Día Escolar pola Nonviolencia e a Paz

Texto

30 de xaneiro 2024
Respostas educativas en rede perante as violencias sistémicas

A indiferenza e a apatía son potentes aliados da violencia. Nestes tempos, o non tomar medidas educativas para facer fronte ás profundas inxustizas no mundo tradúcese, tarde ou temperá, en tolerar e banalizar a violencia, en condonar a súa perpetuación.

A saber. Unha parte importante da nosa realidade global está formada pola pobreza sistémica e extrema, polo auxe de líderes con tendencias autoritarias, e por unha proliferación de conflitos bélicos en diferentes puntos do mundo. Para nomear só algúns destes, os combates entre faccións militaristas de Sudán continúan desprazando millóns de civís e provocando miles de mortes por desprotección e fame; perdura a guerra sen sentido en Ucraínai; agudízase a represión do pobo sahariano na súa loita pola auto-determinación; e persisten os bombardeos israelís contra o pobo palestino, causando ata a data máis de 23.000 vítimas civís mortais en Gaza —un 70% delas crianzas e mulleres—, así como a destrución sistemática de hospitais, centros educativos, medios de comunicación, e todos os medios de vida máis básicos na Franxa.

Este asedio desatado polos gobernantes israelís contra Gaza está a provocar un cruel sufrimento sen precedentes na historia do conflitoii, polo que o Estado de Sudáfrica denunciou o asalto israelí perante o Tribunal Internacional de Xustiza (TIX) da ONU por considerar que se trata dunha campaña de xenocidio e limpeza étnica, é dicir, dun crime contra a humanidade. Porén, desde as instancias do poder na Unión Europea, reina un silencio sepulcral ⎯agás honrosas excepcións, como a española⎯ non só sobre a brutalidade dos ataques israelís senón tamén sobre o seu xuízo no TIX —iso cando non se emiten apoloxías en apoio a Israel, tal e como fixo recentemente o goberno de Alemaña, apoloxía que a Presidencia de Namibia condenou durante as deliberacións do TIXiii—. O que agrava esta falta de compaixón pola poboación palestina por parte da maioría dos Estados occidentais (a pesares das atrocidades e da magnitude do sufrimento na Franxa) é, ademais, a case nula retransmisión do proceso contra Israel no TIX a través dos medios de comunicación de masas dos países máis ricos do mundoiv.

Incúmbenos non aceptar como “normal” este estado tan violento das dinámicas no mundo.

É hora, entón, de poñer mans á obra de educar o noso alumnado na cultura alternativa da paz e da nonviolencia, entendida esta última como unha soa palabra para potenciar o seu significado como concepto. É unha cultura alternativa non só porque rexeita a guerra, senón porque se opón á banalización predominante das inxustizas estruturais (sistémicas): pobreza, racismo, etnocentrismo, sexismo e capacismo, entre outras formas diversas de opresión (ou, pola contra, de privilexios arbitrarios). É alternativa porque sabemos que responder militarmente aos conflitos só consigue prolongar a violencia a longo prazo.

Por iso a meta co fomento educativo da cultura da nonviolencia é normalizar a empatía, o diálogo, a comprensión das causas de raíz dos conflitos no mundo, e o respecto interpersoal, inter-grupal, entre culturas e entre nacións. Xa non podemos permitir máis indiferenza, máis silencio, nin máis inacción dada a tráxica preponderancia da violencia nas nosas sociedades, sobre todo nas poboacións excluídas desa zona de existencia conceptualizada polo lúcido pensador anti-colonial antillano Frantz Fanon como a “zona do ser”v. Con esta noción, Fanon criticaba (nos anos 1950) esa zona imaxinada de existencia supostamente superior —a do supremacismo branco-eurocéntrico— coa que imperialistas e colonos desprezaban e explotaban os pobos doutras rexións do mundo, pobos cuxos tons de pel e costumes diverxían das normas europeas. Eses outros habitaban a “zona do non-ser”, conforme a ollada supremacista.

Por desgraza, tales pautas de dominación e subordinación perduran nun mundo actual dividido entre un Norte/Occidente rico e un Sur/Oriente empobrecido. A mera comparativa das medidas tomadas na Unión Europea para facilitar o refuxio, a acollida e o asilo das vítimas do conflito en Ucraína, fronte á case nula existencia de medidas para as vítimas do asedio en Palestina, pon en evidencia este trato preferente e agravio comparativo moi inxusto.

Unha pequena xoia de libro de Cécile Barbeito Thonon, 122 acciones fáciles (y dífíciles) para la paz (2016, Los Libros de la Catarata), pode servirnos de inspiración á hora de resistir estas tendencias e promover en rede a cultura da nonviolencia, unindo esforzos e tecendo redes de aprendizaxes alternativas, evitando a individualización ou illamento. A seguinte breve selección dalgúns dos apartados do libro mostra como a autora aborda os múltiples tipos, capas e ámbitos de acción que poderíamos tomar:

  • “Desarmar e desmilitarizar” (por exemplo, rexeitando en rede as visitas educativas a bases militares locais —visitas que adoitan reforzar a imaxe positiva das mesmas—, e rexeitando en rede a presenza militar nos nosos centros educativos; ou participando tanto na redacción de cartas aos nosos gobernantes como en xogos virtuais deseñados para procurar alternativas diplomáticas e comunitarias ás guerras ou aos conflitos entre bandas).
  • “A estratexia do caracol”… que leva o seu lar ás costas (establecendo redes de comunidades educativas que acollen crianzas e outras persoas desprazadas pola guerra, acollida que tería implicacións tanto para as crianzas en cuestión e as familias acolledoras como para os centros educativos correspondentes a eses fogares e as entidades sociais e estatais que median nese labor).
  • Apazionar as escolas” (elaborando programas educativos en rede de mediación e resolución nonviolentas de conflitos nos centros educativos e tamén nas veciñanzas dos mesmos; e establecendo programas de educación para a paz que se levarían a cabo de varias maneiras: como unha materia solta ou como compoñente de varias, ou como accións de sensibilización, implicación e creación que incidan nos diferentes espazos dos centros escolares ou barrios; e participando en trocos educativos entre centros e entidades locais, nacionais e internacionais, nos que se fomenta o valor da nonviolencia como alternativa).

Para concluír, estas pinceladas representan só unha pequena parte dos valiosos recursos pedagóxicos que están a rular nas redes e nas bibliotecasvi. Vamos forxar máis, colectivamente!

30 de xaneiro de 2024
Grupo de Traballo Educadoras/es pola Paz
Nova Escola Galega

Notas ao pé

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir