Hai que acordar: falamos da lingua galega
Texto
Texto relacionado coa Declaración de Nova Escola Galega, de xaneiro 2025.
Os datos do IGE en relación coa perda de coñecemento e uso social da lingua galega confirman a tendencia amosada por múltiples estudos e investigacións sobre o devalo lingüístico. Non se pode finxir, ocultar nin silenciar por máis tempo. Viámolo vir todos os sectores cívicos e críticos ao reclamar a revisión das regresivas políticas lingüísticas que a Xunta de Galicia activou con maior forza para as escolas e para máis alá do ensino. Desde o chamado liberalismo lingüístico —alimentado mediaticamente, con fortes apoios empresariais e con numerosos silencios cómplices— desenvolvéronse múltiples actuacións e medidas político-administrativas de desprotección efectiva do galego, como o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o ensino.
Desde os poderes fóronse naturalizando prácticas políticas e socioculturais que ían minando a forza social e comunicativa da lingua galega na nosa sociedade. Rachou profundamente a transmisión interxeracional; vén existindo desatención aos usos diglósicos e de deterioración ortográfica e fonética; non hai unha educación lingüística que se propoña mudar o imaxinario social sobre a lingua e, a carón dos vellos estereotipos lingüísticos, aliméntanse novos prexuízos ligados, sobre todo, a comportamentos de clase; foméntase unha simplificadora condescendencia coas persoas galegofalantes. No ámbito do ensino tampouco a Xunta de Galicia realizou as avaliacións debidas con respecto á aplicación do Decreto en vigor, a pesar das evidencias que revelan eivas importantes na adquisición de distintas competencias lingüísticas.
Neste escenario, urxe un Pacto pola Lingua a aprobar no Parlamento de Galicia, con forza política, institucional e normativa, que poida ser compartido como medio para impulsar un maior uso social do galego. Un uso consciente, sabendo que é o noso patrimonio socio-cultural máis prezado, como lingua propia e patrimonial de Galicia, formulado desde o respecto ás indicacións e ao espírito da “Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias” (de 1992, ratificada polo Estado español en 2001)
Este acordo debería fundamentarse en medidas de actuación planificadas en diversos ámbitos e escalas territoriais, temporizadas, sostidas con financiamento público e periodicamente avaliadas, coa finalidade de constatar os avances pretendidos e de revisar procesos e orientacións, dado o caso, de desaxuste; é imprescindible considerar a estes efectos modelos de actuación avalados desde o coñecemento sociolingüístico que lograron reverter situacións semellantes.
Nesta perspectiva, o labor a levar adiante é amplo, non exento de complexidade, mais cóntase coa xenerosidade e entrega de milleiros de actores e actrices sociais que entenden o que nos xogamos todos e todas. Precisamos acordar un camiño de saúde normalizadora para a nosa lingua: que sexa un instrumento comunicativo protexido e promovido con orgullo e dignidade cívica desde os poderes públicos e a iniciativa privada, querido polas novas xeracións, porque o ollan valorado polas súas nais e pais, polos avós e avoas, e sabendo que a nosa sociedade está movéndose xa con varias linguas no día a día. Galegos e galegas que temos a obriga, feliz e colectiva, de darlle pulo e futuro á lingua que debe ser a máis nosa, porque do contrario perderiámola, perderémola. Empobrecéndonos nas nosas capacidades para pensar o futuro ao perder a nosa memoria colectiva.
A todas as persoas chegadas de fóra que se instalan no noso territorio cómpre acollelas amosándolles a riqueza da nosa realidade lingüística, para que queiran aproveitar a formación que tamén cómpre darlles coa finalidade de que se poidan incorporar ao uso do galego. A convivencia das linguas entre nós pode ser fonte de enriquecemento sempre que se supere unha perspectiva do galego como lingua B, como tamén o será a educación lingüística que vexa a proximidade do portugués. O plurilingüismo deber ser inclusivo ou non é plurilingüismo.
Nese camiño precisamos aprobar un novo decreto para o sistema educativo que substitúa o Decreto 79/2010 que se axuste á progresividade que se pide na LNL e que indica a Carta Europea: coas premisas aquí citadas é posible acordar, con respaldo das forzas parlamentarias, un novo Decreto, mesmo se non é de total acordo de cada unha delas, mais nas que non suscite o completo rexeitamento da metade do Parlamento, tal como agora sucede. Será ademais o sinal de que hai vontade por aprobar un Pacto de máis alcance, tan necesario, porque a partida xógase en todo o territorio social noso. Con honestidade política e gañadores todos e todas.
(Texto cerrado o 4 de febreiro e 2025).
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats: