O fermoso exercicio da actividade política

Texto

O presente Editorial foi escrito nos días da segunda quincena do mes de novembro e cóm pre dicilo. Nos medios de comunicación e información impresa ou dixital e nas chamadas redes sociais as noticias sobre as actividades políticas e xudiciais en relación, en particular, co Goberno central e co Goberno catalán están permanentemente presentes; tamén en relación co Poder Xudicial. Quizais ata un punto de difícil asimilación por parte do conxunto da cidadanía, o que conduce frecuentemente a unha valoración negativa do exercicio da actividade política e de servizo público na Democracia representativa, o noso actual contexto político.

Dicímoslle ao profesorado e ao alumnado que a educación debe ser integral, que debe estar atenta a analizar de modo crítico e racional o que acontece tamén fóra das aulas, alén dos libros de texto. Dicimos que a educación debe estar ligada ao medio social. É por iso que se levan a cabo tantas actividades didácticas que explican ou estudan as contornas: a demografía, o hábitat, a natureza, a vida económica, a vida cultural, o patrimonio, os problemas ligados ao clima e á ecoloxía, a emigración e a inmigración, a lingua… e tamén as institucións políticas e da Administración pública.

Sendo así, como escapar da forza diaria que teñen as informacións relacionadas coa vida política en Galicia, e en particular -dito porque resoan con moita máis forza- coa vida política que afecta ao conxunto do Estado español relacionada tanto co Goberno do Estado, como co de Cataluña? Non é posible. Nin é desexable. Non é posible porque as noticias están aí día a día, pois levamos talvez xa dous anos nos que estas se presentan cunha vitalidade que había décadas non se producía de igual xeito. Non é desexable, porque estariamos a renunciar ás dimensións da educación política, ética e da cidadanía crítica, como desde 1916 nos recomendou Dewey desde o seu ensaio Democracia e educación.

Mais esta atención necesaria nas aulas, sobre todo nas da educación secundaria e superior, non debese ser para separar o alumnado do “espazo público”, como se fose un espazo contaminado, porcallán e onde ‘todos son iguais’. Polo contrario, a presenza informativa, argumental e valorativa debe estar oportunamente presente nas aulas; sexa, porque hai que responder moitas preguntas; sexa, porque a construción da sociedade, se quere ser democrática e asentada na cooperación, no diálogo e no exercicio crítico, debe comezar nos mesmos centros de educación.

Como facelo? Con información suficientemente veraz da que, con todo, non sempre se dispón; denunciando as condutas que son negativas para esa construción social; salientando os valores que pola contra son positivos; con prudencia no exercicio de observación crítica; interrogando e argumentando; promovendo climas e prácticas, as pequenas prácticas diarias tan importantes, de cooperación para a construción do proxecto educativo de cada centro; favorecendo as análises sociais… e xerando contornas que se poidan percibir como ‘espazos públicos’ saudábeis ao estar presididos pola cooperación e unha suficiente rectitude de actuación e interrelación entre as persoas, o que implica a abordaxe dialogada de conflitos e a eliminación de prácticas que favorezan calquera caste de violencia, ou as súas sementes.

Para isto mesmo é de excepcional importancia garantir e promover a centralidade dos centros escolares públicos. E deste xeito, unha grande parte do balbordo político e xudicial que agora percibimos e que, en moi boa medida, ten que ver tanto coa denuncia de prácticas políticas negativas como coa presenza de demandas sociais non atendidas con sentido democrático, necesariamente decaerá, para pór en valor que o exercicio político e da representación política é sempre problemático, pois sitúa as nosas vidas en interrelación coas dos outros, pero tamén é, debe e pode ser fermoso, e é bo que as novas xeracións así o contemplen. A política non debe ser cousa de iluminados, nin de minorías tecnócratas ou dogmáticas; polo contrario, é un espazo de exercicio da responsabilidade e da ética convivencial.

Papá Noel ou Santa Klaus só fala castelán?

Nuns días, outra volta, Santa Klaus, que veu de ‘fóra’ hai poucos anos, só falará castelán polas rúas das cidades e vilas galegas, asestando outra forma de agresión lingüística absolutamente real, co silencio da Xunta de Galicia e das Consellerías de Cultura e de Educación e de Alcaldías… Dará xenio ver como incorporamos estas figuras míticas chegadas de nin se sabe onde… mentres ao noso Apalpador -galegofalante por propia definición- se lle negan espazos, non vaia ser que todo soe a demasiado gallego. É isto unha mostra ‘de dinamización do idioma?!! Todos contentos, asistindo á desaparición do galego en nome da ‘liberdade’. E non habería que facer algo? Hai alguén?

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir