Andar cos tempos… das músicas
Texto
(ANDAR COS TEMPOS1… DAS MÚSICAS)
Andar: Percorrer [unha determinada distancia ou camiño].
Tempo: Sucesión das cousas considerada como un continuo uniforme, que se divide para medilo en intervalos regulares naturais, como os ciclos do Sol, da Lúa, das estacións etc, ou convencionais, como as horas, minutos, segundos etc, e que, xunto co espazo, serve de medio de referencia fundamental para localizar as existencias, fenómenos ou acontecementos.
Momento propio ou oportuno para algo.
Velocidade coa que se interpreta unha peza musical.
Pasou o tempo… exactamente trece anos, desde o último número da Revista Galega de Educación dedicado á música –naquela ocasión centrado, en particular, na música tradicional (nº 47, xuño de 2010)– e os ritmos non cesaron. Conta e canta sempre o benquerido Xurxo Souto que: “somos un pobo de artistas!”, e así é. Vivimos un momento de máximo apoxeo no que a música está en continuo movemento e desenvolvemento, avanzando con paso firme, fusionándose, medrando e actualizándose; tendo como representantes un gran número de artistas e proxectos de todos os estilos, formatos e sensibilidades artísticas que fan do noso sector musical un referente a nivel estatal e internacional.
Este número pretende resultar un espazo de encontro entre diversos ámbitos da educación e dunha parte da pluralidade de todos eses estilos musicais que converxen no marco galego. Un número que se configura coa vontade de dar voz, de visibilizar e de reflectir tamén un “andar cos tempos” non só das músicas e dos músicos, senón das educadoras e educadores, das mestras e mestres aquí e agora. Andar cos tempos do compás desexábel ao momento que vivimos, promovendo unha educación, unha música e unha educación musical galega e en galego, pública, inclusiva, feminista, democrática e laica; que compoña as harmonías necesarias para desenvolver unha cidadanía responsable, reflexiva, crítica, xusta, comprometida e solidaria.
Vou erixir un berce
Rosalía Fernández Rial, Onde aplaque a marea.
coas crebas do meu naufraxio
e arrolarte entre as raíces do teu pobo no canto, para que da miña morte ti nazas:
Onde
Onde
neve nosa fundida caia.
aplaque a marea
o noso longo desexo inédito.
E nós pouquiño a pouco ímonos situando, construíndo barricadas no país dos alalás. Nós en corpo e alma, nós mercando calma, nós cousa por cousa sen podernos despistar.
Guadi Galego. Matriarcas.
Nós aleitadoras, nós conquistadoras, brillantes activistas da vida cotiá.
E nós que resistimos a séculos de forza,
e nós as matriarcas do país dun tal Breogán.
Notas ao pé
- Andar cos tempos, alén dun dito popular, é o nome do Proxecto impulsado dende o ano 2015 polas bailadoras, educadoras e mestras de baile Carmen María (Carme) Campo Martínez e María Jesús (Chus) Caramés Agra, a través do que convidan a revisar a tradición con perspectiva de xénero. Ao longo destes anos, no marco do Proxecto, en relación ao que se presenta un artigo neste exemplar da Revista, desenvolveron múltiples accións encamiñadas a identificar, analizar e rachar cos estereotipos de xénero que se dan na música e baile tradicional. Desde a coordinación deste monográfico agradecemos a súa colaboración, licenza e inspiración para dar título ao mesmo.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats: