Conformar, reformar, transformar. Visita á exposición Educación, xénero e lectura
Resumo
Unha achega á exposición Educación, xénero e lectura. Conformar, Reformar, Transformar, accesible no MUPEGA dende o 26 de maio de 2023 e impulsada polo Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental SEPA-interea da Universidade de Santiago de Compostela.
Una aproximación a la exposición Educación, xénero e lectura. Conformar, Reformar, Transformar, accesible en el MUPEGA desde el 26 de mayo de 2023 e impulsada por el Grupo de Investigación en Pedagogía Social y Educación Ambiental SEPA-interea de la Universidad de Santiago de Compostela.
An approach is made to the exhibition Educación, xénero e lectura. Conformar, Reformar, Transformar (Education, gender and reading. Shape, Reform, Transform), accessible at MUPEGA from May 26, 2023 and driven by SEPA-interea Social Pedagogy and Environmental Education Research Group of the University of Santiago de Compostela.
Texto
falaste tu por ela
María Rosendo Priego, A pigmantaçom das plantas
pugeste no seu corpo
os teus privilégios
porque era difícil
renunciar ao poder
entender o sangue
das flores
que arrincamos
para adornar jarrons
Dende o pasado 26 de maio deste ano 2023 o Museo Pedagóxico de Galiza (MUPEGA) acolle a exposición temporal Educación, Xénero e Lectura. Conformar, Reformar, Transformar, comisariada pola Profa. Rita Gradaílle Pernas e o Prof. Antón Costa Rico, ambos membros do Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental SEPA-interea da Universidade de Santiago de Compostela. A mostra procura amosar realidades, imaxes e representacións que nos trasladan desde mediados do século XIX ata a actualidade nun escenario de estereotipos e de discriminacións, mais tamén de dinámicas, de procesos de loita e de conquistas transformadoras, que trazaron modos de ensinar e de aprender en clave de xénero, poñendo énfase en particular no rol asignado ás mulleres.

O berce de xoguete, o bastidor, a máquina de coser, o libro de cualificacións escolares, os zapatos tipo “Merceditas” da década dos corenta, o neceser de viaxe, as bonecas, os monicreques de dedo, os libros de texto e de lectura ou as fotografías das aulas escolares, entre outros recursos, recrean unha topografía da memoria dun pasado recente aínda presente no que as representacións das mulleres, das nenas, e a construción “da feminidade”, do “ser muller” (e, polo tanto, dos homes, nenos, da construción “da masculinidade” e do “ser home”), responden aos modelos hexemónicos e estereotipados de xénero que marca a sociedade heteropatriarcal. Arquetipos que o propio refraneiro popular galego acolle a través de ditos como “o home na leira e a muller na lareira” ou “muller sen fillos, xardín sen flores”, ou que mesmo reflicte Cantares Gallegos de Rosalía de Castro: “unha muller sen home… ¡Santo Bendito!, é corpiño sen alma, festa sen trigo!” (todas estas frases aparecen plasmadas en diferentes estancias da exposición).

A exposición artella un itinerario visual a través dun conxunto de dezaseis mesas expositoras localizadas en diferentes salas unidas por un mesmo corredor con libros, recursos escolares, obxectos significativos, fotografías históricas, carteis, imaxes e información escrita. Ditas salas incardinan as nocións espazo-temporais que contribúen a visibilizar dinámicas ligadas aos procesos de transformación histórica que se perpetuaron e lexitimaron a través dos procesos educativos e da lectura: Conformar (1857-1974), Reformar (1975-1989) e Transformar (1990-2020).
Conformar (1857-1974)
É coa Lei de Instrución Pública de 9 de setembro de 1857, coñecida como Lei Moyano, cando a escolarización das nenas na ensinanza primaria adquire un carácter obrigatorio no Estado español, así como a necesidade de crear escolas para nenas e nenos, mais con currículos diferenciados ⎯situación que se mantivo ata o plan de ensinanza primaria aprobado no 1901, que unificou o ensino para ambos⎯. A ensinanza era común nas disciplinas básicas: lectura, escritura, cálculo, principios de gramática castelá e regras de ortografía e doutrina cristiá, pero específica nas materias formativas. Tal e como destaca Ballarín (2008) as mulleres aprendían labores, debuxo e hixiene doméstica, mentres os nenos estudaban nocións de agricultura, industria, comercio, agrimensura, física e historia. Así expresaba Victoriano F. Ascarza no seu libro La niña instruída2(1927) baixo o epígrafe A las señoras maestras, as súas aspiracións ao confeccionar a obra: “Las señoras maestras, al enseñar estas nociones, deben aspirar, no solamente a que aprendan las verdades de la ciencia, sino a que las practiquen, más que dar conocimientos, importa crear costumbres. Para ello sirven las niñas y sean ellas al aprender estas cosas, las que lleven a sus propias familias conocimientos para conservar la salud, librarse de enfermedades y dulcificar algo las penalidades de la vida.”
Tras o Sexenio Revolucionario (1868) e a ditadura de Primo de Rivera (1923-1930), comeza un tempo coa Segunda República no que se procura unha escola única, pública e laica que se ve truncada pola escola nacional, católica e patriótica imposta no franquismo. Fronte aos valores da democracia, da tolerancia, do pluralismo, do respecto cultural e lingüístico, impóñense agora outros negadores de todo o anterior, tal e como detallan nas súas obras Costa Rico (2004) e Escolano Benito (1992, 2002).

Prevalecen en todo este tempo representacións e visións que sitúan as mulleres dentro do fogar familiar, deixando outros protagonismos aos varóns. O sistema educativo contribuía a conformar e lexitimar esta visión, ben representada nos textos do entón catedrático de Pedagoxía na Universidad de Madrid e presidente da Sociedad Española de Pedagogía, Víctor García Hoz (1911-1998), en Principios de Pedagogía Sistemática: “mentres o home, polo xeral, está vocacionado cara aos traballos que implican relación interpersoal e técnica, a muller atópase máis atraída polos traballos que supoñen relación de tipo persoal singularizada” (García Hoz, 1966, p. 289), practicamente ao tempo que a Declaración sobre a eliminación da discriminación contra a muller (Asemblea Xeral das Nacións Unidas, Resolución 2263 (XXII) de 7 de novembro de 1967) recollía, no seu Art. 9º: “Deberán adoptarse todas as medidas apropiadas para asegurar ás nenas e á muller dereitos iguais aos dos homes en materia de educación a todos os niveis.”
Reformar (1975-1989)
As distintas declaracións de dereitos, a declaración pola ONU do 1975 como Ano internacional da muller e os cambios sociolóxicos propiciaron o inicio de reformas entre as que a educación foi parte activa. A Lei Xeral de Educación de 1970 supuxo, entre outros cambios no sistema educativo, a creación de escolas mixtas que ofrecían o mesmo currículo para nenos e nenas, así como a garantía da educación obrigatoria e gratuíta desde os seis ata os catorce anos de idade. Coa chegada da Constitución (1978) desaparece definitivamente o modelo vixente de escola nacional-católica para dar paso a unha escola de aspiración democrática máis atenta á formación integral do alumnado e fundada nos dereitos e deberes da cidadanía. Durante as décadas seguintes a educación cobrou impulso e evolucionou coa escolarización total na educación xeral básica, a creación de novos postos escolares, a mellora dos xa existentes e o grande incremento na escolarización nos niveis non obrigatorios. Tamén se dirixiu o avance á procura da igualdade de oportunidades co incremento de bolsas e axudas, a creación de centros e postos escolares en zonas que non dispoñían destes, así como as adaptacións das materias e dos seus contidos (Sánchez e Hernández, 2012).
Para continuar o desenvolvemento dos principios constitucionais apróbase a Lei Orgánica reguladora do Dereito á Educación de 1985, tres anos despois preséntase o Proyecto para la Reforma de Enseñanza e, no 1989, o Libro blanco para la reforma del sistema educativo enuncia os obxectivos do proxecto de reforma, entre os que se destaca a necesidade de incluír a compensación das desigualdades por razón de sexo para lograr unha ensinanza de calidade. Xa no 1990 apróbase a nova Lei Orgánica de Ordenación Xeral do Sistema Educativo.
Tamén, como expresión dunha necesidade de cambio no mundo escolar, a partir de 1975 comezan a nacer en Galiza varias asociacións de docentes e iniciativas de renovación pedagóxica. O Movemento Cooperativo de Escola Popular Galega (1975) iniciou en 1978 a publicación da revista pedagóxica galega As Roladas 2, que no seu número inicial publicou unha dobre páxina arredor da reclamación da coeducación, superando a práctica da “escola mixta”. Rompía tamén en Galiza un tempo novo.
Transformar (1990-2020)
A nova ordenación lexislativa e outras dinámicas socioculturais produciron transformacións a prol da coeducación, da equidade e das inclusións. Entre os fitos postos de relevo na propia exposición, cómpre sinalar os seguintes: é no 1992 cando se crea o Servizo Galego de Igualdade na Xunta de Galicia; no 1995 celébranse as Xornadas educación, xénero e igualdade na Universidade de Santiago de Compostela; no 1998 celébranse as Xornadas galegas (anuais) de nais e pais educando para a igualdade; no 2007 promúlgase a Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes; no 2013 o Instituto da Muller publica as súas Recomendaciones para introducir la igualdad e innovar en los libros de texto; ou no 2020, o Observatorio Galego de Violencia de Xénero edita a súa Guía de actuación ante casos de violencia de xénero, entre outros que inciden no proceso de transformación ao que se alude.
Neste tempo a temática da igualdade gaña presenza na literatura infantil e xuvenil galega. Na exposición destácanse, entre outros, o compromiso ético no libro Rapazas (1993, Vigo, Xerais) de Agustín Fernández Paz (onde as mozas asumen o protagonismo en relatos nos que atenden a súa relación co deporte ou a defensa dos seus dereitos nas aulas); o libro A cabeza de medusa (2008, Vigo, Xerais), no que Marilar Aleixandre aborda as consecuencias da violación física e social; a normalización da menstruación no conto infantil Vermella (2018, A Coruña, Baía) de Sabela Losada; a literaturización da diversidade trans en Fóra do normal (2018, Vigo, Xerais) por parte de María Reimóndez; ou a poesía xuvenil Penúltimas tendencias (2014, Vigo, Xerais) de Carlos Negro en perspectiva de xénero, entre outros títulos que denotan as mudanzas palpables tamén no eido literario.
A presenza de diferentes axentes individuais e colectivos que se rebelaron nas rúas, nas aulas3, a través da literatura infantil e xuvenil, mediante a creación de recursos didácticos alternativos e asumindo protagonismos cívicos na construción social, ponse de relevo na exposición, destacando tamén o papel do Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega (que nace no 1983) e da Revista Galega de Educación (editada desde 1986), co seu número 77 (xullo de 2020) dedicado a O dereito á coeducación.

Na procura de mellores futuros
Tal e como destacan no texto do díptico á exposición Os valores da educación e a lectura en clave de xénero José Antonio Caride Gómez (Investigador Principal do Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental SEPA-interea da Universidade de Santiago de Compostela) e Santiago Yubero Jiménez (Investigador Principal do Grupo de Investigación en Psicología, Educación y Lectura da Universidad de Castilla la Mancha): “a educación e a lectura teñen adquirido significados -simbólicos e materiais- impensables ata hai poucas décadas, abrindo o pensamento e o coñecemento a unha variada gama de oportunidades pedagóxicas, culturais, vivenciais… nas que a perspectiva de xénero goza dunha especial relevancia. Sen que poidan obviarse os contextos nos que, historicamente emerxeron e se proxectaron as teorías e prácticas educativas, nin o estimable potencial formativo dos dispositivos que van da creatividade nas palabras ou na ilustración gráfica á súa edición nos textos literarios ou escolares, debe salientarse o importante protagonismo de quen, individual ou colectivamente, ten comprometido o seu quefacer cívico con iniciativas orientadas a mudar as realidades herdadas; e, con elas, a construír valores, actitudes, comportamentos, reivindicacións etc. que alentan un futuro máis democrático, xusto, pacífico, sostible, equitativo, inclusivo… Na súa procura, todas as educacións están chamadas a contribuír decisivamente: dende a infancia ata a vellez, nas escolas e nas familias, nas comunidades rurais e nas cidades, nas aulas universitarias e nas redes dixitais… en congruencia cos principios éticos, cos dereitos e deberes que nos dignifican como seres humanos, sen distinción”.
Un convite á esperanza construtiva, tomando en consideración que, tal e como expresa o Comisariado da exposición a través dos diferentes códigos QR e do folleto que acompañan a visita da mesma: “todos e todas temos camiños por andar, sen se deter. Alertar e extremar a conciencia educativa e formativa sobre esta cuestión é a pretensión global da presente exposición, así como das actividades que a complementarán”. Avancemos, pois, tendo prendida a luz da memoria histórica para alumear novos tempos que permitan superar as visións estereotipadas e de exclusión que asignan ás mulleres roles sociais secundarios e, con frecuencia, de dependencia do ámbito masculino, alentando á transformación social das conciencias, das actitudes e dos comportamentos para lograr unha sociedade equitativa, inclusiva e con pleno respecto ás diversidades que nos caracterizan.
Referencias bibliográficas
- Ballarín Domingo, P. (2008). La Educación de las mujeres en la España contemporánea (siglos XIX-XX). Madrid: Editorial Síntesis.
- Costa Rico, A. (2004). Historia da educación e da cultura en Galicia. Vigo: Xerais.
- VVAA (2022). Mulleres imprescindibles. Educadoras na vangarda do século XX. Pontevedra: Kalandraka (edición de A. Costa Rico e Manuela Rodríguez).
- Escolano Benito, A. (Dir.) (1992). Leer y escribir en España. Madrid: Fundación Sánchez Ruipérez.
- Escolano Benito, A. (2002). La educación en la España Contemporánea. Madrid: Biblioteca Nueva.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats: