A Escola Rural de Sedes (Narón), 1921-2021: 100 anos de educación nunha contorna de salientable tradición escolar
Resumo
A Escola Rural de Sedes, fundada en 1921 por un emigrante nativo da parroquia, podería ser a escola indiana, rural, unitaria... aínda en funcionamento, máis antiga de Galicia. Despois de cen anos de actividade case ininterrompida, celebrou o seu primeiro centenario no curso 2021-22.
Palabras Clave
Texto
1. Da escola centenaria e da súa contorna territorial e socioeconómica
A Escola Rural de Sedes, fundada en 1921 por un emigrante nativo da parroquia para a escolarización de nenas e mozas, podería ser a escola indiana, rural, unitaria… aínda en funcionamento, máis antiga de Galicia. Tan só esta circunstancia ben a fai merecedora da presente contribución, na que pretendemos difundir a existencia desta pequena pero singular institución educativa, auténtico referente social para a veciñanza de Sedes.
Vexamos o seu contexto. Sedes é unha das parroquias do concello de Narón; ocupa unha superficie por riba dos 10 km2 e xeograficamente pode cualificarse como rural periurbano. En 2021 (consonte datos do Instituto Nacional de Estadística) contaba con 981 persoas censadas; adoita ofrecer máis ou menos estable unha cifra de 56 crianzas de entre 0 e 6 anos, malia que tamén presenta notable avellentamento (máis do 34% dos habitantes ten máis de 60 anos). Os usos do solo son basicamente forestais (impera o monocultivo de eucalipto), agropecuarios e comerciais varios; en efecto, Sedes manifesta unha forte identidade vinculada ao sector primario, mantendo o 25% da súa poboación activa en eidos produtivos relacionados co medio rural.
Con todo, para entendermos o feito educacional e escolarizador de Sedes cómpre mencionar a Feira do 13, gran mercado agropecuario mensual que funcionou desde o século XIX ata finais do XX e que nalgunha ocasión chegou a mobilizar ata 20.000 persoas de toda a bisbarra. Non resulta dificultoso pois pensar nun empurrón creador e aperturista favorecido polo bulideiro trasfego económico e social que acontecía neste foro.
2. Antecedentes escolares en Sedes
O primeiro fito documentado do proceso escolarizador en Sedes aconteceu en 1805, ano no que o párroco Juan Antonio Mesía lega as súas propiedades para crear unha escola que se encadraría dentro das “fundacións pías” da igrexa católica (neste caso dedicada á escolarización e instrución da infancia), e así figura no Arquivo Catedralicio de Mondoñedo. Tal como recolle a vontade do fundador no seu testamento, a educación a impartir debería responder a dous obxectivos: formación na moral católica e instrución académica. Establécese así a escolarización gratuíta para as familias da parroquia, xermolo de modernidade e de progreso.
Relevante foi tamén a creación en 1916 da mutualidade escolar “La Concepción”, naquel fervedoiro escolarizador da época, ao que contribuíra a Lei de Asociacións de 1911. Posta a andar polo mestre nacional Luciano Vázquez Seselle xunto con veciños da parroquia, esta adiantada entidade asociativa pretendía fomentar a educación e protexer a escolarización e a saúde da infancia, e presentaba para o rural unha orientación digna de eloxio e merecedora dun estudo en profundidade. O alcance dos seus fins sociais ben merece a nosa consideración; a saber:
– Socorro mutuo de enfermidade e falecemento na infancia.
– Constitución de dotes infantís.
– Formación de pensións de retiro para a futura vellez do alumnado escolarizado.
– Realización de colonias e viaxes escolares, celebración da festa da árbore, obras antialcólicas, de cultura, de hixiene, e outras.
Para merecer a condición de persoa socia mutualista (alumnado de entre 3 e 18 anos), esixíanse unhas certas obrigas éticas que parcialmente poderían considerarse en liña coa transversalidade curricular de hoxe en día: engrandecemento do país (educación cívica); respecto aos niños dos paxaros no verán e compromiso de non cazar os paxaros no inverno para que favorecesen a agricultura, amar e protexer as árbores e as flores, non maltratar animais e non asistir a touradas (educación ambiental); tratar con respecto maiores e todo xénero de persoas (educación para a igualdade); ou non xogar a naipes nin consumir bebidas alcólicas (educación para a saúde).
Pouco tempo despois, en 1921, pasado máis dun século desde a fundación da escola creada polo cura Mesía, e aínda funcionando esta, o benfeitor e emigrante indiano sedense Francisco Sabín Teijeiro, financia a construción dun edificio (que entrega ao Concello de Narón) á beira do terreo no que se celebraba a Feira do 13, de dous andares e dous patios, con moblaxe e material escolar, para dedicalo á nova escola laica e pública de nenas.
Xa a mediados do século XX, contando Sedes con máis de 2.500 persoas censadas, coexistiron simultaneamente na parroquia ata catro escolas: Os Cotos, A Gándara, a fundación pía escolar de Juan Mesía e a escola de Francisco Sabín, a cal funcionou como escola de nenas desde a súa creación ata 1972, momento en que pasou a ser mixta e a actuar como unha unitaria baixo a dirección académica da concentración escolar Colexio Público O Feal. Paralelamente, nese mesmo ano de 1972 as outras tres escolas rurais de Sedes son pechadas precisamente en beneficio do actualmente denominado CPI do Feal (localizado á beira do polígono industrial urbano de Narón, coñecido como As Lagoas), co que quedaba “inaugurado” o continuado proceso institucional de “enfraquecemento” de servizos públicos básicos neste territorio rural.
3. Vixencia centenaria da obra filantrópica de Francisco Sabín
Sabín caracterizábase por unha innata vocación social innovadora, tal como acredita a súa participación activa na xestión de entidades sociais da emigración en La Habana que, xunto coa súa propia experiencia familiar (tías e sobriñas labregas), e mais o seu contacto con sectores progresistas da época en Cuba, deron como resultado a fundación da Escola Rural de Sedes. Neste sentido é de xustiza poñer de manifesto tres realizacións de progreso social materializadas “de facto” polo doador:
– Creou a escola para a educación das nenas, garantindo así unha educación de calidade para elas, e de paso provocou o descenso do amoreamento de alumnado na escola pública que existía daquela.
– Con esta iniciativa proporcionou un recurso para a igualdade de oportunidades das mulleres do rural, co que puideron medrar cultural e intelectualmente a partir da escolarización infantil, tal como lles tiña acontecido ás mulleres avogadas, escritoras ou médicas de La Habana coas que Sabín se relacionara, vantaxe pola que devecía para as mulleres da súa aldea.
– Conquistou logros aínda hoxe reivindicados como a laicidade, a gratuidade e mesmo a pervivencia da escola, doándolla ao Concello de Narón con esa condición e integrándoa no sistema educativo público estatal.
Malia que non puidemos acceder ás memorias anuais escolares, no seu defecto contamos coas testemuñas orais dalgunhas informantes, antigas alumnas desta escola, hoxe mulleres maiores moi activas a nivel comunitario (Julia Montero Couce -do rueiro do Carballo-, Gloria Couce Rivera -do rueiro dos Cotos-, María Jesús Yáñez Montero -Susa, do rueiro dos Barreiros-, entre outras). Grazas a elas puidemos saber que a entidade mantivo o seu labor educativo desde a data da súa fundación, coa fraxilidade e interrupcións parciais propias dos episodios da Guerra Civil. Só nos consta o peche durante un curso escolar, hai doce anos, por razón de falta de matrículas debida a problemas de conciliación familiar ou laboral (non por falta de crianzas, xa que había máis de dúas ducias nese intre). Por este motivo mobilizouse toda a comunidade veciñal, teimuda e estratexicamente, co resultado da reapertura da escola no seguinte ano (e con tan só cinco crianzas matriculadas!), circunstancia que pode considerarse practicamente inédita entre as escolas unitarias de Galicia que foron pechadas.
Hai que significar ademais que no curso 1988-89 créase o CRA de Narón, e a unitaria de Sedes intégrase nesa estrutura escolar (na que segue a manterse a día de hoxe), que achega máis recursos docentes, psicopedagóxicos e didácticos para a escola rural.
Por fin, nesta última década, froito dun labor intencional de información e valorización da calidade educativa deste modelo de escola rural, realizado casa por casa por persoas do colectivo Ateneo Aldeán e da comunidade veciñal, acadouse unha estabilidade na matrícula por riba de dez nenas e nenos de entre 3 e 6 anos, mesmo atraendo alumnado de parroquias lindeiras con escolas xa pechadas.
Cen anos pasan como un río, con mansíos e remuíños… e tras un século de labor educativo case continuado, a veciñanza de Sedes entendeu pertinente a celebración do primeiro centenario da escola e a súa proxección de cara ao futuro, cun extenso programa de actos desenvolvido ao longo do curso 2021-22, que incluía actividades curriculares, pedagóxicas, culturais, comunitarias, institucionais, memorialistas etc.
Como remate deste apartado queremos poñer de manifesto, por un lado, o labor dos mestres e mestras que exerceron a docencia na escola de Sedes, e por outro, que existen outros factores socioeducativos relacionados coa existencia desta escola senlleira, rural e centenaria condicionados a unha análise máis incisiva, nivel que esta sucinta reportaxe non pode acadar.
4. Viabilidade da escola e proposta a futuro da comunidade veciñal
A curto prazo a supervivencia da escola semella garantida, sempre e cando o Concello de Narón siga asumindo o transporte escolar de recollida “porta a porta” para todas as crianzas matriculadas, xa que se trata dun servizo de conciliación esencial para as familias.
En efecto, a Escola Rural de Sedes non só desenvolve un rol importante na educación das crianzas, senón que ademais representa para as xentes da parroquia unha ferramenta útil a fin de harmonizar o desempeño dun traballo retribuído fóra da casa co tempo de vida familiar. Neste contexto, o colectivo Ateneo Aldeán, a comunidade veciñal e as familias presentáronlle á Consellería de Educación en 2017 un proxecto avalado por analistas da socioloxía e da educación, na liña de reformular “ad hoc” as pequenas escolas rurais e de encetar con proxectos piloto en diferentes zonas un novo modelo organizativo ligado a unha planificación específica para o rural.
No caso concreto de Sedes propoñíase engadir, no edificio anexo á escola, unha unidade con oito prazas de 0-3 anos integrada no mesmo CRA, e conseguir así a etapa completa de Educación Infantil. Por lóxica interna, esta ampliación debería acompañarse do persoal necesario e dos servizos complementarios de transporte e comedor. Garantiríase deste xeito a estabilidade dunha matrícula escolar que en moitas ocasións vese obrigada a fuxir da parroquia cara á vila, precisamente na procura de recursos de conciliación laboral e familiar.
Malia que a resposta institucional á proposta presentada non foi positiva, a comunidade veciñal de Sedes teimará na defensa da súa rural e centenaria escola, e seguirá manifestando que a Xunta de Galicia está interpelada e obrigada a unha debida COHERENCIA coas súas outras políticas de dinamización demográfica, co dereito á igualdade de oportunidades e de trato á cidadanía rural, co dereito á conciliación laboral e familiar efectiva, e co mantemento de servizos públicos básicos achegados ao rural, que son garantía de igualdade para calquera lugar do territorio estatal, tal como recolle a Constitución.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:
Referencias
- Filgueira López, Alfonso (2002). Francisco Sabín Teijeiro. Sedes, s/n, p. 34 (publicación anual co gallo das festas parroquiais; esta contribución foi reeditada no voceiro parroquial O peizoque, nº 0, de 2021, promovido polo colectivo Ateneo Aldeán de Sedes).
- Vázquez Seselle, Luciano, López y López, Manuel e Bouza Rodríguez, Luis (1916). Reglamento de Mutualidad Escolar La Concepción (copia cedida por José Manuel Graña, herdada da súa bisavoa Andrea Beceiro Veiga).
- Yáñez Rodríguez, Almudena (1993). Historia del surgimiento de las escuelas de Sedes. Texto elaborado para o Departamento de Teoría e Historia da Educación da Universidade de Santiago de Compostela.