Tensións políticas no desenvolvemento da LOMLOE
Texto
A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE) veu ser o piar que serviu de base para a LOMLOE, Lei orgánica 3/2020, aprobada o 29 de decembro. Unha lei necesaria para substituír a LOMCE, porque reafirma a educación pública, promove a inclusión en todos os centros sostidos con fondos públicos, reforza a orientación aconfesional, atende máis os dereitos da infancia, reforza as capacidades curriculares das CCAA, como a de Galicia, fronte ao conservador rearme españolizador, devolve capacidades de decisión e de autonomía aos centros escolares, promove a responsabilización docente, reordena áreas, incorpora instrumentos para a mellora dos procesos de aprendizaxe e esixirá a necesaria avaliación da competencia lingüística adecuada nas dúas linguas oficiais.
A súa aplicación esixe a renovación dos Decretos curriculares de Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato, co antecedente da aprobación dos Reais Decretos dos distintos ‘ensinos mínimos’, desde a que proceder á dos Decretos autonómicos correspondentes. Unha ‘operación’ complexa e sometida a procesos de elaboración intensos e demorados. Non se trata de ‘colocar e distribuír contidos académicos’ a través dos cursos e horarios asignados [1].
Fronte ao modelo “transmisivo”, que parte dunha visión sistemática de contidos (por áreas e/ou por materias) a desenvolver, poñendo fincapé no “ensino”, a UE —tomando en consideración desde 2006 as achegas procedentes da psicoloxía cognitiva e das neurociencias, da pedagoxía e doutros campos sociais, nunha contorna social con inflexión informacional dixital—, apostou polo paradigma do “Currículo por competencias” e afirmou a dimensión de “aprendizaxe”, vindo sinalar que os contidos culturais a adquirir na educación, fundamentais para a comprensión crítica das diversificadas contornas científicas, humanísticas e sociais das persoas, deben ser provistos a partir da problematización, dos interrogantes, da motivación e intereses de quen aprenden, con estratexias didácticas que favorezan estas operacións.
Isto supón un nidio aumento da responsabilidade docente, que debe ter o correlato da formación e acompañamento técnico. A LOMLOE inclínase decididamente cara ao currículo por competencias, que obrigará a situar nun plano secundario as materiais (como ‘depósitos formalizados de saberes específicos’), dándolles maior protagonismo ás “situacións de aprendizaxe”, ao ensino significativo, á súa funcionalidade, aos descritores operativos das competencias, aos perfís de saída… o que obrigará a formular un traballo en común entre o profesorado dun ciclo, dunha etapa, dun curso… Un traballo necesariamente ensamblado en cada centro escolar como unidade organizativa e de vida, con marxes de autonomía a construír. Nada doado.
Esixe cambiar perfís docentes, hábitos, modos de acción e supera a idea de que ‘hai que facer o que se indica no DOG’, pois vai formar parte do laboratorio mental de cada docente e da posta en común. Para isto non axuda que o actual Goberno central e a maioría parlamentaria de apoio decidisen comezar coa aplicación dos novos currículos neste próximo setembro, sen un período de experimentación e aclimatación, o que só se entende debido á presión ocasionada polos sectores conservadores, no sentido de que, se en 2023 chegasen á gobernación, abanearán de novo a política educativa. Non debería ser deste modo o proceder.
Esta reflexión sérvenos para separarnos das declaracións do Conselleiro de Educación, cando di que os novos Decretos ministeriais chegan ‘tarde, mal e a rastro’, que ‘desvalorizan a calidade’, ‘desincentivan o esforzo e a motivación do profesorado e do alumnado’, ‘teñen unha altísima carga ideolóxica e política’… Probabelmente, non están exentos de interrogantes, pero dos conservadores tamén depende que se poidan examinar con reflexión e tempo oportuno de observación.
Logo, queda por falar das materias concretas (ou dos espazos) que van ou non nos varios Decretos, da intensidade horaria e colocación, en cada caso. Hai múltiples concrecións a examinar sobre o fondo de escenario aquí debuxado. Este espazo de reflexión debera existir institucionalmente en Galicia e non o hai. Outra responsabilidade da Xunta.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats: