Traballar o plurilingüismo e o multilingüismo cos préstamos
Texto
A definición de multilingüismo (coñecemento e uso de varias linguas) e plurilingüismo (capacidade para interrelacionar varias linguas coñecidas para mellorar a competencia comunicativa) non parecen compangar ben coa realización de actividades nunha aula na que se traballe unha única lingua. Porén, a utilización dos préstamos lingüísticos, mecanismo abondo coñecido de enriquecemento do léxico, é unha ferramenta moi útil para descubrir a diversidade lingüística do mundo e o uso que se fai dela sen saír do propio idioma.
Os préstamos lingüísticos para fomentar o plurilingüismo e o multilingüismo.
O préstamos lingüisticos defínense, segundo C. Junyent (1999, p. 23), como “un elemento dun sistema lingüístico que se incorpora a otro sistema” e son unha constatación de que os pobos, as súas linguas e as súas culturas non viven illadas e sen contactos produtivos co seu arredor, senón todo o contrario.
“Los préstamos son una fuente de información inestimable para conocer el contacto entre los pueblos, su tipo e intensidad. Estudiar los préstamos de una lengua significa adquirir conciencia de cómo el contacto con las comunidades foráneas ha enriquecido el legado cultural de los pueblos y de cómo es posible el intercambio y la comunicación sin que eso implique la renuncia a los propios orígenes” .
(Junyent, 1999, pp. 27)
Unha lingua está a colleitar préstamos ó longo da súa vida comunicativa. Case antes da súa formación, os romances ibéricos apañaron palabras procedentes do árabe de Al Andalus (alfaia, alfaiate, alfoz…). Despois, recolleron termos que escoitaban nos beizos de viaxeiros doutras nacións e culturas (botica, refrán…) ou que volvían de exploraren terras ignotas (tomate, chocolate, te, mocasín…). Máis adiante, os avances técnicos e científicos propiciaron a difusión de palabras procedentes das linguas en que se desenvolvían as investigacións (vatio, gas, volframio…). Hoxe, os préstamos chegan de tódolos recantos do mundo de xeito case instantáneo como un dos produtos derivados da globalización (chip, talibán, tsunami…).
Dende a óptica da lingüística teórica, o estudo do préstamos esixe a referencia ó momento da súa entrada no idioma, á lingua mensaxeira e ás modificacións sufridas polo orixinal, datos todos eles necesarios para comprender o como e o porqué da súa presenza. Para traballar o plurilingüismo e o multilingüismo consideramos, non obstante o anterior, que esta información non é produtiva e atranca o labor de difusión desexado1.
Para salientar o multilingüismo que existe dentro dunha mesma lingua ou, o que é mesmo, a cantidade de idiomas que se empregan falando un só, pódense presentar palabras procedentes dun amplo número de linguas espalladas por todo o mundo: alpaca (<aimará), brindis (<alemán), churro (<valenciano), dársena (<árabe), estepa (<ruso), fantoche (<francés), gabacho (<occitano), harakiri (<xaponés), imprenta (<catalán), lastre (<neerlandés), mate (<quechua), nirvana (sánscrito), ñandú (<guaraní), ópera (<italiano), petaca (<náhuatl), quilombo (<kimbundo), ron (<inglés), sipaio (<persa), tulipán (<turco), ukelele (<hawaiano), volcán (<portugués), xamán (<evenki), zulo (<euskera).
Para perder o medo a unha lingua nova que haxa que aprender, pódense utilizar os seus préstamos para insistir en que xa se coñecen e utilizan moitas palabras procedentes dela. As palabras autocar, bar, cheque, detective, estrés, festival, gol, hándicap, ianqui, líder, mitin, nailon, oeste, póster, quad, revólver, silicona, túnel, unisex, vagón, xersei, zoom… servirán de exemplo para o inglés e, para o francés, valeríanautobús, blusa, esparadrapo, flan, garaxe, hotel, lupa, menú, neceser, ocre, quilla, sílfide, tule, xamón, zigzag…
Proposta de traballo con préstamos.
Un bo xeito de traballar a competencia plurilingüe e o multilingüismo é crear varias actividades tipo Quiz de preguntas e respostas. Eu deseñei dúas modalidades de xogo en que lle prestei especial atención á elaboración das preguntas e ás respostas. Pola natureza da información que se quere transmitir, cómpre que as preguntas conteñan de xeito explícito e nun lugar salientable os coñecementos que supoñan unha aprendizaxe significativa. As respostas deben ser únicas e presentárense sen alternativas.
