Tempo de revisión e de afirmación

Texto

O certo é que a nova lei educativa, a LOMLOE, tivo aínda limitada repercusión no día a dia das aulas. Isto non é de sorprender cando os currículos de educación primaria, secundaria e bacharelato viron a luz en Galiza a finais do mes de setembro, días despois de comezar a actividade lectiva en todas as etapas educativas. Tampouco sorprende, ao considerarmos a falta de traballo colectivo previo arredor das importantes novidades, tanto desde o Ministerio de Educación, como, en particular, desde a Consellería de Educación, renitente a modificar a conservadora LOMCE en tantos aspectos.

Por iso, aínda nos atopámonos no remuíño de tarefas que supón adaptar todos os documentos programáticos dos centros ás novas normativas derivadas da Lei: un tempo necesario para as/os profesionais da educación, pois cómpre unha lectura pormenorizada do novo ideario normativo e pedagóxico, unha reflexión informada sobre a realidade concreta na que se atopan exercendo a súa función educativa e un imprescindible traballo de contextualización dos documentos na realidade de cada centro e do seu alumnado. Un tempo de necesarias lecturas, reflexión, crítica, construción de coñecemento e toma de decisións que deberían facerse con condicións de traballo moi afastadas das efectivamente vividas nestes meses que levamos de curso.

O que vivimos día a día como realidade educativa non deixa espazo para todo o anterior, pois combina un inicio de curso adiantado e singular, cos recortes do profesorado e coa improvisación que supón ter que realizar, simultaneamente, o coñecemento do currículo ⎯que é coñecemento das súas bases, fundamentos e trazos da súa arquitectura orgánica⎯ e a súa aplicabilidade nas aulas. Ademais, tampouco debemos esquecer que neste curso conviven nas aulas as modificacións á LOE que supuxo a LOMCE e a LOMLOE, debuxando escenarios educativos máis preocupados por ter claras cales son as características e condicións das funcións educativas en cada caso, que polo que habería ser a dimensión máis global que supón o proxecto educativo.

En descargo, poderíamos pensar que isto é unha situación puntual e pasaxeira, e que pouco a pouco volveremos a unha situación máis acalmada que nos permita ter tempos e espazos que son necesarios para atender ao noso alumnado, ás súas necesidades, motivacións, intereses… aínda que a política educativa vivida nos últimos corenta anos lévanos a facernos a pregunta de: canto se tardará en ter de novo outras modificacións en sentido contrario? Toda unha incógnita á que, por desgraza, xa estamos acostumados. En todo caso, está nalgunha medida nas nosas mans, como cidadáns informados, procurar evitar que isto volva suceder, de modo que, tomando en consideración todas as bondades da LOMLOE poidamos avanzar con conciencia de axentes activos nese avance.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir