A escola: escenario dunha aprendizaxe viva
Texto
As dúas persoas que coordinan o presente monográfico traballaron, tamén conxuntamente e cun método organizativo similar, no número 64 da Revista Galega de Educación, baixo o título “ENSINAR… NON SEN A POESÍA”. Aquela publicación, editada en febreiro do 2016, abríase coa evocación da escena na que o popular personaxe de Mark Twain, Tom Sawyer, quedaba en branco mentres recitaba un poema ante a comunidade educativa da que formaba parte.
Rememorando hoxe esta pasaxe literaria, dános por pensar que, se cadra, un Tom Sawyer con formación en expresión dramática e teatral ben podería evitar ese incidente e o seu consecuente sufrimento. Sabería saír airoso da situación se tivese cursado a optativa de Artes Escénicas, ou se formase parte dun obradoiro de creación teatral, ou mesmo de contar coa axuda de docentes que aplicasen a expresión dramática e teatral como ferramenta transversal nas aulas.
Esas ou outras opcións non só lle outorgarían recursos comunicativos desde un punto de vista instrumental, senón tamén o engadido do goce e a sensibilidade artísticas que esa educación proporciona. E é que as artes escénicas, como todas as demais, posúen, como ben é sabido, un valor intrínseco por si mesmas, por iso cómpre permitir que o alumnado desenvolva tamén o goce estético que estas lle ofrecen.
Como se deduce das contribucións que forman parte deste monográfico, cando a vontade de profesorado e alumnado conflúen, ábrense no ámbito escolar espazos axeitados para a expresión dramática en todas as súas variantes. Mais constatarase asemade que tanto a nivel académico como social persisten atrancos que fan o camiño máis dificultoso do que a súa importancia e valor merecen.
Hai anos tanto a poesía como o teatro foron cualificados como os “xéneros esquecidos” dentro da literatura dirixida á infancia, de acordo tanto coa escasa atención que lles dispensaba a escola como a non menos cativa que lles concedían as editoriais, cuestións ambas as dúas que obviamente non son independentes entre si senón estreitamente relacionadas. Mais, se ben apreciamos que desde entón a poesía vai gañando presenza progresiva, perceptible tanto no recoñecemento da creación poética nos certames de literatura infantil (Antonio Garcia Teijeiro premio Nacional de Literatura Infantil en 2017, Carlos Negro Premio Jules Verne 2018), como no aumento dos recitais nos propios centros escolares ou na proxección de novas e novos autores, por desgraza co teatro a situación é ben diferente. Malia as múltiples dimensións que ofrece este campo tan poliédrico e repleto de posibilidades, as editoriais seguen maioritariamente remisas á publicación de textos de literatura dramática, os autores só son recoñecidos en certames exclusivamente concibidos para o xénero (cuxa existencia, nas actuais circunstancias, é desde logo necesaria) e o teatro como xénero literario apenas ten presenza dentro do currículo escolar das materias de lingua.
Todas estas cuestión son abordadas nos artigos que conforman este monográfico, analizadas por diferentes autores e autoras que desde ópticas diversas están -estamos- implicadas na relación entre a expresión dramática e teatral ou as artes escénicas e a escola ou o público infantil e xuvenil. Daremos conta tamén de experiencias concretas en niveis e contextos escolares variados, salientando o papel que pode -e debería, pensamos nós- xogar a expresión dramática e teatral no currículo escolar en relación coa didáctica das linguas e a formación da sensibilidade e o gusto estéticos, mais tamén como instrumento de socialización e de desenvolvemento persoal do alumnado. Complementarase o monográfico coa visión de dramaturgos, críticas literarias e actrices que se dirixen ao público infantil, xuvenil e escolar. Finalmente, conscientes da amplitude e complexidade do tema tratado e as lóxicas limitacións de espazo, facilitaremos aos lectores e
lectoras bibliografía para que poidan ampliar por si mesmos a información.
Se no monográfico de 2016 dalgún xeito puidemos contribuír a demostrar que en todo o proceso de ensino e aprendizaxe debe estar presente a poesía, hoxe lembramos que tamén o protagonismo do teatro e
das artes escénicas en xeral nos parece imprescindible.
ENSINAR… NON SEN A POESÍA.
ENSINAR… NON SEN O TEATRO
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats: