A dixitalización e E-Dixgal nas aulas

Texto

A historia da humanidade está marcada por alfabetos: primeiro, o das palabras talladas na pedra, no barro, nos metais e nos ósos; despois, o das letras impresas no papel; agora, o dos píxeles que titilan nas pantallas. En Galicia, a chegada deste código -o dixital- vai máis alá dun cambio de soporte, é un terremoto que sacode os alicerces da educación, da docencia, da aprendizaxe e da conformación da propia identidade nuns períodos vitais moi relevantes como son a infancia e a adolescencia. Este monográfico pretende abrir fiestras a un debate necesario: como afrontar a dixitalización con criterios pedagóxicos? 

Os artigos reunidos neste número debuxan unha realidade paradoxal: se ben a sobreexposición ás pantallas e o seu uso desmesurado poden xerar riscos no desenvolvemento infantil, tampouco podemos ignorar que habitamos nunha era onde o dominio das ferramentas dixitais se converteu nunha competencia esencial. Non se trata, pois, de prohibir, senón de acompañar: as novas xeracións requiren construír habilidades dixitais acompañadas dunha guía pedagóxica que respecte o seu proceso de crecemento e transforme a tecnoloxía nun aliado, non nun espello que distorsiona a súa mirada.

Este monográfico non é un mapa, senón unha bússola que sinala as contradicións para reflexionar e construír o futuro da educación dixital que queremos para Galicia.

Comeza o monográfico co artigo de Eva M. Barreira-Cerqueiras, Laura Rego-Agraso e Alba Souto-Seijo que evidencia unha realidade incómoda: a Competencia Dixital Docente (CDD) en Galicia avanza ás topadas. Os plans de estudo universitarios relegan a formación en TIC a un papel secundario (ou incluso inexistente), e a formación permanente prioriza o manexo de ferramentas tecnolóxicas fronte ao pensamento crítico no seu uso.

Fernando Fraga presenta os resultados dos estudos máis recentes sobre o desenvolvemento da Competencia Dixital que apuntan que os comportamentos inadecuados coa tecnoloxía por parte do alumnado reflicten que non se acada a competencia nos termos en que a concibe o marco normativo da LOMLOE. Esta probable desconexión entre as prácticas educativas e as expectativas lexislativas ten moito que ver coa formación docente.

José Pablo Franco López e Fernando Sueiro Barreiro analizan o papel da alfabetización dixital na primeira infancia. Salientan que os materiais non estruturados, os recunchos de xogo libre, os obradoiros onde se constrúen relacións… son o alicerce dun desenvolvemento saudable e que o dixital debe ter baixa presenza nos primeiros anos de desenvolvemento. Así e todo, enfatizan que a robótica ou a realidade virtual, se ben poden amplificar a curiosidade infantil, non o fan per se, polo que é relevante o como se traballa con estas ferramentas. 

Xoaquín Carlos Freixeiro Álvarez cóntanos a experiencia de dixitalización do CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa, trasladando o percorrido que fixeron de dotación recursos, formación do profesorado e propostas de aprendizaxe co alumnado en educación primaria; todo baixo a premisa de que a dixitalización precisa vincularse a unha educación crítica. 

José Manuel Viñas Diéguez presenta ferramentas como son os laboratorios en liña, proxectos de ciencia cidadá e recursos como as cámaras na natureza para a aprendizaxe de saberes científicos e tecnolóxicos a través da experimentación e a exploración na Educación Secundaria. 

A continuación Silvia López Gómez ofrece orientacións prácticas para docentes e familias baixo a premisa de que a educación dixital constrúese entre a escola e o fogar, e é necesario tecer estratexias comúns para que a tecnoloxía non devore os tempos de barro, follas ou risas ao ar libre e garantir un uso responsable da mesma na educación infantil e primaria. 

O monográfico incorpora un artigo propositivo de medidas necesarias para mellorar a dixitalización nas aulas galegas elaboradas por profesionais dos diferentes niveis do ensino. Trátase dunha listaxe fundamentada de medidas e recomendacións agrupadas en 16 apartados que engloban aspectos das prácticas educativas, da formación do profesorado e das estruturas de apoio para a sustentabilidade e mellora continua da integración da tecnoloxía de forma transversal e fomentando un uso crítico e creativo. 

Péchase o monográfico coa sección «Para sabermos algo máis», na que Denébola Álvarez-Seoane presenta publicacións de diverso tipo -libros, teses, monográficos, artigos e guías- que axudan a afondar no tema. Nesta selección quíxose manter o foco na dixitalización en Galicia, se ben inclúense algunhas achegas pola súa relevancia malia que non se localizan exclusivamente no contexto galego. 

Os artigos dalgunhas seccións deste número da Revista Galega de Educación contribúen a rematar o mosaico da análise da dixitalización:

A Entrevista a Manuel Area e Jordi Adell desvela as feridas abertas: prohibicións populistas de móbiles, formación docente insuficiente e unha IA que chega ás aulas sen debate pedagóxico. E aquí xorde a pregunta incomoda: é a Administración quen de liderar unha dixitalización con «sentidiño» ou está a reproducir un modelo onde o profesorado é mero «consumidor acrítico» de materiais dixitais?

Na sección de Atención á diversidade, Pablo Gayo Pérez, Ana Rodríguez Guimeráns e Ana Parada analizan a interacción entre a dixitalización e a inclusión educativa en Galicia, destacando oportunidades, desafíos e a situación actual neste ámbito. 

Na sección de Rural, Mª del Camino Pereiro González defende que a dixitalización nas aulas rurais non é un luxo, senón unha cuestión de xustiza na que dotar de ferramentas tecnolóxicas e acceso a Internet de calidade é esencial, pero non basta. Avoga pola adaptación dos recursos á identidade local, por evitar modelos estandarizados que borren a cultura rural e por unha dixitalización para a personalización da aprendizaxe. 

No apartado da revista dedicado a Investigacións, María Montserrat Castro Rodríguez e Rosa María Méndez García analizan unha década de dixitalización en Galicia dende os resultados de estudos científicos, e desvelan que as promesas de revolución educativa chocan contra muros de inercias: onde se soñaban libros substituídos por pantallas creativas, perduran alumnos pasivos; onde se agardaba inclusión, medran ferramentas descontextualizadas.

Na sección de Novas Tecnoloxías, María de las Mercedes Orbaneja Fernández analiza a incorporación da intelixencia artificial á educación, e asume que esta tecnoloxía vai remover o ensino con personalización das aprendizaxes e eficiencia na xestión, pero require supervisión docente para evitar riscos.

Mario Outeiro Iglesias na sección Pensar o Ensino, recolle unha reflexión persoal arredor da dixitalización do ensino dende tres ópticas diferentes: a dotación de medios tecnolóxicos nos centros de ensino, o presente e o futuro do libro dixital en Galicia a través do proxecto E-Dixgal e unha análise sobre a utilización do teléfonos móbiles no contexto escolar. 

En relación coa Educación Social, o artigo de Carolina Rodríguez González e Natalia González González sobre «Ludo Libre» —un proxecto que combate as adiccións ao xogo en adolescentes— emerxe como un faro. A educación social supón un apoio entre a escola e a vida, recordándonos que a tecnoloxía non é neutra: pode illar ou conectar, manipular ou empoderar.

Na sección dedicada a Familias, o estudo de ANPAS GALEGAS, de Esther Martínez Piñeiro, revela que o 70% das familias galegas rexeita E-Dixgal por reproducir o modelo do libro de texto tradicional, agora en soporte dixital. As familias reclaman que a escola ensine a protexer a privacidade ou a discernir entre información e loias.

En Galicia, onde a tradición oral aínda resoa nos cantís, temos a obriga de garantir que a dixitalización non nos faga perder a voz. Este monográfico é, en definitiva, un chamamento a non renunciar á beleza do analóxico nin ao potencial do dixital, senón a tecer con ambos un futuro onde a tecnoloxía sirva á vida e á educación, e non ao revés.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir