Transcender o paradigma do deficit. Unha recensión de “Fondos de Conocimiento Familiar e Intervención Educativa”
Texto
As autoras e autor deste libro sinálannos unha cuestión de central importancia no marco da educación nos países occidentais e, tamén entre eles, no contexto concreto de Galicia, entendendo a necesidade de transformación e diálogo necesaria no seo do sistema escolar.
Acertadamente, parten dos conceptos fundamentais dos fondos, entendidos como recursos necesarios para o mantemento da cultura e polo tanto da vida humana como a coñecemos, e dende ese lugar vincúlannos directamente coa relación que a educación ten con esa reprodución-transformación constante das culturas.
Desa maneira, céntranse nos fondos de coñecemento como aquelas coordenadas de saberes, conceptos e prácticas acumuladas polas familias e comunidades que serven ao sostemento da vida, e deixando claro que “a cultura non se ten en maior ou menor medida” (p.26). Sinálannos a problemática de que o sistema educativo organice unha xerarquía epistémica colonial que estigmatiza as prácticas e formas de vida de numerosas familias e comunidades.
Este texto axúdanos a iluminar a problemática da perspectiva de déficit que no sistema educativo existe cara a formas culturais non hexemónicas, e polo tanto da dificultade que sobre o alumnado e familias cuxas prácticas educativas non gardan a mesma continuidade que a clase media occidental coas maneiras de entender os procesos educativos do sistema escolar.
Arguméntase de maneira contundente e rigorosa a necesidade de recoñecer “a comunidade como lugar onde prioritariamente ocorre a aprendizaxe” (p.18-19) e configurar as relacións de poder entre axentes educativos para construír relacións de confianza mutua necesaria para unha aprendizaxe social e persoal sa.
Unha reflexión e diálogo que nos sinalan deben ser feitos dende unha perspectiva intercultural, unha reflexión moi necesaria de facer no contexto galego, posto que a reivindicación polo recoñecemento da identidade propia fronte a un currículo universalista a nivel estatal, a miúdo ensombrece o traballo polo recoñecemento doutras comunidades minoradas presentes no territorio. Este texto axúdanos a lembrar que a cultura galega é a cultura das persoas que habitan en Galicia, non só de maneira ligada á tradición no propio territorio, senón aos referentes culturais diversos das persoas que nel viven hoxe.
Así, o presente libro visibiliza esa necesidade de reparación a través do traballo co pobo xitano, historicamente invisibilizado e estigmatizado, sinalando que a xustiza en termos educativos debe ser abordada dunha maneira de diálogo radical a través dunha perspectiva crítica da interculturalidade. Dános tamén coordenadas metodolóxicas de como abordalo, relacionado coas comunidades de prácticas familia-escola e coa reconstrución curricular en relación co propio alumnado participante.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats: