O sentidiño traidor
Texto
Estamos diante dunha nova derrota electoral do arco da esquerda progresista e nacionalista en Galiza. Negativa nas súas consecuencias, por máis que nalgúns sectores se poida dicir que o ocorrido no pasado 18 ‘muda a nosa historia’. Para quen leva participando nos procesos socio-políticos desde os pasados anos 70, o anterior é mais difícil de soster.
A nosa é unha sociedade cun gravísimo problema demográfico con graves consecuencias en canto ao desenvolvemento educativo e non menos graves para o conxunto da sociedade galega: cunha poboación envellecida (case 800.000 persoas de máis de 65 anos); con menores expectativas en canto á transformación social, dados os índices relativos de calidade de vida actual (‘con todo, nunca se viviu mellor’ óese dicir entre os maiores); da Terra marcharon por riba de 150.000 mozos e mozas nos últimos vinte anos, co que isto significa de perda social e colectiva; e as crianzas non abundan.
Como contrapartida, aí temos a fortuna electoral dos conservadores do PP de Galicia. Aínda investindo menos en total, pódese atender ‘razoablemente’ a educación desde o punto de vista comparativo, tal como as estatísticas veñen poñendo de relevo, no sentir sociolóxico. Poida que sexa por isto que tampouco os programas electorais destas pasadas autonómicas fixeron cuestión notable da educación de todos e todas, de non ser na letra máis miúda do BNG e de Sumar.
A reclamación da gratuidade xeral dos libros de texto e a matriculación gratuíta no inicio dos estudos universitarios foron case os asuntos ‘estrela’. Mentres, a cuestión da galeguización educativa foi salientada groseiramente polo PP como ‘imposición’, aproveitando a non modulación e carencia de explicación didáctica (pedagoxía política) de por parte neste caso do BNG.
Mentres, numerosos asuntos seguen quedando ao pairo: o papel social do ensino privado, singularmente no sector do ensino privado de elite (con consistencia sociolóxica evidente), que non contribúe a unha vida colectiva de cooperación social; a parcial desconsideración da educación nas contornas rurais; a elaboración, experimentación e revisión reflexiva de plans e orientacións curriculares; o apoio á acción didáctica mediante servizos de creación de recursos e materiais didácticos, sendo substituído polos ‘paquetes dixitais (ou non)’ elaborados empresarialmente e desde o exterior da sociedade galega; unha máis adecuada profesionalización e formación inicial e en servizo dos e das profesionais e técnicas da educación; os programas de incorporación socio-cultural e lingüística dos fillos e fillas da crecente poboación migrante, deixando de afrontar situacións que son ocasión de desigualdade e de desintegración social con efectos (senón inmediatos) que se poderán percibir máis adiante; a disposición equilibrada e elevada do ben da educación para todos e todas; a mellor atención formativa do alumnado universitario, por exemplo, na grande área das ciencias sociais.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats: