40 anos de Nova Escola Galega

Palabras Clave

Texto

Nova Escola Galega naceu un 11 de xuño de 1983 en Santiago de Compostela como suma de vontades individuais e de ensinantes pertencentes a diversos colectivos comprometidos coa innovación pedagóxica e a normalización do ensino en galego. Na declaración de principios de Nova Escola Galega proclámase o compromiso cunha Escola Pública, Democrática e Laica.

Quen pode negar que as políticas privatizadoras, impulsadas polo neoliberalismo nas últimas décadas, sitúan o ideal da Escola Pública diante dun novo desafío? Quen non considerará que esas políticas poñen en risco a concepción máis básica do que debe entenderse por unha Escola Democrática, isto é, igualitaria, inclusiva, respectuosa coa pluralidade? En canto ao ideal laicista, nunca deixou de ser unha batalla aberta nas guerras ideolóxicas, o que explica a extrema dificultade de consensuar unha lei educativa por riba das diferenzas partidarias, co agravante de que recentemente se escoitan voces nostálxicas do máis rancio nacional catolicismo.

NEG non se pode entender sen a vontade de transformación das prácticas escolares, superando as inercias —nunca desaparecidas de todo das aulas— das vellas escolas autoritarias, colocando o alumnado no centro desas prácticas, convertendo o profesorado en investigador do espazo educativo, aberto á innovación na procura de modelos máis activos, abandonando as fórmulas dirixistas que reducen o alumnado a pasivo receptor de leccións estandarizadas, que se verá obrigado a memorizar e reproducir en exames igualmente estandarizados. Ninguén pode afirmar que estes usos, propios do tradicional modelo da “escola bancaria” que denunciou Paulo Freire, xa perderon toda vixencia; por iso a actividade de NEG continúa a ser tan necesaria.

Ao longo da súa existencia, NEG promoveu —e ségueo facendo— procedementos de formación e autoformación do profesorado, concedendo prioridade aos encontros horizontais e o intercambio de experiencias. Grupos como os dedicados a defender a escola no rural, a memoria democrática, a saúde emocional da infancia, o diálogo entre escola e territorio, a creación de materiais didácticos… ou os Educadores pola Paz, son marcas de NEG das que nos sentimos particularmente orgullosos. Grupos que non só atenden a nosa realidade máis próxima, senón que souberon construír vínculos con organizacións afíns doutros ámbitos peninsulares, en particular con Portugal, e mesmo de alén dos Perineos. Mais tamén NEG foi avanzada en emprestar atención á recepción desde o ámbito educativo das innovacións tecnolóxicas, primeiro cos medios audiovisuais —organizando nos anos noventa os Congresos Internacionais Pé de Imaxe—, logo coa transformación dixital —Congresos sobre a Fenda Dixital—. Unha atención que nunca se acomodou ao imperio das novas modas ou da incorporación instrumental das TIC ao servizo dos modelos de ensinanza de sempre, senón que, ben ao contrario, reclamou unha ollada crítica capaz de aproveitar as enormes posibilidades que estes novos medios ofrecen e, ao tempo, desvelar os perigos de manipulación que encerran, desenvolvendo modos de contrarrestalos. 

Todo isto mantén plena vixencia nestes tempos de fake news acrecentados pola emerxencia da Intelixencia Artificial, ao que se suma, nunha paradoxal converxencia, a aparición dun autodenominado discurso “antipedagóxico” que reclama o regreso a unha educación “tradicional” que, de xeito absurdo e dogmático, se presenta como… non pedagóxica. E, por suposto, NEG alzouse sempre como abandeirada do traballo ao prol da nosa lingua, porque non pode haber dúbida de que a escola democrática e a renovación pedagóxica en Galicia son inseparables da potenciación de procesos eficaces de normalización lingüística, algo que, por desgraza, non garanten as políticas dos últimos gobernos autónomos. 

40 anos son moitos, mais non son nada porque queda aínda tarefa por diante que acometer. Por iso, NEG ofreceuse onte, e segue ofrecéndose hoxe, como espazo aberto a todos os mestres e mestras, profesores e profesoras de calquera área, disciplina e nivel educativo que en Galicia e desde Galicia queiran contribuír á mellora das prácticas educativas.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir