Comunidade e participación das infancias
Texto
A infancia é un dos colectivos historicamente relegados da escena pública debido, en boa medida, ás representacións sociais que se foron construíndo ao redor dela. Imaxes estereotipadas alimentadas polo adultismo, o adultocentrismo ou a misopedia (aversión cara ás nenas e cara aos nenos por razón de idade). Na práctica isto supuxo que a poboación máis nova vira limitadas as súas posibilidades de expresión, acción e toma de decisións na esfera pública. Dende unha visión renovada, xurdiu outra perspectiva que recolle as capacidades dos nenos e das nenas como diferentemente iguais ás das persoas adultas. Se aquelas se argallan de xeito colectivo e sostible, poden chegar a se converter en forza motriz de cambios e transformacións sociais.
Estoutra visión da cidadanía infantil participativa e inclusiva baséase en diversos documentos globais (Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1949, Obxectivos para o Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 etc.) e outros de índole máis local e normativo que inciden na promoción da participación infantil a nivel social. Un quefacer xa defendido polos movementos de renovación pedagóxica do pasado século XX, destacando o Movemento da Escola Moderna de Freinet e a súa pedagoxía na defensa dos dereitos das infancias. Tamén as ideas precursoras de Janusz Korczak sobre o recoñecemento constitucional das infancias en canto á súa protección e emancipación. E máis recentemente, a proposta pedagóxica de Francesco Tonucci concretada no proxecto internacional A Cidade dos Nenos e Nenas nado en 1997 na cidade de Fano (Italia).
Así mesmo, é crecente e manifesto o interese de institucións docentes e investigadoras, e de asociacións que pelexan polo avance educativo e social das cidades e dos concellos, así como dos dereitos e da visibilidade de todas as infancias. Son entes e gobernos locais proactivos e sensibles socialmente, que procuran co diagnóstico, o quefacer pedagóxico e exemplificante e a colaboración con outros que pensan semellante, para avanzar neste eido.
Malia sermos conscientes do carácter polisémico e multidimensional do concepto participación, referímonos aquí a ela como un dereito, un valor democrático, unha experiencia de aprendizaxe cidadá, ao tempo que unha metodoloxía de traballo que propicia o desenvolvemento persoal, cívico-político e comunitario. A participación supón interacción e comunicación con outras persoas, compartir inquedanzas, ideas, preocupacións comúns e valores. Unha acción que require compromiso, normas e hábitos, polo que se ha de favorecer e educar dende idades temperás.
Cultivar a participación de nenas e nenos xera beneficios en termos de cultura democrática e de competencias individuais, contribuíndo a comprender criticamente a realidade, comunicar, dialogar e escoitar mellor, corresponsabilizarse e cooperar. De aí o crédito educativo que se lle presupón a todo esforzo por promover tal fonte de apoderamento persoal e colectivo cos máis novos e as máis novas.
O presente número da Revista Galega de Educación propón argumentos, reflexións, bagaxe investigadora, fontes documentais e boas prácticas neste sentido. Dende hai máis dun lustro, diversas universidades españolas lideradas dende a Universidade de Barcelona pola profesora Ana Novella Cámara e coa participación da Universidade da Coruña, nun afán colaborador coa Asociación de Cidades Educadoras e Cidades Amigas da Infancia (UNICEF), así como entidades e asociacións de base de todo o país, concellos e escolas públicas, levamos traballando arreo en achegar motivos fundamentados pedagoxicamente, prácticas e materiais para axudar a aquelas vilas (como elas nos levan axudando a nós) en afondar no labor de promover acaidamente a participación da infancia, cidadanía de presente.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats: