Ao abeiro do decreto 79/2010
Texto
Pasaron dez anos dende a publicación do Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia. Unha década na que as políticas que afectan a lingua e a cultura de noso, e tamén o mundo do ensino, sufriron mudanzas importantes. Aos cambios normativos operados sumáronse os recortes orzamentarios, no marco do afianzamento dunha visión neoliberal e recentralizadora que callou en amplos sectores da sociedade. Malia que se puido constatar a resposta institucional e a mobilización cívica fronte á regresión lingüística e educativa, non é menos certo que ese rexeitamento non chegou a cristalizar nun cambio político e de gobernación que permitise albiscar mudanzas dun certo alcance.
Este monográfico esténdese alén do “tema” a través de varias seccións, desde as que tamén se pon a lupa na consideración dos distintos elementos que marcaron esta década no ámbito da lingua e do papel que o ensino veu desenvolvendo en calidade de axente normalizador. O Decreto para o Plurilingüismo constitúe un fito de interese, que debe ser considerado á luz doutros aspectos contextuais que afectan a lingua e a cultura, e tamén o ensino, como institución social.
Son dous os obxectivos que se pretenden:
- Facer un balance do que supuxo para a lingua e a cultura de noso esta década, con especial atención ao papel do sistema educativo, deténdose na análise do desenvolvemento e efectos do Decreto 79/2010.
- Coñecer propostas de futuro para a normalización do idioma que consideren o papel do sistema educativo nunha perspectiva de actuacións sociais de conxunto.
Para a elaboración do número contouse, ata onde o espazo o permitía, cunha pluralidade de perspectivas, atendendo tanto ao educativo canto ás reflexións de carácter sociopolítico, combinando tamén a abordaxe institucional, profesional e cívica.
A lectura das diferentes achegas pon no primeiro plano a preocupación pola ausencia de datos, ao non se cumpriren as previsións respecto da avaliación institucional que de maneira prescritiva ten que facer a consellería, reflectidas nas disposicións adicionais 2a e 5a e, no que puidese corresponder, nas indicacións do art. 14.5 do Decreto 79/2010. Paralelamente, ao longo deste tempo foron coñecéndose distintos estudos que constatan o devalo lingüístico e cuestionan o papel da escola como axente normalizador; distintas análises a partir dos datos periódicos do IGE e doutros estudos sectoriais, ou mesmo circunscritos a ámbitos territoriais concretos supoñen un chamado de atención. É recorrente a posición de instancias institucionais con competencias na lingua e/ou na educación, entidades cívicas, ou organismos internacionais como a Comisión Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, coincidentes en reclamaren un cambio de rumbo na política lingüística que garanta a progresividade do galego no ensino tal e como lle encomenda a Lei de Normalización Lingüística á institución educativa.
Outro foco central e compartido é a necesidade de estimular o papel doutros axentes sociais e educativos como aliados da escola, en sintonía coas formulacións asociadas á idea da sociedade educadora, evitando circunscribir exclusivamente na institución educativa a responsabilidade respecto da normalización lingüística e cultural. Nesa liña son moi relevantes as ideas e propostas concretas que procuran un vínculo estreito entre a escola e a súa comunidade de referencia, ou que mesmo se proxectan a través de redes sociais ampliando a súa incidencia.
As diferentes colaboracións identifican os problemas de distinta índole que trouxo consigo a aplicación do Decreto 79/2010, mais non renuncian á súa superación reclamando para a institución educativa un papel proactivo, capaz de combater prexuízos e recuperar falantes entre a infancia e a mocidade, e que, en definitiva, traballe para reverter a actual situación. Desde a Revista Galega de Educación queremos agradecerlles a todas e cada unha das persoas colaboradoras a súa teimosía na construción dese relato vizoso e normalizador que pula por “rompe-la maceta do bonsai e deixalo medrar coas raíces na terra”, tal e como pedía o prezado mestre Agustín Fernández Paz no seu artigo “A cultura do bonsai” co que abría o primeiro número da RGE en 1986 a sección “O estado da lingua”.
Agardamos que os lectores e as lectoras que se acheguen a este número atopen nel argumentos, ideas e reflexións desde os que renovar o seu compromiso cunha pedagoxía que, tomandoprestado o lema de Paz Andrade, teña a Galicia como tarefa.
Descargar artigo
You can download this paper in the next formats: