si e día tamén con novas sobre o maltrato e a violencia contra as mulleres.O actual estatus da materia de relixión só pode explicarse, en fin, polo “revival” nacional-católico que boa parte da dereita política e sociolóxica está a alentar. Nel encaixan, xaora, os ministros -como o de Educación- que entoan cancións lexionarias nas procesións, as bandeiras a media hasta en centros oficiais o día de Venres Santo ou a concesión de medallas ao mérito policial á mesmísima Virxe María.Sería para rir se non fosen síntomas todos eles dunha perigosa involución ideolóxica e social que ameaza tamén de cheo a escola e contra a que non cabe ficar pasivos ou indiferentes en ningún caso.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir