Para sabermos algo máis…
Texto
Webs con información básica sobre Cambio Climático
- Curva de Keeling (https://keelingcurve.ucsd.edu/): A curva de Keeling é unha gráfica que reconstrúe a evolución das concentracións de dióxido de carbono sumando as medidas tomadas desde 1958 no observatorio de Mauna Loa (Hawaii), con outros datos derivados das testemuñas de xeo, amosando a evolución deste gas na atmosfera terrestre nos último millón de anos. Pode ser un recurso visual excelente para explicar como a intensificación da actividade humana dende o comezo da revolución industrial está a converterse nunha variable capaz de transformar o clima. Con menos riqueza de recursos, a Agencia Estatal de Meteorología (AEMET) tamén ofrece a curva de CO2 a partir das observacións feitas no seu observatorio de Izaña, nas Illas Canarias (https://izana.aemet.es/).
- Observatorio Galego da Acción Climática (https://ogacli.org/) : O OGACLI é unhainiciativa cidadá cuxos obxectivos principais son contribuír a avaliar e impulsar a acción climática das Administracións públicas e empresas en Galicia, e fortalecer a conciencia social verbo da urxencia de actuar fronte á emerxencia climática global. Este observatorio ofrece información rigorosa, integral e actualizada sobre a incidencia do cambio climático en Galicia e sobre os retos da transición enerxética e a descarbonización no noso país.
- ADAPTECCA (https://www.adaptecca.es/): AdapteCCa é unha plataforma de consulta e intercambio de información en materia de impactos, vulnerabilidade e adaptación ao cambio climático. A web está impulsada conxuntamente pola Oficina Española de Cambio Climático e a Fundación Biodiversidad, ambas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Entre os múltiples recursos con potencial educativo que ofrece destaca un visor de escenarios de cambio climático que permite simular diferentes situacións no territorio peninsular en función das evolucións posibles da temperatura e a precipitación (https://escenarios.adaptecca.es/).
- O libro do clima (https://catroventos.gal/product/o-libro-do-clima/): Co apoio de investigadoras e investigadores de todo o mundo, Esther Gonstalla traduciu os datos científicos sobre o quecemento do planeta e as complexas relacións que hai entre eles en 50 gráficos claros e reveladores. Un libro da editorial Catro Ventos que achega de forma amena e clara moitos conceptos e datos sobre o cambio climático que poder empregar na aula.
Iniciativas relevantes
- RESCLIMA (http://www.resclima.info/) : O proxecto RESCLIMA, explora a lóxica complexa que preside a construción do coñecemento común sobre o cambio climático e o papel que xoga a transposición da cultura científica neste proceso. RESCLIMA obedece á necesidade de ampliar os coñecementos sobre o “factor social” do cambio climático para a súa aplicación no deseño de programas e recursos educativos e comunicativos sobre esta problemática socio-ambiental, en particular, e sobre a crise ambiental en xeral. A web permite acceder a publicacións e materiais elaborados no marco do proxecto e, de forma destacada, aos recursos do programa “Descarboniza! Que non é pouco…” (http://www.resclima.info/descarboniza), que ten como obxectivo principal a dinamización de grupos de persoas dispostas a contribuír a descarbonizarse e a aumentar a resiliencia das súas comunidades fronte ao cambio climático para facilitar a transición cara a sociedades de baixas emisións.
- EsEnRed (https://esenred2030.blogspot.com/): ESenRED (Escuelas hacia la Sostenibilidad en Red) é unha rede estatal de centros educativos sustentables non universitarios que traballan no marco de programas de ambientalización escolar promovidos por diferentes iniciativas das administracións públicas de todo o Estado (Comunidades Autónomas, Concellos, Diputacións, etc). Cun enfoque ecosocial, constitúe unha das redes máis dinámicas para a articulación de iniciativas ligadas á sustentabilidade en centros educativos, tanto no que respecta a contidos sobre os que traballar como en relación a metodoloxías e procesos educativos que poñer en marcha.
- Plan de Educación Ambiental para la Sostenibilidad (https://www.miteco.gob.es/es/ceneam/plan-accion-educacion-ambiental/): O Plan de Educación Ambiental para a Sustentabilidade (PAEAS) eríxese como o novo documento estratéxico para o deseño e aplicación de iniciativas de Educación Ambiental no Estado Español. Elaborado polo Ministerio de Transición Ecológica e Reto Demográfico en colaboración co Ministerio de Educación e Formación Profesional, establece un marco de traballo con seis eixos operativos e 61 accións clave a desenvolver pola Administración Xeral do Estado nun período de 5 anos desde a súa aprobación (agosto 2021), así como orientacións de traballo e propostas de acción para outras administracións, sectores e axentes implicados.
- Existential Toolkit (https://www.existentialtoolkit.com/): A dimensión emocional está a adquirir un crecente protagonismo nas iniciativas educativas ligadas ao cambio climático. A xestión de sentimentos como o dó ecolóxico ou a ecoansiedade contrasta coa necesidade de achegar recursos emocionais para xerar esperanzas de cambio ecosocial. A páxina deste proxecto presenta unha recompilación de ferramentas centradas en abordar o impacto emocional da emerxencia climática a partir de experiencias concretas, estudos académicos e mesmo historias persoais relacionadas coas motivacións do activismo climático.
- Imagination and Climate Futures Initiative (https://climateimagination.asu.edu/) : A transición cara a un futuro desexable precisa de imaxinarios e relatos posibles que inspiren e orienten as accións humanas. Neste sentido, o xénero da ciencia-ficción ten contribuído notablemente á xeración destes escenarios futuros, mesmo influíndo na toma de decisións políticas. A iniciativa Imagination and Climate Futures Initiative (Imaxinación e Futuros Climáticos), explora como a ciencia-ficción pode moldear a nosa imaxinación e relacionarse coa ciencia do clima para influír na vida social e política. Na súa páxina pódese acceder tanto a investigacións académicas sobre o tema como a materiais educativos específicos para a creación doutras narrativas sobre posibles futuros.
Outros recursos de interese
- Conoce y valora el cambio climático: Propuestas para trabajar en grupo (http://www.mapfre.com/ccm/content/documentos/fundacion/prev-ma/cursos/guia-conoce-y-valora-el-cambio-climatico.pdf): Guía elaborada de actividades de Educación Ambiental centradas nas dimensións menos coñecidas do cambio climático. Está dirixida principalmente ao alumnado de secundaria, pero poden adaptarse facilmente a outros contextos educativos. As actividades comparten unha lóxica de reflexión colectiva coa que se pretende concienciar sobre como todos somos parte do problema e, á vez, da súa solución. A guía conta con actualizacións e adaptacións á realidade portuguesa (https://documentacion.fundacionmapfre.org/documentacion/publico/es/media/group/1077145.do) e mexicana (https://ebooks.uv.mx/product/conoce-y-valora-el-cambio-climtico-propuestas-para-trabajar-en-grupo).
- FUHEM (https://www.fuhem.es/): FUHEM é unha fundación independente sen ánimo de lucro que promove a xustiza social, a democracia e a sustentabilidade ambiental, a través da actividade educativa e o traballo en temas ecosociais. Conta cun apartado específico na súa páxina con recursos didácticos (https://www.fuhem.es/educacion/recursos/) onde se pode acceder a varios materiais relacionados co cambio climático nos centros educativos. Cabe destacar a edición de materiais curriculares cun enfoque ecosocial dirixidos á educación secundaria.
- Movementos pola xustiza climática (https://juventudxclima.es/ e https://www.extinctionrebellion.es/): Tanto polo seu impacto social e mediático como, sobre todo, pola súa potencialidade como referentes para o alumnado, as páxinas web dos colectivos Juventud por el clima (a marca do movemento Fridays for Future no Estado Español) e Extinction Rebelion, recollen boa parte das súas accións e obxectivos en relación ao quecemento global e o cambio climático, nomeadamente no que respecta ás accións de sensibilización, acción directa non violenta e desobediencia civil para persuadir aos gobernos de que actúen con xustiza diante das emerxencias climática e ecolóxica.
- Conferencia de James Lovelock: “Climate change on a living planet” (2009) (https://www.usc.es/gl/cursos/conciencia/premio_fonseca2009.html): Conferencia impartida polo científico británico James Lovelock, recentemente falecido, na recepción do Premio Fonseca de comunicación da ciencia na súa edición de 2009 en Santiago de Compostela. Trátase do autor da “Teoría de Gaia”, que ten inspirado fortemente o movemento ecoloxista e nivel mundial. Nesta conferencia fai un relato sintético e lúcido sobre a interferencia do ser humano na biosfera e sobre as súas consecuencias, ofrecendo tamén unha lectura sobre un futuro onde o cambio climático o altera todo.
- Conferencia de Teresa Franquesa: “Educación y cultura de la sostenibilidad (2021)(https://www.youtube.com/watch?v=rpZU0Sze8D4): Conferencia impartida por Teresa Franquesa noCongreso Internacional da Sociedad Iberoamericana de Pedagogía Social (SIPS), celebrado en Lugo en 2021. Teresa é unha das figuras máis relevantes do campo da Educación Ambiental no Estado Español, tanto a nivel académico como pola súa actividade dende a Societat Catalá de Educació Ambiental e outras organizacións ambientalistas catalás. Nesta conferencia comparte un conxunto de valiosas reflexións sobre a conxuntura actual e a evolución desexable da Educación Ambiental no actual contexto de emerxencia climática e crise socioambiental.
- Mesa de debate sobre Educación Ambiental e Sistema Educativo nas IV Jornadas Estatales de Educación Ambiental para la Sostenibiblidad (2022) (https://youtu.be/4uwRAx8YmN8): Mesa de debate ao redor do Eixo 3 do PAEAS (Sistema Educativo), co título “Integración de la sostenibilidad en el sistema educativo y formativo”. Conta coa participación de Silvia Velázquez y Ángeles Cárdaba, do Ministerio de Educación y Formación Profesional, e de José Manuel Gutiérrez, do Ingurugela CEIDA de Bilbao y dinamizador de EsEnRed.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats: