Mudanzas na FP. Luces e sombras
Texto
No ano 2008 a RGE editou un número, o 42, dedicado a analizar a situación da FP naquel momento. Doce anos despois, este monográfico pretende poñer enriba da mesa os cambios que se foron vivindo nesta etapa educativa, contribuír á súa visibilización e a un maior coñecemento das peculiaridades dunha etapa que non deixou de se adaptar ás necesidades dos novos tempos para dar resposta aos requirimentos da sociedade e á equiparación do sistema educativo galego co doutros países da nosa área de influencia.
No ano 2008 a RGE editou un número, o 42, dedicado a analizar a situación da Formación Profesional naquel momento. Doce anos despois, este monográfico pretende poñer enriba da mesa os cambios que se foron vivindo nesta etapa educativa, contribuír a súa visibilidade e a un maior coñecemento das peculiaridades dunha etapa que non deixou de se adaptar ás necesidades dos novos tempos para dar resposta aos requirimentos da sociedade e á equiparación do sistema educativo galego co de outros países da nosa área de influencia.
Da man de profesionais que están a traballar, desde distintos eidos, na ou sobre a formación profesional en Galicia, centramos a atención en diferentes aspectos que axudan a unha mellor comprensión do devir desta etapa educativa no noso país, facendo unha análise crítica e apuntando vías de mellora ou optimización cando sexa o caso. Vaia por diante o noso agradecemento a todas estas persoas que fixeron posíbel este monográfico.
Atrás queda a concepción, xurdida na Lei Xeral de Educación (1970), coa que se incorporou a formación profesional regrada ao sistema educativo. Durante anos tivo unha baixa consideración social, observándose como unha sorte de educación compensatoria na que recuncaba o alumnado que non acadaba o éxito no ensino obrigatorio ou no Bacharelato. Converteuse, en moitas ocasións, nunha educación de segunda oportunidade na que unha parte do alumnado conseguía recuperarse do seu fracaso e acadar unha cualificación específica conducente a unha titulación profesional.
Neste monográfico Úrsula Amoedo e Javier Hermida realizan unha comparativa da evolución da FP nos últimos tempos, aproximándonos aos factores que seguen a frear o seu avance e a algunhas posíbeis solucións. Na mesma liña de análise histórica, David Alvariño achéganos algúns apuntamentos sobre a evolución das institucións nas que se imparte FP na rede pública e unha descrición das súas características nun modelo ‘mixto’, centros que acollen diverso tipo de ensinanzas fronte a outros máis específicos.
Alén diso, nestes últimos anos produciuse unha racionalización da oferta formativa, cunha actualización do Catálogo de familias profesionais, caracterizada pola incorporación dos axentes sociais na definición dos plans de estudo da FP; ao tempo, realizouse un esforzo por adaptar a normativa na procura dunha homologación dos títulos, para facilitar a libre circulación de traballadoras e traballadores dentro da Unión Europea. Arturo Iglesias introdúcenos no proceso de deseño e creación dun título LOE cunha reflexión sobre como se está a desenvolver a súa implantación. Este proceso de cambio, no que a FP é recoñecida como unha acción de prestixio para acadar unha inserción profesional efectiva, non está exento de desafíos que atinxen a profesionais e recursos. José María Cerviño analiza algúns aspectos relevantes para unha docencia de calidade neste tipo de ensinanzas, compartindo ideas para un aproveitamento óptimo dos recursos.
Así e todo, a pesar dos esforzos realizados, seguen a constatarse dificultades no desenvolvemento da innovación pedagóxica na FP. Eva M. Barreira, Laura Rego-Agraso e Raquel Mariño aproxímannos ao modelo de promoción das prácticas innovadoras na FP en Galicia, propoñendo posíbeis melloras a introducir no mesmo.
Paralelamente, o sistema ten o reto e a obriga de dar resposta ás persoas desempregadas e a aqueloutras que foron adquirindo competencias profesionais por experiencia laboral ou por vías non formais de formación. María Jesús Fraga e Xurxo Fernández, desde a experiencia do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol, onde desenvolven o seu labor profesional, achégannos ao proceso de recoñecemento e acreditación do saber profesional adquirido mediante a experiencia e ao procedemento de formación de persoas desempregadas.
Un mínimo estudo comparativo permítenos apreciar as diferenzas que existen entre uns estados e outros, motivadas polas características propias de cada un deles e tamén polas particularidades no contexto, na tradición e no ‘status’ da formación profesional. Isto pode explicar por que as medidas non son directamente transferíbeis dunha situación a outra. Xosé Romarís analiza unha nova modalidade de FP que se abre camiño na nosa contorna, a FP Dual que, complementada co resto da oferta, amplía as posibilidades de dar resposta ás necesidades de cualificación dos distintos colectivos cun maior axuste aos seus intereses persoais.
Compleméntase o Monográfico coa sección de Para sabermos algo máis…, na cal se presenta unha escolma de referencias bibliográficas para aquelas lectoras e lectores que desexen seguir afondando no tema.
Por último, somos conscientes de que hai temáticas e perspectivas que puideron non ter cabida neste número, mais confiamos en que as propostas incluídas contribúan a manter abertas canles de reflexión e debate sobre unha etapa do sistema educativo que, sen dúbida, seguirá a estar de actualidade nos vindeiros tempos.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats: