Xeración Nós (Eles/Elas… e mais nós)

Texto

Hai cen anos saía adiante a Revista Nós como afirmación socio-cultural e lingüística dun grupo de pensamento e de acción galeguizadora e democrática. Facíao con antecedentes varios, como a creación das Irmandades da Fala coa edición de A Nosa Terra, e de camiño viría a do Seminario de Estudos Galegos (1923). A importancia que estas iniciativas tiveron para a historia social, política e cultural de Galicia transcendeu aquel tempo, de modo que falamos da Xeración Nós (nun sentido lato, ao que aquí nos acollemos). E tamén nos alimentamos da memoria fértil das loitas e iniciativas do pasado: vendo e recoñecendo o valor daquelas iniciativas e loitas queremos incorporalas para o noso presente, pois queremos seguir labrando HOXE novas iniciativas galeguizadoras e democráticas.

Vivimos neste 2020 nun escenario de revisión socio-política, que só os conservadores queren atrancar, con directa incidencia no educativo: tanto a escala española, onde se impón o diálogo para un novo pacto de convivencia que obriga a repensar a organización política no seu conxunto, como en Galicia, onde poderá darse unha renovación de actores no escenario das institucións políticas, porque acudimos a tempos novos, que precisan de programas pensados con horizonte de nación, isto é, para as maiorías sociais, de fondo acento democrático, desde as máis esixentes necesidades, restauradores da dignidade das persoas, e sabéndonos ‘célula de universalidade’. Para isto invitamos ás organizacións políticas a estar realizando xa ese traballo de propostas programáticas publicamente expostas e recoñecibles, xunto coa articulación política que corresponda.

No plano estritamente educativo compre aproveitar a ocasión para repensar aspectos fundamentais sobre que educación precisamos para a sociedade española no conxunto e para a sociedade galega: de inmediato débense seguir eliminando os aspectos máis negativos da LOMCE, mais deberíamos avanzar na elaboración dun novo proxecto de lei orgánica de educación, sometido a un efectivo e amplo debate social de índole similar ao que se levou a cabo para a aprobación da LOXSE. Sobre esta base, social e xurídica, poderá abrirse paso, xunto coa revisión do actual Estatuto de Autonomía, a elaboración e aprobación da primeira Lei Galega de Educación.

A limitada renovación demográfica xeracional, o rural galego que mantén grandes bolsas de desarticulación, as carencias sociais que limitan as oportunidades das cualificadas xeracións mozas para vivir en Galicia, os condicionantes sociais que perviven nas redes privadas e públicas de escolarización, o desleixo que, en diversas situacións, se mantén con respecto á lingua galega, entre outros factores, inciden negativamente no desenvolvemento educativo e han ser motivo de atención.

Ademais, debemos ter en conta que a profundidade dos cambios socio-culturais que ocorren na escala global está incidindo no papel e finalidades dos sistemas públicos de educación, de xeito que obrigan a un serio exercicio de prospectiva social; por outra parte, debemos fortalecer a conciencia colectiva de que como pobo e cidadanía galega precisamos fortalecer o horizonte de progreso social querido e proxectado desde Nós, abrindo camiños e dándolle sentido histórico ao que quixeron construír os da Xeración Nós.

Descargar artigo

You can download this paper in the next formats:

Banners

Compartir