O linguario (fotografía 1) é un xogo simple de preguntas sobre as linguas de procedencia das palabras. Velaí algúns exemplos:
- ¿De que idioma mediterráneo falado en catro estados procede a palabra capicúa? (= Catalán)
- A polca é un baile de orixe polaca. ¿En que idioma falado por 11 millóns de persoas en Austria, Eslovaquia, Polonia e República Checa ten a súa orixe a palabra? (= Checo)
- O canguro é un animal propio da Australia. ¿De que lingua falada na actualidade por unhas 800 persoas na zona de Queensland procede a palabra que o designa? (= Guugu yimidhirr)
Para romper a rutina das preguntas sobre nomes comúns, tamén se poden incluír cuestións sobre nomes propios, marcas ou produtos comerciais ou culturais.
- A coca-cola é unha bebida tipicamente norteamericana, pero ¿de que lingua americana oficial en Ecuador, Bolivia e Perú procede a palabra coca? (= Quechua)
- ¿E cola? (= Ewé, lingua africana falada en Ghana, Togo e Benín)
- Hakuna matata, expresión do filme estadounidense O rei león, significa ‘non te angusties’, ¿en que idioma?(= Suahili)
Se o xogo se deseña en versión electrónica, para o que abonda con calquera programa para preparar presentacións, é posible acompañalo de imaxes ou de sons que axudarán a centrar a atención e darán pistas sobre a resposta.
O abelinguario, que está baseado no xogo Pasapalabra, popularizado por varias canles de TV, consiste nun conxunto de 23 preguntas cunha resposta que comeza por cada unha das letras do alfabeto. No caso de non dispor de verbas que comecen por esa letra, pódese buscar outra que a conteña ou que remate nela, facendo as indicacións necesarias.
- Contén -Ñ-. Do quechua, mamífero andino da familia dos camélidos cunha pel de cor amarelada que se utiliza en peletería. (= Vicuña)
- R-. Da lingua norueguesa, signo gráfico das esculturas rúnicas. (= Runa)
As preguntas poden formularse para que a súa resposta sexa a palabra prestada (fotografía 2) ou a lingua prestante (fotografía 3). Neste último caso, o nivel de dificultade é maior porque as palabras adoitan ser coñecidas, mais, sobre as súas linguas de orixe, hai maior descoñecemento.
- A-. Lingua, unha das cinco máis faladas do mundo, da que procede a palabra oxalá. (= Árabe)
- C-. A rumba é unha composición musical da que hai exemplos na música de moitas culturas. ¿De que lingua da península Ibérica procede a palabra? (= Castelán)
- D-. A marca de xoguetes Lego formou o nome por abreviación da expresión leg godt, que significa ‘xogar ben’, ¿en que lingua? (= Danés)
O xogo pode deseñarse en papel ou para presentar nun ordenador. De ser esta a opción escollida, hai na rede deseños xa creados dos que se eliminarán as letras j, k, w, y que non se usan no galego. O modelo que eu empreguei está elaborado sobre un patrón do programa Powerpoint da empresa Microsoft por Juan Daniel Sobrado, un enxeñeiro que mantén un blog para formadores (https://learninglegendario.com/plantillas-powerpoint/).
En calquera dos xogos propostos trabállase a competencia plurilingüe ó facer patente que unha persoa, cando fala, utiliza un compendio de múltiples linguas. Dese xeito, tense camiño andado para intentar comunicarse noutros idiomas perante os cales non se debe sentir ningún medo. De por parte, tamén se exercita a competencia lingüística de xeito activo porque se aprenden palabras novas e, de xeito pasivo, porque hai unha exposición constante á mellor maneira de explicar con corrección, aínda que festivamente, o significado das palabras.
En conclusión, o traballo cos préstamos lingüísticos demostra que calquera lingua, sen importar o seu status oficial nin a consideración social que os seus falantes lle atribúan, posúe palabras que o resto do mundo precisa. Ademais, fomenta o respecto pola diversidade lingüística e axuda a desfacer o prexuízo de que o galego é unha lingua creada por un grupo de persoas incultas pechadas nunha terra incomunicada, senón que, igual có resto, é un compendio de múltiples linguas faladas nos distintos recantos do mundo.
NOTAS AO PÉ
- 1 Con todo, si podería ser relevante indicar se o préstamo xa non existe ou ten outro significado na lingua de orixe porque este aspecto afecta á competencia plurilingüe e convén clarexalo debidamente.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats:
Referencias
- Carballeira Anllo, X. (coord.) (2009): Gran dicionario Xerais da lingua. Vigo: Xerais.
- Corominas, J. (19803): Breve diccionario etimológico de la lengua castellana. Madrid: Gredos.
- Junyent, C. (1999): La diversidad lingüística. Didáctica y recorrido de las lenguas del mundo. Barcelona: Octaedro.
- Moreno Cabrera, J. C. (20162): La dignidad e igualdad de las lenguas. Crítica de la discriminación lingüística. Madrid: Alianza Editorial.