Teléfonos nas escolas. Prohibindo non se educa

Texto

Actualmente, no panorama español e internacional están a aparecer numerosos artigos, reportaxes e novas sobre os males psicolóxicos, físicos e académicos que están a provocar as tecnoloxías dixitais nas novas xeracións de nenos/as e mozos/as. Xorden tamén movementos de nais e pais preocupados polos efectos nocivos das tecnoloxías —uso excesivo e adiccións dixitais, consumo de contidos pornográficos, ciberacoso, ausencia de comunicación e interacción social directa con outras persoas…— que poñen sobre a mesa a prohibición do uso do móbil na infancia e adolescencia, tanto no ámbito escolar como no familiar.  

Varios gobernos autonómicos de España regularon xa a prohibición do uso de teléfonos móbiles e outros aparellos no seu sistema escolar. Esta normativa contempla que excepcionalmente se poidan utilizar con fins educativos, pero a norma xeral é evitalos. Esta mesma lexislación prohibicionista tamén se está a dar nalgúns países europeos que, no seu momento, foron impulsores da dixitalización dos centros educativos. Países Baixos, Suecia, Francia ou Italia, entre outros, comezaron a regular a limitación ou prohibición do uso das tecnoloxías móbiles por parte do alumnado, nas aulas ou durante o tempo que pasa nos centros educativos.  

O preocupante —e criticable— é que este conxunto de normas administrativas se propoñan e se apliquen sen ofrecer medidas de actuación educativa para solucionar o problema. Subxace a crenza, claramente inxenua, de que vetando ou prohibindo a presenza das tecnoloxías móbiles nos espazos escolares, os menores estarán protexidos, dun xeito case máxico, dos efectos nocivos destes dispositivos. Ademais, asúmese que prohibir o seu uso en horario escolar producirá a mellora da aprendizaxe, así como a neutralización de fenómenos indesexables como o ciberacoso, a tecnodependencia, a falta de concentración nos estudos ou o consumo de contidos inadecuados para a infancia e a adolescencia. 

O negacionismo ou prohibicionismo dixital propón o debate sobre tecnoloxía e a educación dun xeito simplista ou maniqueo, e non estimula a busca de respostas educativas dirixidas a superar os efectos nocivos das tecnoloxías no alumnado —falta de atención, illamento, ansiedade, comunicacións tóxicas, desinformación, acceso a contidos violentos ou pornográficos etc.—. 

A crítica ao prohibicionismo dixital non supón que se defenda o laissez faire ou a desregulación do uso das tecnoloxías por parte dos nenos e adolescentes cando e onde queiran. O que se cuestiona é a imposición levada a cabo desde instancias alleas ás aulas e aos centros educativos, nomeadamente as político-administrativas, de forma que se establezan normas ou preceptos absolutos e xeneralizados sobre o uso ou prohibición das tecnoloxías no ensino de todos os centros educativos do territorio. Facelo é impoñer un único criterio —decidido por órganos burocráticos— sobre como debe actuar o profesorado en relación ao uso didáctico dos dispositivos tecnolóxicos. 

O que é urxente e necesario é articular medidas educativas desde diferentes ángulos, sectores e institucións —Consellería de Educación,institucións locais, asociacións de base etc.— ante os complexos e preocupantes problemas que en distintas ocasións se xeran polo uso excesivo e abuso das tecnoloxías na infancia e na mocidade. Prohibindo a tecnoloxía nas escolas non se resolven os problemas e disfuncións que esa tecnoloxía provoca. Prohibindo non se educa.

(Editorial elaborado sobre un texto base escrito polo profesor Manuel Area) 

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir