Tea e inclusión

Texto

O monográfico que aquí se presenta céntrase na casuística relativa ao Trastorno do Espectro Autista pero, con todo, a súa pretensión vai máis aló. Non podemos aludir á diversidade ou á inclusión dende unha visión en túnel, enfocada exclusivamente en compensar realidades educativas illadas. Traballar cara a unha educación inclusiva pasa inicialmente por realizar unha reflexión profunda sobre o significado de diversidade e sobre os medios para aceptala e convivir con ela.

Con esta perspectiva, nas seguintes páxinas conflúen percepcións e actuacións que, dende estamentos moi diferentes, avogan por unha amplitude de miras nos ámbitos educativo e social. Enfocándonos, neste caso, no Trastorno do Espectro Autista, buscamos ensanchar esa visión co afán de que ninguén queda fóra dos ollos da sociedade.

Comeza o número, por tanto, cunha serie de artigos reflexivos que inciden na importancia do enfoque na atención ás persoas con TEA: a explicación do trastorno escapando da estigmatización, a deconstrución do termo de discapacidade (tan ligado a un enfoque capacitista) para facilitar a convivencia social e a transición á adultez, a necesidade de realizar un enfoque global que incida na inclusión educativa e social, e finalmente, como unha boa organización social permite loitar contra as dificultades que se presentan lonxe das grandes urbes.

Non podían faltar no monográfico propostas e experiencias de boas prácticas en diferentes niveis e ambientes escolares: o departamento de orientación como centro neurálxico da atención á diversidade e a importancia da apertura das súas portas ao que acontece na escola, o patio escolar e o tempo de lecer como lugar e momento fundamental para creación de espazos para todos e todas, a biblioteca escolar cos plans e recursos que a converten nun espazo inclusivo, e o día o día dentro das aulas.

Incorpóranse tamén un compendio de recursos materiais útiles para a atención educativa do alumnado con TEA.

En engadido, o número incorpora tres artigos máis sobre o TEA: unha experiencia de boas prácticas de inclusión de alumnado con autismo nunha escola rural, unha investigación sobre o nivel de coñecemento, uso e valoración que o profesorado de educación primaria realiza sobre os materiais didácticos dirixidos ao alumnado con TEA, e unha entrevista a Cipriano Jiménez Casas, cuxo currículo en relación co autismo excedería o que, por espazo, podemos apuntar nestas liñas.

Agradecemos a todas as persoas que colaboraron coas súas achegas tanto na realización deste monográfico como no conxunto dos textos deste número da RGE. Da mesma maneira, agradecemos a todo o profesorado que co seu esforzo e actuacións están poñendo os cimentos para crear unha sociedade que acepta e convive coa súa propia diversidade.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir