Lección de socio-lingüística histórica

Texto

No Ano Castelao…

Lección de socio-lingüística histórica, para que reflexionen os novos mestres e mestras, sobre o que polo común ten acontecido nas súas familias e en canto aos seus familiares.

O neno galego que vai á escola fala unha lingoa diferente, pro semellante â do mestre;unha lingoa que non e a dos libros nin a das cartas que se reciben na súa casa.O neno esforzase en falar a lingoa do mestre, que considera superior â que falan os seus pais. O neno deprende a decir moitas cousas sen saber ben o que dí e sen comprender ben o siñificado das verbas que pronuncia. A interferencia das dúas lingoas rebaixa o desenrolo espritoal do neno, porque non sabe falar na lingoa do mestre e ten vergonza de falar na língoa que mamou. O neno non é dono de ninguna língoa, porque o idioma imposto non logrou matar o seu idioma natural; pero logrou degrádalo. O neno perde a espresión espontánea do pensamento e sofre un complexo de inferioridade que non-o abandoará mentras viva. O neno que sofre os efeitos do bilingoismo e non pasa pol-os grados superiores de enseño, perde aquela orixinalidade verbal que conservan os analfabetos intelixentes. Resulta inferior a un analfabeto.

O neno coida que non se pode escribir a lingoa que fala e que somentes se escribe o castelán. O neno perde na escritura os poucos recursos de expresión que aínda conserva para falar. O neno deprende a escrevir catro frases en castelán e con elas ten que amañarse. O neno galego, aínda dispóis de chegar â edade adulta, endexamais deixa n-unha carta o cuño do seu caráiter e da súa persoalidade. O resultado final é que a lingoa imposta “non fecunda o campo das ideaias” e que os galegos aldeáns van perdendo, pouco a pouco, os coñecimentos escolares. E dispóis de saberen ler i escribir trócanse, moitas veces, en analfabetos.

Eu sei todo esto porque o esperimentei e porque foi comprobado n-outros países semellantes ao noso. Eu tamén son fillo do povo e fun â escola sen entender ben a lingoa do mestre, e tamén vin cómo tres compañeiros de fala castelán eran os máis adiantados, e non porque tiveran mais talento, según comprobei máis tarde, senón porque falaban a lingoa do mestre. Que neno galego non sofreu esta mágoa!

Castelao, Sempre en Galiza, Libro 1º, pp. 109-110, Segunda edizon, As Burgas, Buenos Aires, 1944

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir